Archivado en plan de igualdad, Comunicados convenio, Planificación e Consultorías, Muller

Negociación do Plan de Igualdade de DENODO


plan igualdade DENODO

O pasado 24 de abril do 2021 procedeuse a constituír a mesa de negociación do primeiro Plan de Igualdade de ámbito estatal da empresa DENODO, de acordo ao establecido polo RD-901/2020, que indica que as empresas teñen a obriga de negociar e elaborar un Plan de Igualdade para garantir a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación.

Neste caso, ao non existir Representación Legal das persoas Traballadoras, as empresas deben dirixirse aos sindicatos máis representativos a nivel estatal e/ou no sector para a negociación do Plan de Igualdade. Ler máis


CCOO como un dos sindicatos máis representativos a nivel sectorial, formamos parte da comisión negociadora que se constituíu coa vontade de defender os intereses do persoal dos centros da Coruña e Madrid.

Segundo a lexislación vixente, os plans de igualdade conterán un conxunto ordenado de medidas avaliables dirixidas a eliminar os obstáculos que impiden ou dificultan a igualdade efectiva de mulleres e homes. Con carácter previo elaborarase un diagnóstico negociado, no seu caso, coa representación legal das persoas traballadoras, que conterá polo menos as seguintes materias:

a) Proceso de selección e contratación.

b) Clasificación profesional.

c) Formación.

d) Promoción profesional.

e) Condicións de traballo, incluída a auditoría salarial entre mulleres e homes.

f) Exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral.

g) Infrarrepresentación feminina.

h) Retribucións.

i) Prevención do acoso sexual e por razón de sexo.

A elaboración do diagnóstico realizarase no seo da Comisión Negociadora do Plan de Igualdade, para o que, a dirección da empresa facilitará todos os datos e información necesaria para elaborar o mesmo en relación coas materias enumeradas neste apartado, así como os datos do Rexistro regulados no artigo 28, apartado 2 do Estatuto dos Traballadores. Tras a recompilación dos datos mencionados actualmente atopámonos na fase da análise dos mesmos para elaborar o informe do diagnóstico de xénero necesario para poder identificar aquelas áreas sobre as que levar a cabo medidas concretas que poidan corrixir posibles desigualdades de xénero.

Por parte de CCOO quedamos a disposición de todo o persoal para contactar connosco e aclarar calquera dúbida sobre o proceso que leva a negociación do Plan de Igualdade.