Archivado en Mujeres e Igualdad, Convocatorias, Muller

Prevención, protección e dereitos
Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres 2016
Ante un novo 25 de Novembro, manifestamos o noso máis contundente rexeitamento á insoportable violencia contra as mulleres, unha sanguenta consecuencia da discriminación e da ausencia de prevención, protección e dereitos necesarios para combater o que constitúe unha flagrante violación dos dereitos humanos.
- A Coruña: concentración ás 20 h no Obelisco
- Santiago de Compostela: manifestación con saída ás 20 h da praza do 8 de Marzo
- Lugo: concentración ás 20 h na praza do Concello
- Ourense: concentración ás 20 h diante da Subdelegación do Goberno
- O Carballiño: concentración ás 19:30 h na praza Maior
- Pontevedra: representación ás 19 h na praza da Peregrina
- Vigo: acto simbólico so o título «Desmontando os mitos do amor romántico». De 11:50 a 12:20 h, diante do MARCO ou, se as foren adversas as condicións climáticas, no pavillón do IFEVI. Manifestación ás 20 h con saída da farola de Urzáiz
(*) Esta información irase actualizando nos próximos días
CCOO e UGT denunciamos que durante o 2015 foron asasinadas 60 mulleres (oito delas galegas) e 36 no que vai de 2016, con políticas e actuacións institucionais practicamente inexistentes, cun goberno en funcións ausente que ignora o seu compromiso e responsabilidade para combater e eliminar a violencia contra as mulleres, unha prioridade que debe considerarse cuestión de Estado.
Os recortes en políticas de igualdade e contra a violencia de xénero, sumados á falta de compromiso na prevención da violencia de xénero por parte do Goberno do Partido Popular, impiden reducir a violencia estrutural que se agravou por factores como o desemprego das mulleres, a precariedade laboral, a feminización da pobreza, a desprotección social, os retrocesos en educación para a igualdade e a perda de dereitos laborais e sociais.
CCOO e UGT denunciamos déficits no desenvolvemento, aplicación e avaliación da Lei orgánica 1/2004 contra a violencia de xénero, da Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e da Estratexia Nacional para a erradicación da violencia contra a muller (2013-2016), carencias que se evidencian nos ámbitos laboral, policial, xurídico, dos servizos sociais, sanitario e educativo.
Causa impacto que en 2015, das 60 mulleres asasinadas, só 13 presentaran denuncia e só 4 tiñan medidas de protección en vigor. Unha realidade que hai que analizar tendo en conta os distintos mecanismos e elos que fallan na cadea de atención, seguimento e protección das vítimas; a deficiente coordinación institucional e policial e entre os órganos e servizos xudiciais; o insuficiente número de xulgados de violencia, de unidades de valoración integral do risco; a falta de formación en materia de igualdade e contra a violencia de operadores, profesionais e persoal que atende as vítimas. Son cuestións prioritarias que debe abordar o novo Executivo.
É urxente acometer a problemática do elevado número de solicitudes de ordes de protección que son denegadas: 632 das 1564 solicitadas en Galicia e 10 non admitidas, o que supón o 41,4 % do total no ano 2015 nos xulgados de violencia sobre a muller. Isto implica indefensión e a imposibilidade de acceder aos dereitos establecidos como vítimas da violencia de xénero.
No ámbito laboral, resulta alarmante o escaso uso que as vítimas de violencia fan de prestacións e dereitos laborais, o insuficiente desenvolvemento de medidas para a contratación e fomento do emprego e a falta de colaboración institucional coas organizacións sindicais, que podería garantir o acceso aos dereitos e a difusión das bonificacións existentes.
O ámbito sanitario carece da adecuada coordinación multidisciplinar para a detección e o tratamento das situacións de violencia contra as mulleres nos centros sanitarios. O ámbito educativo e dos medios de comunicación continúa mostrando evidencias de sexismo, xa que non se desenvolven as estipulacións da normativa igualitaria, e a LOMCE supuxo un grave retroceso na promoción da igualdade entre mulleres e homes, clave para combater a desigualdade estrutural en que asenta a violencia contra as mulleres.
DEMANDAMOS:
- Un Plan integral para a igualdade e contra a violencia de xénero, acordado cos axentes sociais, que ofreza solucións reais e efectivas contra a violencia machista.
- Pór en marcha novas actuacións e medidas para a contratación e fomento do emprego das mulleres vítimas da violencia de xénero.
- Garantir e asegurar a difusión de información sobre o conxunto de recursos, dereitos e prestacións existentes.
- Impulsar campañas de sensibilización e formación no ámbito laboral contra a violencia de xénero.
- Abordar a problemática do alto número de denegacións de ordes de protección que imposibilita a acreditación como vítima e o acceso aos dereitos e prestacións.
- Optimizar a coordinación institucional e a cooperación xudicial e policial entre todas as administracións públicas e os distintos profesionais implicados.
- Implantar unha educación baseada en valores de igualdade entre mulleres e homes, coa implicación de todas as administracións educativas, profesionais e familias.
- Desenvolver unha atención sanitaria integral, mediante o establecemento de equipos multidisciplinares que teñan como obxectivo a asistencia e prevención da violencia contra as mulleres.
- Garantir unha carteira básica de servizos e prestacións sociais para a asistencia integral de mulleres vítimas da violencia de xénero.
Desde UGT e CCOO seguiremos traballando no noso compromiso de impulsar a formación, prevención e sensibilización contra a violencia a través da negociación colectiva, de promover melloras na regulación dos dereitos laborais e protección social das mulleres que sofren violencia de xénero, reforzar a negociación de protocolos de actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, e colaborar co conxunto das administracións públicas e organizacións e asociacións de mulleres implicadas na eliminación deste grave problema social.
CCOO e UGT condenamos as atrocidades, secuestros, torturas e violacións de mulleres e nenas, a violencia causada polos integrismos relixiosos, as guerras e conflitos armados, as vítimas do tráfico de persoas e a escravitude sexual, a extrema situación de vulnerabilidade que sofren as mulleres refuxiadas, que inclúe violencia física e sexual, así como os retrocesos en dereitos reprodutivos, incluído o dereito ao aborto, que pon en perigo a vida de mulleres e nenas.
UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras en Galicia chamamos á participación nas distintas mobilizacións que as organizacións de mulleres, sociais e sindicais convoquen para o 25 de Novembro en todas as cidades do estado, para manifestar o noso compromiso coa erradicación da violencia contra as mulleres.
Modelo de carta de Baja Voluntaria en la empresa
Calendario Laboral 2025. Publicado en el BOE
Publicación en el BOCM del nuevo Convenio de Oficinas y Despachos 2025-26
Convenio Colectivo de Comercio Textil de la Comunidad de Madrid
Un modelo turístico más sostenible y que garantice derechos, es imprescindible
La hostelería y el turismo siguen generando grandes beneficios que no revierten en un empleo sectorial que es inestable, poco profesional y mal pagado