Archivado en Mujeres e Igualdad, Convocatorias, Muller, Accion sindical

MANIFESTAMOS o noso compromiso de seguir construíndo a igualdade real entre mulleres e homes

8 de marzo: construíndo e sumando pola igualdade real


8M ccoo

As confederacións sindicais de Comisións Obreiras e a Unión Xeral de Traballadores, ante a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, MANIFESTAMOS o noso compromiso de seguir construíndo a igualdade real entre mulleres e homes, a nosa vontade de seguir sumando neste esforzo colectivo e de combater todas as formas de discriminación e violencia contra as mulleres, sendo o noso ámbito prioritario a loita contra todas as discriminacións relacionadas co emprego.


Para UGT e CCOO, o logro da igualdade efectiva entre mulleres e homes é un obxectivo que se insire nos nosos principios e plásmase nas nosas accións por unha sociedade máis xusta, inclusiva e solidaria.

Despois dunha década regresiva, coa conxunción de crise económica, financeira, políticas de recorte do sistema de benestar, de reformas retrógradas en materia laboral, educativa, cidadá, etc., e de recortes e esquecementos na obrigación dos gobernos de achegar os recursos para o avance en políticas de igualdade, chegou o momento de avanzar substancialmente en igualdade real e de corrixir os efectos destas políticas regresivas que fixeron aumentar as desigualdades sociais e de xénero.

A igualdade legal recibiu en marzo do ano pasado un pulo a través do Real decreto lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación. As medidas contidas nesta norma corresponden a reivindicacións históricas das organizacións sindicais CCOO e UGT. Entre elas, a equiparación dos permisos para os dous proxenitores por nacemento e coidado de lactante. Introdúcese o rexistro salarial desagregado por sexo no Estatuto dos Traballadores e as auditorías salariais nos plans de igualdade. Esténdese a obrigación de contar cun plan de igualdade ás empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras. E esperamos contar o máis axiña posible cun desenvolvemento regulamentario que xurda do Diálogo Social.

Despois dun período de inestabilidade gobernamental, por primeira vez na nosa historia recente hai un Goberno de coalición progresista. UGT e CCOO esperamos que sexa unha oportunidade para poñer en primeira liña da acción política medidas e recursos humanos e económicos para conseguir que a igualdade legal contida nas normas por fin sexa igualdade real e efectiva. Queremos que este 2020 sirva para avanzar sen posibilidade de retorno cara a unha sociedade xusta, sostible, solidaria e con igualdade de xénero.