Archivado en Nota de prensa, Empleo, ERE, Hostalaría, Accion sindical

CCOO Servizos empraza ás administracións local e autonómica a determinar novas medidas para a supervivencia do sector da hostalaría

Salvar a hostalaría


salvar a hostalaría

Desde a Federación de Servizos de CCOO, vemos con gran preocupación a grave situación do Sector da Hostalaría na nosa Comunidade e o prexuízo que se está producindo no que respecta á supervivencia do sector e a posibilidade dunha gran perda de postos de traballo, especialmente con motivo das novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia.

Non podemos asumir que desde a administración se criminalice á hostalaría, que as medidas máis duras e restritivas, dedicadas a frear a pandemia, se dirixan principalmente a este sector e que as axudas económicas sexan insuficientes para paliar a grave situación á que se está sometendo. Ler máis


As diferentes administracións teñen a obrigación de realizar labores de control das medidas preventivas, distancias, aforamentos, etc., en todos os locais de uso ou acceso público, pero non é de recibo que se tomen estas medidas drásticas asfixiando á hostalaría, sobre todo cando isto se fai dunha forma especialmente restritiva na nosa comunidade con respecto ás medidas tomadas noutras.

Se realmente se detecta pola autoridade sanitaria que este sector pode ser un dos máis importantes vectores de contaxio e son imprescindibles medidas restritivas, a administración debe ser consecuente respecto diso e asumir que deben ir acompañadas dunha serie de axudas económicas que non o aboquen á desaparición.

A Xunta de Galicia e outras administracións, (concellos, deputacións) deben renovar e incrementar as axudas e as medidas paliativas, destinando novas cantidades a compensacións económicas a fondo perdido, reducindo impostos e taxas, atrasando o inicio de devolución dos créditos ICO mentres as medidas restritivas recorten a entrada de ingresos ou con axudas ao aluguer que permitan o mantemento da empresa e do emprego.

Estas medidas deben ir acompañadas dunha serie de requisitos que consigan non só superar esta crise, senón aproveitar esta situación para conseguir unha imprescindible modernización e profesionalización do sector, que acabe cun dumping empresarial que só serve para precarizar as condicións de traballo do persoal e á que poden axudar os fondos destinados por Europa a paliar a crise derivada da pandemia do COVID-19.

Desde a federación de Servizos de CCOO xa propuxemos anteriormente á administración unha serie de medidas paliativas en concepto de axudas e entendemos deben incrementarse de forma inmediata e instar o Goberno estatal a un compromiso nos mesmos termos.