CCOO convoca unha concentración na Coruña para esixir unha suba salarial real no Banco Santander
CCOO, sindicato maioritario no Banco Santander e no sector financeiro, convoca unha concentración para mañá xoves, na Coruña, coa que esixe unha suba salarial real nesta entidade bancaria. Segundo o sindicato, a empresa pretende aplicar unha cláusula que lle permite facer as subas á custa dos complementos retributivos. A protesta terá lugar ás 13 horas fronte á oficina do Santander no Cantón Pequeno coruñés, á mesma hora en que se repetirán as protestas noutras cidades do Estado: Barcelona, Madrid, Sevilla e Bilbao. Ler máis
Nova reunión do convenio comercio vario de A Coruña
A situación da negociación en reunións anteriores, máis a celebrada no día de hoxe 03/01/22 resúmese nos seguintes avances:
- Incorporar ao convenio a todo o persoal do sector do moble.
- Incrementar a licenza de matrimonio ou parella de feito a 20 días.
- Acompañamento de menores, 10 h/ano.
- Mellorar licenza por falecemento ou enfermidade, para todos os casos mínimo 5 días.
- 6 sábados libres para fins de semana de calidade.
- Domingos e festivos: 25€ para ano 2023-2024 e 30€ a partir do 2025.
- Tardes dos días 24 e 31 de decembro 12€/h desde as 14:00.
- Importes dos seguros de invalidez e morte 35.000€ en 2023 e 40.000€ a partir de 2024.
- Plus compensatorio beneficios: 200€/mes para empresas con persoal en Coruña de máis de 1000 persoas e beneficios no últimos tres anos.
- Creación da categoría de encargada con salario inicial de 1125,73€, (sobre táboas de 2019, actualmente 1080,64€) á que se aplicarían os incrementos que se pacten.
- Axudante de dependenta, promoción a dependenta aos 6 meses.
- Todas as dependentas a salario de dependenta maior.
- Incremento Salarial: 2021- 4% 2022 - 3,5% 2023 - 2´5 % 2024 - 2% 2025- 2%
- Aceptan pactar un mecanismo de revisión salarial en función do IPC pero non do 100%.
Na reunión de hoxe indicamos que valoraremos a proposta de incremento do 4% - 2021, en función doutros factores como o mecanismo de revisión salarial que aínda non definiu a patronal e que o incremento do 2022 ten que ser sobre a realidade do IPC, que á espera do dato definitivo está agora nun 5,8%.
Tamén incidimos en que hai de rematar outros aspectos da plataforma que aínda non están pechados como, redución de xornada, pluses, contratación, transición e desconexión dixital, etc.
A próxima reunión queda fixada para o vindeiro xoves 19 de xaneiro
Convenio comercio metal Pontevedra: Última reunión do AGA (CGRL)
Finalmente chegouse a acordo para a sinatura do convenio. A parte empresarial aceptou a última proposta, á que engadimos algunha cuestión formal que quedaba por matizar.
O resultado final do acordo é o seguinte:
- Incremento salarial: 2022 = 6,5%, 2023 = 4%, 2024 = 4%
- Revisión salarial na diferenza entre a suma dos IPCs dos anos 2023 e 2024 e o incremento real destes anos (8%) con un tope do 10% a aplicar con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2024.
- Xornada: Redución de 16 horas (8 a partir do 1/01/23 e 8 a partir do 1/01/25)
- Adaptación do convenio ás novidades da reforma laboral e en materia de conciliación, trasladando para iso o acordado no convenio de comercio vario recentemente asinado.
- Aclarar que no tocante as vacacións os 22 días que marca o convenio son sempre de 8 horas, para que non lles conte un día completo ás persoas traballadoras que o sábado traballan medio día.
- Trasladar ao convenio o réxime de faltas e sancións establecido no convenio de Comercio Vario.
Nestes días prepararemos a redacción do acordado o que suporá modificar os artigos 3, 5, 7, 12, 14, 17, 18, 26, 28, 35 e 40 do actual convenio. Unha vez redactado reunirase na mesa negociadora para asinar o texto definitivo e envialo publicación no Boletín Oficial da provincia.
O 27 de decembro as 20:30 celebrarase unha asemblea nos locais da CIG para explicar e valorar o acordado.
CCOO convoca mobilizacións para esixir melloras salariais en Abanca que compensen o esforzo realizado polo persoal
A sección sindical de CCOO-Servizos en Abanca convoca mobilizacións para esixir melloras salariais na entidade bancaria que compensen o esforzo realizado polo persoal os últimos anos. Desde que Juan Carlos Escotet se fixo coa propiedade do banco, as traballadoras e traballadores viron minguado o seu poder adquisitivo de xeito «drástico», nun contexto de contracción económica en que a empresa lles pediu «sacrificios» para afrontar a situación.
Desde o ano 2013, o persoal viu suspendidas as súas achegas no sistema de previsión —que se reduciron ata un 20 %—, así como a suspensión de 2013 a 2015 da retribución variable, a suspensión da devindicación de trienios, a suspensión da parte variable do complemento convenio de 2013 a 2016, o seguro de saúde pasou a ser financiado ao 50 % pola persoa traballadora e o complemento de antigüidade comezou a devindicarse en só doce pagamentos.
A este esforzo asumido polas persoas traballadoras, cómpre engadir os recortes de persoal que se produciron como consecuencia de cinco ERE e dous acordos de prexubilacións.
CCOO pide unha paga lineal de 1500 euros
Por esta razón, CCOO pediulle á empresa o aboamento dunha paga lineal a todas as persoas traballadoras por valor de 1500 euros. No caso de que no sector bancario se asine un incremento salarial que supere ese importe, o pagamento tería a consideración como ingreso a conta.
O sindicato lembra que a empresa afronta agora un contexto moi diferente ao de hai nove anos, con tipos de xuro á alza «que repercutirán de forma moi positiva na conta de resultados». Por esta razón, CCOO esíxelle á empresa «dar un paso adiante» e compensar dalgún xeito a perda de poder adquisitivo que se produciu na última década, máis aínda nun contexto de inflación que contribuíu a minorar a capacidade de compra dos salarios.
DEICHMANN Vigo en folga por incumprimento de convenio
As traballadoras de Deichmann Vigo convocaron folga en protesta por o incumprimento por parte da empresa do convenio colectivo de comercio vario da provincia de Pontevedra asinado no pasado mes, no tocante a voluntariedade de traballar en domingos e festivos.A representación legal das traballadoras e CCOO tentaron ata o último momento unha solución negociada co fin de evitar a folga. Non foi posible. Na semana pasada a empresa rexeitou expresamente acudir a reunión de mediación do procedemento AGA solicitado por CCOO, deixando claro que non é a súa vontade consensuar unha solución. Ler máis