Supermercados Froiz: Por un Traballo Digno e Xusto

concentración FROIZ

CCOO Servizos convocamos á terceira mobilización diante dos supermercados Froiz, o vindeiro venres, 5 de xaneiro ás 11:30 en Narón. Esta mobilización é un esforzo colectivo para facer fronte á persistencia das inxustizas laborais que afectan aos traballadores e traballadoras de Froiz.

 

Resumo das Mobilizacións Anteriores:

Nos pasados días 5 e 15 de decembro, levamos a cabo dúas concentracións para destacar as preocupacións e demandas dos traballadores/as de Froiz. As denuncias iniciais incluíron discriminación, cargas de traballo insoportables e prácticas laborais inxustas. A pesar das excelentes cifras declaradas pola empresa, as condicións laborais non melloraron.

 

Persistencia das Inxustizas Laborais:

A pesar dun aumento impresionante do 14% na conta de explotación e cifras récord de facturación, as traballadoras e traballadores seguen enfrontándose a cargas de traballo abrumadoras, cambios arbitrarios en quendas e horarios, e a denegación de asuntos propios. Froiz debe recoñecer e abordar estas inxustizas laborais.

 

Esixencias Claras e Razoadas:

Reiteramos as nosas demandas claras e razoadas:

  • Abonda de cargas de traballo imposibles por falta de persoal.

  • Abonda de cambios de quendas, horarios e vacacións por falta de persoal.

  • Abonda de denegar asuntos propios por falta de persoal.

  • Abonda de discriminar aos encargados/as.

  • Abonda de realizar contratacións eventuais fraudulentas.

 

O Compromiso de CCOO:

CCOO continúa traballando xunto co persoal para asegurar que as súas voces non queden sen escoitar. A falta de resposta por parte da empresa é inaceptable, e a mobilización é necesaria para insistir no compromiso coa xustiza laboral.


Asinado acordo do convenio de comercio de materiais de construción de Pontevedra

acordo convenio com mat construción

No día de hoxe, 21 de decembro, CCOO Servizos xunto con outras organizacións sindicais asinamos un acordo no marco do convenio de comercio de materiais de construción de Pontevedra, sobre o cal destacamos os seguintes puntos:

Vixencia

2020-2024

Licenzas

Actualización de permisos e conciliación coa nova lexislación.

Contratación

  • Fixo Discontinuo: Mínimo 4 meses con preaviso de 15 días. Censo anual e calendario de previsión de chamadas. Prioridade de incorporación ante calquera nova contratación incluído duración determinada ou indefinida. No caso de que nun período de tres anos se repitan en tempo aproximadamente coincidente os períodos de chamada fóra do período garantizado, este consolidarase como tempo garantizado. Sen Tempo Parcial.
  • Tempo Parcial: En empresas con máis de 50 traballadores non poderá haber máis do 25% de contratos a tempo parcial - Xornada mínima diaria catro horas continuadas – Conversión a xornada completa daquelas que durante 60 días continuados ou de forma alternativa nun período dun ano, realicen prolongacións de xornada.
  • Formación en alternancia: Retribución non inferior ao 90% o primeiro ano e 95% o segundo.
  • Práctica profesional: Retribución fixada neste convenio colectivo para o grupo profesional e nivel retributivo correspondente ás funcións desempeñadas.

Compromiso emprego fixo

Obrigatorio mínimo do 80%.

Xornada laboral

40 horas semanais de luns a sábado pola mañá, rematando dito día ás 13:30 horas - Sábados excepcionais por carga ou descarga de barcos, camións, vagóns, etc. retribuídas cun incremento, polo menos, do 75% sobre o valor hora.

Retribucións

Para os anos 2020 e 2021 unha paga de 200 euros non consolidables

Ano 2022: incremento salarial do 4,00% con atrasos desde xaneiro

Ano 2023: incremento salarial do 3,50% con atrasos desde xaneiro

Ano 2024: incremento salarial do 3,00%

Revisión: Se IPCs anuais 2023 e 2024 rexistran un incremento superior á suma do incremento pactado para eses dous anos (6,5%), dito exceso, cun máximo dun 1%.


Persoas traballadoras de Froiz concentráronse diante dun dos supermercados da cadea

CCOO Servizos denunciamos discriminación e cargas de traballo insoportables en Froiz

concentración FROIZ

Persoas traballadoras de Froiz reuníronse diante dun supermercado da cadea para protestar contra as prácticas laborais abusivas. As principais queixas inclúen cargas de traballo insoportables por falta de persoal, cambios arbitrarios en quendas e horarios, así como discriminación cara aos encargados.

A pesar de que o supermercado pechou o ano 2022 cun récord de facturación e un aumento do 14% na conta de explotación, as persoas traballadoras denuncian que as condicións laborais non reflicten este éxito económico. A falta de persoal leva a consecuencias directas, como traballo esgotador, multitarefa constante e a imposibilidade de planificar os seus calendarios laborais de forma mensual, trimestral ou anual.

"Aumentan os ingresos, pero non vemos beneficios nas nosas condicións laborais. Estamos exhaustos e non podemos seguir así", sinaliza un dos delegados de CCOO.

As protestas tamén subliñan a denegación de asuntos propios por falta de persoal e a existencia de contratos eventuais fraudulentos, o que agrava a inseguridade laboral.

Os manifestantes esixen respecto, condicións laborais xustas e un trato digno por parte da dirección do supermercado. 

A empresa en cuestión aínda non respondeu ás queixas formuladas polos traballadores. A situación está a recibir un seguimento estreito tanto polos medios como polos delegados e delegadas de CCOO.

concentración Froiz  concentración Froiz


Desigualdade laboral no sector de comercio alimentación en Galicia: a necesidade dun cambio xusto

Lucía Trenor, stria. xeral de CCOO Servizos, reúnese con delegados/as do sector comercio alimentación en Galicia para abordar reivindicacións comúns

Reunión delegadas delegados CCOO comercio alimentación Galicia

Lucía Trenor, secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO (Comisións Obreiras) en Galicia, asistiu hoxe a unha importante reunión que congregou delegados e delegadas do sector de comercio alimentación de Galicia. O obxectivo deste encontro foi claro: expoñer as necesidades e reivindicacións comúns que afectan ao persoal deste sector e buscar solucións para establecer plans de actuación.

Un dos temas cruciais que se destacou durante a reunión é a notable discrepancia nas condicións retributivas e laborais que enfrontan os traballadores e traballadoras do sector. Salvo as empresas Lidl e Eroski, que operan baixo acordos a nivel nacional, o resto das compañías rixen as súas políticas laborais e salariais en función dos convenios provinciais. Isto tradúcese nunha situación onde os profesionais que realizan o mesmo tipo de traballo teñen condicións moi dispares, o que xera unha profunda desigualdade no sector.

Lucía Trenor sinalou que esta discrepancia nas condicións de traballo non é xusta e debe ser abordada de maneira inmediata. Asegurou que o sindicato está comprometido en loitar para garantir un tratamento equitativo para todos os traballadores e traballadoras do sector de comercio alimentación en Galicia.

Durante a reunión, os delegados e delegadas puideron compartir as súas preocupacións e reivindicacións. Algúns dos temas que se trataron incluíron:

  1. Aumento Salarial: Moitos traballadores expresaron a súa insatisfacción coas súas condicións salariais actuais e demandaron un aumento xusto nos seus salarios para facer fronte ao aumento dos custos de vida.
  2. Melloras nas Condicións Laborais: A seguridade no traballo, a carga de traballo e a conciliación entre a vida laboral e persoal tamén foron temas centrais da reunión. Os delegados e delegadas subliñaron a necesidade de mellorar estas áreas.
  3. Formación e Desenvolvemento Profesional: Algúns asistentes sinalaron a importancia de acceder a oportunidades de formación e desenvolvemento profesional para avanzar nas súas carreiras.
  4. Protección dos Dereitos Laborais: A protección dos dereitos laborais, incluíndo a prevención do acoso laboral e a discriminación, tamén foi un punto clave.

Lucía Trenor comprometeuse a traballar en colaboración co persoal do sector de comercio alimentación para buscar solucións concretas. Ademais, subliñou a importancia da unión dos traballadores e traballadoras neste esforzo colectivo para lograr condicións de traballo xustas e equitativas para todos.

Esta reunión sinala un paso significativo na loita dos traballadores do sector de comercio alimentación en Galicia por un trato xusto e condicións laborais dignas. A medida que avanzan as conversacións e as accións se planifican, queda claro que a Federación de Servizos de CCOO está comprometida en loitar polo benestar e os dereitos de todos os traballadores e traballadoras desta industria vital en Galicia.

 

Reunión delegados delegadas comercio alimentación Galicia


Para o sindicato, esta posibilidade é "prexudicial" para as persoas traballadoras e dificulta aínda máis a conciliación da vida laboral e familiar

CCOO Servizos reitéramoslle á Xunta de Galicia a nosa oposición á apertura dos comercios durante domingos ou festivos

Apertura horarios comerciais en domingos e festivos

A Federación de Servizos de CCOO reiterámoslle á Xunta de Galicia o noso rexeitamento á apertura dos comercios en domingo ou durante festivos. Así llo fixemos saber á Dirección Xeral de Comercio e Consumo ante a consulta trasladada que o departamento autonómico nos trasladou ao sindicato para coñecer a nosa posición ante esta medida.

Cómpre lembrar que o artigo 5.1 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, permite a apertura dos comercios un máximo de dez domingos e festivos ao ano. Asemade, o artigo 6.1 da citada norma sinala que a Xunta consultará —antes do 15 de outubro do ano anterior— esta posibilidade con diversas entidades, entre elas os sindicatos do sector.

Ano tras ano, CCOO rexeitamos esta medida por considerarmola «prexudicial» para as condicións de traballo das persoas que traballan no sector e ser un elemento que contribúe á precariedade a través de prolongacións de xornada, amais de impedir a conciliación da vida laboral e familiar.

Na nosa opinión, sen estas aperturas extraordinarias, o horario comercial "xa abastece suficientemente" as necesidades da poboación, polo que a medida unicamente xeraría un «prexuízo notorio» para os traballadores e traballadoras do comercio.

Acompañamos escrito da Xunta de Galicia e carta de contestación:

Carta Xunta aperturas domingos e festivos   Contestación carta Xunta Galicia aperturas comercio domingos festivos


CCOO convoca ao persoal de H&M a máis xornadas de mobilizacións tras o éxito masivo da folga

Mobilizacións condicións laborais H&M

Tras o éxito, tanto da concentración do 22 de xuño, como da folga de 24 horas -cun seguimento da convocatoria de máis do 80% en todo o territorio, CCOO chama ao persoal a un novo seguimento masivo o sábado 1 de xullo e anticipa a convocatoria de novas xornadas de folga de cara á nova convocatoria do SIMA.

Desde Comisións Obreiras valoramos de éxito rotundo a primeira convocatoria de mobilizacións - 20 de xuño (paro parcial) e 22 de xuño (folga de 24 horas) - cun seguimento masivo en todo o territorio do 80% do persoal pechando, ambos os días, un cento de tendas do Grupo H&M (H&M, COS, OTHER STORIES, WEEKDAY).

Estas mobilizacións enmárcanse nun contexto de inicio da tempada de rebaixas para este verán, e é que desde CCOO queremos salientar non só que cada ano se adianta esta data, tamén as condicións laborais e salariais precarias - ás que xa está sometida o persoal de H&M - que se acusan pola falta de persoal e, polo tanto, a carga de traballo para as 3.700 mulleres e 400 homes traballadores.

A nosa disposición e vontade para negociar sempre está aberta, por este motivo, esta semana volveremos ao SIMA. Desde CCOO continuaremos coas mobilizacións de folgas de 24 horas en defensa dos dereitos laborais e condicións salariais:

Sábado 1 de xullo: folga de 24 horas
Sábado 8 de xullo: folga de 24 horas

 

 

 

 


Salud Laboral

Dudas y preguntas sobre Salud Laboral. Trabaja de manera segura.

Transparencia CCOO

Portal Transparencia Servicios CCOO: Cuentas, documentación, decisiones

Calendario Laboral Calendario Laboral 2015
Guía derechos de trabajadores y trabajadoras Guía de los derechos de trabajadores y trabajadoras en la empresa. Tambien puedes consultar los Efectos de la Reforma Laboral sobre los derechos de los trabajador
Consulta sobre pensiones
Consultas sobre pensiones