CCOO impulsamos avances no convenio de hostalaría de Pontevedra
A xuntanza do 8 de xullo foi breve pero deixou avances relevantes.
Na anterior reunión CCOO sostivemos a proposta dun 8 % de incremento en dous anos, que finalmente foi asumida pola CIG tras rectificar a súa postura anterior.
Pola súa parte, a patronal mantén unha posición restritiva:
- Ofrece un incremento máximo do 6,5 % en dous anos.
- Contratos fixos-descontinuos: un mínimo do 50% do tempo de apertura en establecementos de tempada, mantendo os 5 meses para os que abren todo o ano.
Desde CCOO, coa vontade de seguir avanzando cara ao acordo, formulamos unha proposta revisada e equilibrada, asumida tamén por UGT:
Proposta económica:
- Incremento do 7,2 % en dous anos
- Camareiras de pisos → Nivel salarial 8:
- A partir do 1/01/2026: complemento de 40 €
- A partir do 1/01/2027: incremento de 47 € nese complemento
- A partir do 1/01/2028: paso definitivo ao nivel 8
- Axudantes e auxiliares:
- Ascenso automático á categoría superior aos dous anos, sempre que se demostren os coñecementos necesarios.
- Contratos fixos-descontinuos:
- Manter o mínimo do 70 % do período de apertura nos contratos de establecementos de tempada.
Esta proposta foi ratificada por UGT, reforzando o consenso sindical.
A patronal comprometeuse a valorar con detalle as propostas e a dar resposta na próxima reunión, fixada para o día 21 de xullo ás 16:30 h.
Desde CCOO seguiremos impulsando o diálogo e defendendo melloras reais para as traballadoras e traballadores da hostalaría na provincia de Pontevedra.
CCOO propoñemos unha suba salarial do 8 %, non entendemos a "rebaixa" da CIG na negociación
Como comezo da xuntanza da mesa do convenio de hostalaría de Pontevedra, celebrado o pasado 1 de xullo, a patronal recriminou á CIG a convocatoria das concentracións unilaterais, xa que a mesa continúa aberta e con posibilidades reais de acordo.
O tema centra actualmente a atención en dúas cuestións principais, sen prexuízo doutras incluídas na plataforma.
Sobre o contrato fixo-descontinuo
Desde CCOO propuxemos un achegamento nos seguintes termos:
- Establecer un mínimo de 5 meses para os establecementos abertos todo o ano.
- Para os que abren por tempada, fixar un mínimo do 75 % do tempo de apertura previsto.
- No caso do fixo-descontinuo a tempo parcial, establecer tamén un mínimo de 5 meses e 20 horas semanais.
- Incluir a posibilidade de aplicar o contrato por eventos, coa mesma redacción que figura no convenio da Coruña.
- No resto de aspectos vinculados a este contrato, xa había practicamente un acordo, polo que non se volveron tratar.
A parte empresarial valorou positivamente este achegamento e comunicou que o estudará en profundidade, abríndose á posibilidade de acordo.
Sobre as condicións económicas
Desde CCOO propuxemos:
— Un incremento salarial do 8 % en dous anos, cunha cláusula de revisión vinculada ao IPC real en 2025.
— A integración progresiva da categoría de camareira de pisos no nivel salarial 8.
— Aclarar o contido do artigo 10 respecto ao ascenso automático de axudantes e auxiliares, para que sexa aplicable a todo o persoal e se adapte á realidade actual.
UGT sumouse a esta proposta, achegando outras cuestións complementarias.
Sorprendeu a posición da CIG, que tras convocar mobilizacións unilaterais, presentou unha proposta económica do 6,8 % en dous anos, inferior á formulada por CCOO, facilitando así a defensa dunha suba máis contida por parte da patronal.
Lembramos que, para que o convenio teña eficacia plena, é necesaria a sinatura de polo menos dous sindicatos; a dunha soa organización non é suficiente. Quedamos pendentes da reacción da patronal ante a proposta da CIG.
Vindeira xuntanza o 8 de xullo ás 16:30
Emprázamonos para unha nova xuntanza o vindeiro día 8 ás 16:30, coa intención de avanzar cara á sinatura do convenio antes de rematar o verán.
Resulta difícil comprender a estratexia da CIG: convoca unha concentración para chegar á mesa e logo presenta unha proposta inferior á do resto das organizacións sindicais.
Reiteramos que estamos á vosa disposición para aclarar calquera dúbida ou inquedanza.
A verdade que a patronal non conta
Ante o comunicado emitido polas empresas do sector do comercio de alimentación da provincia de Ourense, desde a representación sindical queremos manifestar o seguinte:
O bloqueo da negociación é responsabilidade da patronal:
Levamos meses esixindo un convenio digno, con melloras reais para as persoas traballadoras, mentres a representación empresarial mantén propostas claramente insuficientes, que non compensan a perda de poder adquisitivo nin melloran as condicións laborais actuais.
Gadis, Froiz e Cuevas lideran a precariedade.
A realidade é que estas empresas, con beneficios millonarios, son as que se opoñen frontalmente a avances sociais e económicos no convenio.
Non se trata dun ataque ao “pequeno comercio”, como pretenden facer crer, senón dunha denuncia necesaria ás compañías que máis poder acumulan no sector.
O intento de desacreditar a acción sindical con insinuacións políticas é inaceptable.
As mobilizacións, as folgas e os actos reivindicativos son ferramentas lexítimas do movemento sindical. Están ao servizo das persoas traballadoras, e non de ningún interese alleo á defensa dos seus dereitos. A patronal, en lugar de dar explicacións, opta pola desinformación e a confrontación.
As súas ofertas salariais son enganosas
Non chegan ao nivel da suba do custo da vida, non recoñecen perdas pasadas e manteñen horarios e xornadas precarias.
Non aceptamos chantaxes nin manipulacións
O persoal exerce o seu dereito á folga. O verdadeiro problema é o inmobilismo da patronal, non as mobilizacións.
Seguimos firmes:
- Por un convenio digno, galego e con melloras reais.
- Sen tolerar ataques nin intoxicacións.
- Coa forza da unidade obreira, a loita continúa.
A dignidade non se negocia!!
Convenio de hostalaría da Coruña: Non queren traballadores/as, queren escravos/as
A patronal da hostalaría da provincia da Coruña, nun acto de total cobiza, pretende aumentar aínda máis os seus crecentes beneficios ? a costa de impoñer condicións laborais escravistas.
O que queren impor
- Quitar o complemento que temos agora nas baixas médicas
- O máximo beneficio a costa da túa conxelación salarial.
- Manter os continuos excesos de xornada sen pagar as horas extraordinarias.
- Nula posibilidade de conciliación da vida laboral e familiar pola falta de días de descanso.
CONVOCÁMOSTE ÁS ASEMBLEAS INFORMATIVAS
Para analizar esta situación, convocámoste ás asembleas informativas que terán lugar o vindeiro luns, 14 de xullo, nos seguintes horarios e lugares:
Horarios: | Lugares: |
11:30 – 12:30 18:00 – 19:00 |
A Coruña: Edif. Sindicatos – Salón de Actos Santiago: Edif. Sindical – Salón da UGT Ferrol: Edif. Sindicatos – Salón de Actos |
A igual traballo, igual salario en Gadis, Froiz e Cuevas
Hoxe, 25 de xuño, o persoal do comercio da alimentación de Ourense concentrámonos diante da sede central de Gadis, no polígono da Piadela (Betanzos), para esixir un convenio colectivo xusto, con salarios dignos e condicións equitativas, como nas demais provincias galegas.
A protesta forma parte do calendario de mobilizacións convocadas polas centrais sindicais ante o bloqueo da negociación, mentres empresas como Froiz, Gadis e Cuevas acumulan beneficios e manteñen ao persoal con salarios conxelados e dereitos estancados.
Desde CCOO servizos lembramos que durante a pandemia, as traballadoras e traballadores demostraron un compromiso total, e agora esiximos recoñecemento real con melloras salariais e sociais.
Non imos permitir que se nos siga ignorando. O convenio debe reflectir a realidade do sector e o esforzo do seu persoal.