Archivado en Convocatorias

Os secretarios xerais dos dous sindicatos afirmaron que para a clase traballadora é «tempo de gañar» dereitos laborais e sociais recortados

Milleiros de persoas saen ás rúas de Galicia nas manifestacións convocadas por CCOO e UGT no Primeiro de Maio


1M

Milleiros de persoas saíron este martes ás rúas de Galicia nas manifestacións convocadas por CCOO e UGT no Primeiro de Maio baixo lema «Tempo de gañar». Precisamente, os secretarios xerais das dúas organizacións, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente, lembraron que para a clase traballadora é «tempo de gañar» dereitos laborais e sociais recortados durante os anos da crise. Desde Vigo, Gómez e Sarmiento reclamaron mellor emprego, maiores salarios, pensións dignas e máis igualdade.

Para os dirixentes dos dous sindicatos, «é de xustiza» que, nesta etapa de recuperación económica, a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios en xeral e dos máis baixos en particular, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivos dos prezos dos produtos de consumo. Tamén esixiron o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.

A economía galega leva catro anos crecendo, un 3,1 % no 2017, e as previsións son dun 2,5 % para o 2018. Xa hai máis empresas con beneficios ca antes da crise e os dividendos repartidos están en máximos. Porén, estes datos non se trasladan aos salarios: as condicións de traballo son cada vez máis precarias, especialmente por culpa da reforma laboral.


Máis precariedade laboral

Actualmente, nove de cada dez contratos son temporais e a súa duración media é cada vez menor: case a cuarta parte deles duran menos dunha semana. A contratación a tempo parcial, na maioría dos casos involuntaria, gañou peso nestes últimos anos. As mulleres son as principais prexudicadas desta situación. Ademais, o 77 % do emprego a tempo parcial está ocupado por mulleres e a fenda salarial de xénero provoca que deixen de percibir, por un traballo igual ou de superior valor, case 5000 euros anuais.

Máis pobreza e desigualdade

A desigualdade e a pobreza acadan niveis moi superiores aos que había antes da crise. A pobreza cronificouse: 67.500 fogares teñen todos os seus membros activos en paro e 34.700 persoas carecen de ingresos. O emprego crece, pero á custa de maior precariedade, pois segue aumentando o número de persoas en risco de pobreza.

Os secretarios xerais de CCOO e UGT alertaron da desvalorización salarial e da precarización das condicións de traballo, promovidas pola reforma laboral, fomentan unha recuperación baseada nunha repartición desigual da riqueza e un modelo de crecemento asentado en actividades pouco produtivas. Hoxe en día:

Recuperar a negociación colectiva

Ante esta situación, os secretarios xerais de UGT e CCOO reivindicaron a necesidade de «revitalizar» a negociación colectiva, para que nela se reflicta unha «mellora substancial» dos salarios en xeral e dos máis baixos en particular, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivos dos prezos dos produtos de consumo. Como exemplo puxeron o recente acordo asinado no ámbito do emprego público para a recuperación salarial e da estabilidade do emprego.

Gómez e Sarmiento tamén esixiron o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.

 

Mobilización crecente

CCOO e UGT lanzarán unha crecente mobilización laboral e social que obrigue tanto as patronais como o Goberno ?e os grupos parlamentarios que o apoian? a abordar as reformas necesarias en materia de negociación colectiva e de emprego de calidade.

Xulgan «imprescindible» recuperar o papel central dos convenios sectoriais estatais, así como derrogar os aspectos regresivos das reformas laborais. Esixiron tamén a derrogación da lei mordaza e a absolución dos case trescentos sindicalistas que seguen procesados ou condenados simplemente por manifestarse ou participar nun piquete informativo.