Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio, Unión Comarcal A Coruña, Accion sindical
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia saúda que as empresas «movan ficha» para desbloquear o convenio do comercio vario da provincia da Coruña. O sindicato lembra que nesta actividade traballan máis de 22.000 persoas que dependen do convenio para veren actualizados os seus salarios, algo especialmente importante nun contexto de elevada inflación.
Tras a última reunión, que tivo lugar esta semana, comeza a haber avances nas seguintes materias:
— Incremento da licenza de matrimonio ou parella de feito a 20 días.
— Acompañamento de menores (10 horas anuais).
— Mellora da licenza por falecemento ou enfermidade (un mínimo de 5 días para todos os casos).
— Incluír sábados libres para as chamadas fins de semana de calidade.
— Incremento de cantidades e pagamento da voluntariedade dos domingos en que se traballe.
— Remuneración das tardes dos días 24 e 31 de decembro con 12 euros por hora a partir das 14:00.
— Incremento dos importes dos seguros de invalidez e deceso.
— Incremento de horas asignadas ao persoal contratado a tempo parcial antes das novas contratacións, así como consolidación destas horas.
— Incorporar ao convenio a todo o persoal do sector do moble (máis de mil persoas).
Garantir os salarios
No aspecto salarial, sobre a proposta inicial, propoñen as seguintes cantidades (sen cláusula de revisión conforme ao IPC): 0 % para o 2021, 3,5 % para o 2022, 2,5 % para o 2023 e 2 % para o 2024. CCOO defende que o incremento do 2021 debe ter como referencia o 6,5 % do IPC dese ano; esixe tamén que as empresas aumenten as porcentaxes asignadas para o período 2022-2024 e pide un mecanismo de revisión salarial conforme o IPC para garantir o poder adquisitivo dos salarios.
Segundo CCOO-Servizos, haberá cando menos unha reunión semanal para axilizar a negociación. O sindicato coida que este convenio precisa ser renovado antes de que remate o actual ano 2022, pois «as traballadoras e traballadores do sector non poden pasar un ano máis sen que se actualicen os salarios».
2023 © CCOO SERVICIOS. Aviso Legal | Contacto