Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio, Unión Comarcal A Coruña, Hostalaría, Accion sindical

Asinado o novo convenio provincial da hostalaría da Coruña


convenio hostalaría coruña

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa do asinamento do convenio colectivo da hostalaría da provincia da Coruña. O sindicato salienta que este convenio permite mellorar os salarios, cunha suba do 11,75 % durante a vixencia do texto. Tamén inclúe melloras para a conciliación da vida familiar e laboral, en materia de formación e tamén no tocante á contratación, coa transformación de contratos a tempo parcial noutros a tempo completo.

O novo convenio ten vixencia ata o 2024 e inclúe unha suba salarial para este ano do 4%, do 3,75% para o 2023 e do 4% no derradeiro ano de vixencia. Para este ano prevese o pagamento de atrasos con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, que se deberán aboar antes de marzo do 2023. Se o IPC acumulado durante a vixencia do convenio supera o 11,75%, axustarase nas táboas salariais do ano 2025 co 50% da diferenza.

Contratación e condicións laborais

En materia de contratación, os fixos-descontinuos terán un chamamento mínimo de cinco meses, cun preaviso de dez días. Haberá posibilidade de consolidcación do 50% se superan os cinco meses en dous anos. Estas mesmas condicións esténdense aos contratos a tempo parcial, cun mínimo de catro horas de xornada diaria e vinte de semanal.

Asemade, os contratos indefinidos deberán representar, polo menos, o 65% dos rexistrados na empresa.

Dereito á desconexión

As empresas non poderán enviar mensaxes ou correos profesionais fóra do horario laboral agás en casos de urxencia e non poderá haber sancións polo feito de non atender as citadas comunicacións.

Formación

Establécese un complemento de vinte euros mensuais para cada persoa traballadora en empresas que non acrediten impartir formación nas condicións que establece o convenio.

Camareiras de piso e repartidores

Por outra parte, a partir do 1 de abril do vindeiro ano, á categoría de camareiro ou camareira de piso aplicaráselle a regulación establecida no artigo 42.6 do Estatuto dos traballadores —de aplicación para as empresas contratistas e subcontratistas.

Así mesmo, nas empresas onde as persoas traballadoras fagan reparto a domicilio en vehículo, aplicaráselles o convenio de hostalaría da provincia da Coruña.