Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo concentráronse hoxe para esixir a súa subrogación ou que os indemnicen
Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión, concentráronse hoxe, 26 de febreiro, para esixir a súa subrogación ou ben que os indemnicen pola rescisión dos seus contratos. A protesta tivo lugar fronte ao propio hotel entre as 13 e as 14 horas.
Segundo CCOO, sindicato que asesora os traballadores, a empresa —anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela— pechou a comezos do ano 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.
O proceso concursal pechouse o 21 de maio. Menos dun mes despois, o 17 de xuño, rexístrase a nova sociedade Hotel Balneario do Tremo, que se fai cargo das instalacións e contrata só unha parte do persoal que previamente había, sen subrogarse nas súas condicións de traballo.
CCOO apoia os traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións, esixindo que a nova sociedade —que comparte mandatarios, apoderados, socios e colaboradores do grupo de empresa matriz da anterior— se faga cargo das obrigas adquiridas pola empresa extinguida. En resumo, que readmita a totalidade do persoal ou ben proceda ao pagamento da indemnizacións correspondentes a un despedimento improcedente.
CCOO esixe aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia
Comisións Obreiras (CCOO) inicia unha campaña co obxectivo de aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia, unha situación que padecen de maneira especial as mulleres. Para CCOO, non hai escusas para non reducir as taxas de traballo temporal, de contratación a tempo parcial ou de horas extras non remuneradas. Neste punto, o sindicato advírtelles ás empresas que «traballar gratis é escravitude». Ler máis
Primeira reunión do convenio de hostalaría de Lugo
O pasado mércores 24 de Novembro tivemos a primeira reunión da negociación do convenio de hostalaría provincial de Lugo, logo da formalidade de constituir a mesa negociadora.
Expuxemos a necesidade de actualizar o convenio tanto na súa parte social como na parte salarial, donde entendemos que os salarios non se corresponden ca media xeral da hostalaría de Galicia. A nosa proposta é clara e presentamos uns incrementos salariais que afectan á totalidade das categorías profesionais.
A resposta da patronal limítase a sinalar que a situación actual da pandemia impide poder aplicar incrementos salariais, salvo en casos contados a onde non chega o SMI.
Por outra banda, con respecto ás melloras sociais que pretendemos incorporar ao convenio en puntos como vacacións, licenzas festivos etc, non se pararon a debatilas, quedando emprazados para unha próxima reunión o vindeiro 15 de decembro de 2021.
Burguer King despreza o seu persoal: irregularidades en salarios, horarios e saúde laboral
CCOO-Servizos insta a Burger King a cumprir os dereitos do seu persoal, especificamente no que se refire ao pagamento dos salarios, quendas de traballo e protección da saúde. Este mediodía houbo unha concentración na Coruña, pero os problemas veñen de meses atrás. Durante o último ano, o sindicato convocou a empresa en diferentes ocasións para procurar solucións, pero ante a súa negativa houbo que recorrer á Inspección de Traballo.
CCOO denunciou ante a autoridade laboral irregularidades en cadrantes horarios e tempo de traballo, así como no abono de salarios e complementos.
Con todo, a Burger King teima na súa actitude e reincide canto ao pagamento das horas complementarias, o atraso no abono dos salarios, os horarios e calendarios, a excesiva carga de traballo pola falta de persoal, ou aspectos relacionados coa seguridade e a saúde laboral. Ler máis
Gañada a demanda de CCOO e outros sindicatos contra Paradores, que deberá compensar o seu persoal
A Audiencia Nacional deulles a razón a CCOO e a outros sindicatos e estima parcialmente a demanda presentada contra Paradores. Segundo os denunciantes, con motivo do estado de alarma, a empresa deixou sen pagar diversos complementos salariais ao persoal, causándolle un notable prexuízo económico. Ante a negativa a corrixir a situación, non quedou máis solución que acudir á Xustiza, que agora dálle a razón á representación legal do persoal. Ler máis