Archivado en Comunicados, Socio Economico

Ambos os sindicatos piden un pacto de país para acometer o modelo forestal de Galicia

CCOO e UGT lamentan a catástrofe forestal que asola Galicia e transmiten o seu pesar ás familias das vítimas


incendios galicia
As comisións executivas do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e de UGT-Galicia lamentan a catástrofe forestal que está a sufrir Galicia nestas últimas horas polas súas dimensións dramáticas e consecuencias humanas, económicas e ambientais.Polo momento, esta vaga de lumes que asolan Galicia dende onte xa se cobrou catro vítimas. Ambos os sindicatos transmiten o seu pesar ás súas familias e amigos nestes momentos tan complexos e transmítenlles os desexos dunha pronta recuperación aos feridos.

RECOÑECEMENTO AOS BRIGADISTAS PERO CRÍTICAS Á FALTA DE PREVISIÓN E INEFICACIA DOS RESPONSABLES DO DESEÑO DO OPERATIVO

Tamén é o momento para recoñecer as tarefas que están a desenvolver os traballadores e traballadoras que forman o dispositivo do SPDCIF en Galicia (técnicos, axentes e bombeiros forestais), malia a falta de previsión e a ineficacia dos responsables do deseño do operativo contra incendios da Xunta de Galicia, situación que están a denunciar de xeito reiterado asociacións e organizacións profesionais. Os picos de incendios están cada vez máis desestacionalizados e prodúcense fóra da época estival. Este ano, sen ir máis lonxe, coincidiron en plena Semana Santa (abril) e en outubro, dous meses que están a ser de especial actividade incendiaria nos últimos tempos.
Tampouco se pode esquecer hoxe o recoñecemento á cidadanía, que axuda e participa na extinción, tanto para protexer os seus bens como para colaborar co dispositivo.

Á vista o acontecido, é evidente a existencia dun problema estrutural no sector forestal galego, que segue sen se resolver porque non se descifrou a incógnita resultante da fórmula: prevención-limpeza de montes-extinción de lumes.


NOVO MODELO QUE POÑA ÉNFASE NA PREVENCIÓN, NON SÓ NA EXTINCIÓN

É imprescindible que a Consellaría do Medio Rural abra unha mesa na que acometer o cambio dun modelo que se revelou obsoleto hai moito. A nova planificación debe poñer énfase na prevención, non unicamente na extinción. O cambio de modelo levaría implícito que o persoal fixo-descontinuo, que traballa tres ou nove meses, prestase servizos todo o ano e cunhas condicións laborais dignas.

Así mesmo, as organizacións sindicais esixen a cobertura inmediata de todas as vacantes por baixas, por vacacións ou por outras circunstancias. Consideran vergoñento que un servizo de emerxencias teña incompletas a maioría de brigadas, que haxa puntos de vixilancia pechados ou con quendas deficitarias, que non haxa bombeiros condutores para todas as motobombas ou que todos os centros de coordinación non poidan funcionar as 24 horas.


COORDINACIÓN ENTRE AS ADMINISTRACIÓNS

Os feitos tamén amosan a necesidade de poñer en marcha en Galicia un sistema de coordinación efectivo entre todas as Administracións, autonómica e local, con competencias relacionadas coa prevención e a intervención no caso de lumes forestais.

A realidade é tan teimuda que cando as condicións atmosféricas son extremas, como estaba a suceder estes días, as medidas tamén tiñan que ser extraordinarias. Con todo, tamén é certo que, detrás do acontecido, existe unha sospeitosa intencionalidade. Por iso, é necesario descubrir e deter os incendiarios e os seus cómplices, algo no que as autoridades non deberían escatimar nin medios nin esforzos porque estas agresións non poden quedar impunes.


LIÑAS DE TRABALLO

Hai liñas de traballo que ambos os sindicatos veñen reiterando dende hai anos e que non terminan de pórse en marcha, por moito que cada certo tempo Galicia sexa vítima dunha catástrofe como a vivida estas últimas horas.
Urxe poñer en marcha medidas estratéxicas para incorporar o monte ao desenvolvemento rural de Galicia, entendendo este como un factor clave de prevención dos incendios forestais. E pensar en futuro adoptando solucións estruturais contra unha praga que nos persegue ano a ano.

O monte ten que ser un recurso ao servizo da creación de riqueza no medio rural, xerador de materias primas renovables, empregos de base rural e rendas paralelas ás da agricultura e gandería para agricultores, gandeiros e silvicultores.

Urxe afrontar o deseño dunha política forestal en colaboración cos propietarios, onde caiban todas as especies, tendo en conta que hai dous millóns de hectáreas de monte e que hai diversas condicións de solo e de capacidade produtiva para planificar o aproveitamento forestal.

É evidente que Galicia debe dotarse dun novo modelo de servizo de defensa contra lumes forestais, xa que o actual dispositivo non pode responder a unha relación «máis lume-máis traballo». O dispositivo debe ir integrado na nova proposta de xestión do monte. O persoal dedicado á prevención e á limpeza do monte debe traballar todo o ano para xerar riqueza forestal.

Trátase de darlle vida a un sistema con brigadas permanentes, con medios e recursos sofisticados, dotación económica suficiente que cubra todas as necesidades do persoal dos servizos implicados co fin de aumentar a súa autoestima, fomentar a súa profesionalización e salvagardar a súa saúde. E, por suposto, os recursos aéreos e terrestres teñen que ser suficientes.


APAGAMENTO INFORMATIVO

No eido informativo, CCOO e UGT critican o apagamento informativo en relación aos incendios, tanto por parte da Xunta de Galicia, que durante o máis grave desta crise mantivo un mutismo incomprensible, como por parte dos medios de comunicación públicos, que reaccionaron incluso máis tarde que os estatais á hora de ofreceren unha programación especial. Os sindicatos consideran moi grave este intento de minimizar entre a opinión pública os efectos dunha catástrofe como hai anos que non se lembra. A falta de información veraz e actualizada expuxo a riscos graves a gran parte da poboación das localidades máis afectadas pola vaga de lumes, lamentan.


PACTO DE PAÍS

Finalmente, UGT e CCOO manifestan que o debate sobre esta problemática débese afastar da loita partidaria. Desde os sindicatos entendemos que a actual sensibilidade social en torno a esta situación debe ser canalizada para propiciar un pacto de país que aborde a problemática forestal. Neste sentido, o primeiro paso debe ser a creación dunha comisión parlamentaria na que participen os axentes sociais e económicos.