Archivado en Comunicados, Mujeres e Igualdad, Muller

28 de Maio, Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres: mellorar a saúde das mulleres no mundo


28M saúde mulleres

O día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres caracterízase por pór de relevo os temas e estratexias dirixidas a mellorar a saúde das mulleres no mundo e facer unha reivindicación polos dereitos sexuais e reprodutivos.

Fai xa máis de trinta anos que se vén celebrando esta data para dar visibilidade e denunciar os problemas das mulleres para gozar dunha vida saudable e segura. Neste contexto, poderiamos facer unha enorme lista que dependendo do lugar do mundo ao que miremos, atopariámonos nun enclave distinto dentro da nosa axenda feminista, pero atravesado en calquera caso por unha cultura androcentrista, falta de perspectiva de xénero ou claramente a vulneración de dereitos humanos das mulleres. Ler máis


No campo da saúde, moitos estudos baseáronse en síntomas ou ensaios realizados sobre o corpo do home. Isto orixinou nalgúns casos, a falta dun bo diagnóstico, por ter sintomatoloxías diferentes ou maiores efectos secundarios na administración dalgúns fármacos, etc. Isto non só sucede segundo as diferenzas biolóxicas.

A pesar do avance nos dereitos das mulleres, a sociedade aínda está ancorada na cultura patriarcal de onde as mulleres teñen aínda moitas dificultades para saír como é a asunción na responsabilidade da atención e coidado da familia e o fogar. Isto, ten consecuencias tamén na saúde das mulleres. Por unha banda, a consabida dobre presenza e as renuncias que voluntariamente ou non, acaban soportando, ante a tensión constante de manter o equilibrio entre a esfera profesional, familiar e persoal. É a chamada división sexual do traballo (home=ámbito produtivo, emprego; mulleres=ámbito reprodutivo, coidados). Daí, a forte presenza de mulleres no sector servizos. A infravaloración do emprego feminino con baixos salarios, menor recoñecemento e o teito de cristal desencadea riscos psicosociais aos que hai que dar unha resposta.

Daí, podemos sacar a seguinte conclusión: É imprescindible incorporar factores diferenciados en función do sexo, non só biolóxicos, tamén sociais e culturais.

No ámbito laboral, a seguridade e saúde no traballo son dereitos fundamentais, trasladando a prioridade da atención á prevención. A exposición a riscos laborais e os danos sufridos en ausencia da prevención afectan de maneira desigual a mulleres e homes, por iso é polo que é necesaria a aplicación da perspectiva de xénero á seguridade e saúde no traballo.

O principio de transversalidade de xénero incorpórase a partir da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Nunha crise sanitaria e económica como é a do COVID.19, aos factores de desigualdade non queda máis remedio que engadir outros e os que estaban presentes antes da pandemia, agora recrudécense, tendo por tanto un impacto maior na saúde das mulleres.

A Federación de Servizos de Comisións Obreiras atende ramas de actividade como son o comercio, hostalaría, contact center, servizos financeiros, técnicos e administrativos. O impacto do covid nas mulleres traballadoras pódese observar desde distintas perspectivas cun denominador común: Stress psicolóxico e dobre dose de dobre xornada.

Por unha banda, traballadoras que prestando os seus servizos de forma presencial no centro de traballo temen o contaxio e temen contaxiar á familia, que desencadearía ademais da preocupación lóxica e nada despreciable da saúde dos seus familiares, o aumento do número de persoas que requiran coidados nun momento no que a dobre xornada require unha dobre presenza ou unha atención simultánea debido á falta doutros recursos de conciliación.

E traballadoras realizando o seu traballo desde o domicilio, teletraballando mentres coidan. Un sistema de traballo que, en aras de protexer do contaxio e o mantemento do emprego, sempre que sexa posible é o que deberá prevalecer. E ao que haberá que regular convenientemente en base á negociación colectiva porque podería comportar serios perigos nos dereitos das mulleres e saúde laboral como desde que a finais dos 90, cando o teletraballo toma maior popularidade en España, segundo se viña poñendo de manifesto en diferentes estudos. Nun destes realizado entre os anos 2006 e 2008 pola profesora de Psicoloxía social do traballo Ana Gálvez defíneo como un sistema que "libera e esclaviza" e é que certamente é unha forma de definir o que pode ocorrer cando non existen medidas eficaces para a conciliación e o dereito á desconexión dixital que debe estar presente neste sistema de traballo. Un sistema que necesita dunha regulación e cambio de paradigma na aínda arraigada cultura de presentismo co perigo de invisibilizar a quen o realiza.

Nunha situación tan excepcional como a que vivimos, é urxente actuar cun incremento e mellora dos servizos sociais públicos no que se refire á atención e coidado da infancia e persoas dependentes, medidas de conciliación e fomento da corresponsabilidade efectivas que non reforcen os roles de xénero nin terminen penalizando ás mulleres e establecer medidas organizativas nas empresas de flexibilización do tempo de traballo que faciliten a conciliación do seu persoal.

É necesario que a responsabilidade do traballo doméstico e familiar, na súa organización e realización, se asuma tamén polos homes.

Se hai un factor de risco aplicado ao sexo e claramente recollido na lei de Prevención de Riscos laborais, ese é o da maternidade. Así, o sistema de Seguridade Social previu que o embarazo é unha situación de especial vulnerabilidade ao Covid-19.

Ante a comunicación de embarazo dunha traballadora ao servizo de prevención, este realizará un informe de que as medidas adaptativas, restritivas ou o cambio de posto de traballo non se pode producir no centro, se fose ese o caso. Con este informe, o servizo médico de familia, avaliando a situación, pode estender unha baixa por continxencia común que se traslada á mutua para que a efectos de prestación económica se considere coma se fose continxencia profesional.

E nun contexto de Pandemia como no que nos atopamos, hai outra pandemia mundial antes de que existise o Covid: a violencia machista nas súas múltiples formas.

O acoso sexual ten efectos importantes sobre a saúde das mulleres, podendo afectar tanto á saúde psicolóxica como á saúde física e deben considerarse dentro do ámbito da prevención e garantindo o principio de igualdade, para as que son imprescindibles abordar factores de risco con enfoque de xénero.

A saúde non é a ausencia de enfermidade, así o define a OMS cando di que a saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades.

Diferenzas biolóxicas, desigualdades de xénero, segregación vertical e horizontal, unha maior precariedade laboral feminina..etc dan como resultado efectos máis negativos sobre a saúde das mulleres

Desde a Federación de Servizos de Comisións Obreiras, neste día de Acción pola Saúde das mulleres lembramos que é indispensable para garantir o dereito á seguridade e saúde das traballadoras, recoñecer as formas múltiples de discriminación e factores de risco que afectan ás mulleres.

É urxente fomentar unha cultura de prevención con perspectiva de xénero e traballar por unhas condicións dignas que aseguren o dereito a un traballo decente e seguro.

Por último, lembramos a orixe da celebración deste día, facendo unha reivindicación pola saúde sexual e reprodutiva de mulleres e nenas en todo o mundo.

Secretaría de Saúde Laboral Secretaría de Mulleres, Igualdade e Diversidade