Archivado en Nota de prensa, externalizacion, Contact Center, Accion sindical

A Federación de Servizos de CCOO promoveu nas últimas semanas diferentes accións para rexeitar esta decisión e afirma que as protestas continuarán

CCOO intensifica as accións para reverter a deslocalización da atención telefónica que Naturgy presta desde Galicia


manifestación Teleperformance Naturgy

A Federación de Servizos de CCOO intensifica as accións para reverter a deslocalización da atención telefónica que Naturgy presta desde Galicia. Por motivos puramente económicos, a compañía eléctrica quere trasladar a Colombia a maior parte do servizo de atención telefónica da súa filial Unión Fenosa Distribución (UDF) do que se encarga Teleperformance. Das 118 persoas que se ocupan deste labor, o 80 % deixarano de facer a partir de setembro debido á deslocalización. Só continuarán aproximadamente dúas ducias, insuficientes para prestar un servizo de calidade e reducindo a atención en galego «á mínima expresión», denuncian desde CCOO, ao tempo que reprochan a ausencia de compromisos de recolocación.

A Federación de Servizos de CCOO promoveu nas últimas semanas diferentes accións contra a decisión de Naturgy, sendo unha das máis importantes a concentración do pasado venres, 12 de agosto, na Coruña. Ao mesmo tempo, o persoal fixo paros nas quendas de mañá, tarde e noite.

Paralelamente á presión na rúa, desde CCOO mantense aberta a vía institucional. Neste sentido, membros do sindicato xa se reuniron nas últimas datas con distintos grupos da corporación municipal, así como con representantes galegos nas Cortes estatais, co obxectivo de tentar reverter a decisión de Naturgy. En concreto, houbo reunións o 3 de agosto co grupo municipal da Marea Atlántica, o día 8 co do PP, o día 9 con Esquerda Unida e Podemos e o 16 con representantes de Unidas Podemos no Congreso e coa concelleira de Podemos na Coruña. Ler máis


Perda de vínculos con Galicia

Desde CCOO ven nesta medida un paso máis na perda de vínculos con Galicia de Naturgy, que foron constantes desde a fusión en 2008 da antiga Unión Fenosa con Gas Natural. O sindicato lembra que Teleperformance leva máis e 25 anos encargándose da atención telefónica nas zonas xestionadas por Unión Fenosa, como Galicia, Castela e León ou Madrid.

Naturgy foi reducindo nos últimos anos o persoal da campaña de UFD, que chegou a ser de cincocentas traballadoras e traballadores, un número que se xustifica pola gran cantidade de temas sobre os que teñen que dar atención —información técnica, xestión de avarías, atención comercial, altas, seguimento de reclamacións, entre outras—. Ademais, dado que UFD non ten oficinas físicas, a atención telefónica e o correo electrónico son as únicas vías de contacto.

CCOO rexeita esta medida polo seu impacto negativo sobre o emprego, pero tamén polos prexuízos que lles vai ocasionar ás clientas e clientes da compañía enerxética. Por unha banda, a perda de calidade na atención e o previsible aumento dos tempos de espera. Por outra, o feito de que os datos persoais e de facturación estean nun país carente da estrita regulación que existe na Unión Europea, co que problema que pode suscitar «nunha época en que as filtracións de datos e as fraudes están á orde do día».

Ademais, no caso particular de Galicia, será case imposible poder ofrecer atención telefónica en galego cun equipo local tan reducido, pois unha vintena de persoas deberán atender varias comunidades autónomas, o que se traducirá nunha «espera interminable» para quen queira exercer o seu dereito a ser atendido nesta lingua.

Ademais, as xestión das avarías de UFD esixen un elevado coñecemento das nomenclaturas e particularidades da xeografía galega que desde Colombia non poderán atender axeitadamente. Así mesmo, algúns servizos necesitan moita axilidade canto á súa resolución, mentres que outros están relacionados coa asistencia a persoas que, «de non facerse con rapidez e eficiencia, poden derivar en danos persoais».