Archivado en Noticias, Empleo, ERE, Union Comarcal Pontevedra, Hostalaría

Un ERTE pechará o Gran Hotel da Toxa durante seis meses


Os membros do comité de empresa do Gran Hotel da Toxa recibiron a semana pasada a documentación que acredita a intención da dirección de impulsar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que afecta a 75 membros da plantilla, e que pechará o único hotel-balneario de cinco estrelas de Galicia entre o 1 de febreiro e o 15 de maio; e, de novo, despois do verán, do 15 de outubro ata o remate de decembro. 

Baseándose nunhas previsións económicas que estiman perdas para eses seis meses, os representantes de Hotusa anuncian a súa intención de xestionar o establecemento como un hotel estacional durante este ano 2016. Está previsto que o peche se comunique de maneira oficial ao conxunto dos traballadores o luns.


Os empregados non entenden que a nova dirección opte por unha medida tan drástica tan so seis meses despois de ter asumido os mandos do hotel; máis nun ano no que se tiña percibido un repunte na ocupación. E temen que nun futuro estes axustes poidan traducirse en despedimentos.