Archivado en Comunicado breve, Condiciones de trabajo, Unión Comarcal A Coruña, Contact Center, Accion sindical

A empresa pretende obrigar a 81 persoas que traballan na Coruña a facelo desde Bergondo

O persoal de Universal Support mobilízase contra os traslados


concentración Konecta

O comité de empresa de Universal Support (grupo Konecta), que se dedica ao sector dos centros de chamadas, convocou esta semana dúas xornadas de mobilización, o luns día 20 e hoxe mesmo, xoves 23. O obxectivo, rexeitar o traslado de 81 traballadores e traballadoras da Coruña a Bergondo.Ler máis


As concentracións do luns tiveron lugar en horario de 10 a 12 horas e de 15 a 17 horas diante do centro de traballo actual, no polígono coruñés de Pocomaco. Hoxe repítense as mobilizacións no mesmo horario, pero diante das instalacións de Konecta no polígono de Bergondo (rúa Parroquia de Rois, n.º 188).

O persoal afectado polo traslado está adscrito ao servizo que Universal Support presta para Pull&Bear (Inditex). Xa o pasado xuño, a empresa notificáralle ao persoal que estaba teletraballando a súa intención de recuperar a presencialidade, pero en Bergondo. Naquela ocasión, a sección sindical de CCOO e do comité de empresa presionaron e evitaron que se desprazase as traballadoras e traballadores.

Tras uns meses de calma, a empresa recupera a idea. Desde CCOO sinalan que o cambio de centro de traballo supón un «trastorno importante», xa que entre o centro de traballo actual e o novo hai máis de vinte quilómetros. Nalgúns casos, isto obrigaría a algunhas das persoas afectadas a abandonar o posto de traballo por careceren dunha combinación de transporte público.

A sección sindical de CCOO rexeita enerxicamente este cambio de centro de traballo, «máis aínda tendo en conta que, desde o inicio da pandemia, se teletraballou sen incidencia ningunha». Ademais, lamentan a falta de solucións por parte da empresa, coñecedora dos prexuízos que esta medida ocasionaría.