O seguimento da primeira convocatoria foi dun 80%

O comercio de metal de Pontevedra mobilizouse o sábado en Vigo e comeza unha folga

Folga comercio metal PO

Os sindicatos CCOO, UGT e CIG convocan unha concentración do sector do comercio de metal da provincia de Pontevedra. Foi o sábado, 19 de novembro, ás 12 horas, diante do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Con esta protesta, os traballadores e traballadoras esixiron a actualización do seu convenio, que leva tres anos caducado, e déronlle unha última advertencia ás empresas antes da xornada de folga provincial que tivo lugar hoxe.

As organizacións sindicais lembran que o actual convenio colectivo rematou a súa vixencia no 2019. Desde aquela estase intentando renovar o texto coas patronais ATRA e ACE, sen que a parte empresarial amose vontade negociadora. Ante isto, a parte social incluso pediu a incorporación deste convenio ao do comercio vario, onde xa están outros sectores comerciais, recibindo tamén unha negativa —neste caso, da patronal ATRA.

Ademais dos salarios, onde os sindicatos piden incrementos acordes co encarecemento do custo da vida, estábanse a negociar outras cuestións, como a adaptación ao que esixe a reforma laboral no tocante á contratación, a xornada laboral anual e dereitos sociais como licenzas, días de libre disposición ou vacacións.

CCOO, UGT e CIG sinalan que a parte social cedeu en moitas reivindicacións para tentar chegar a un acordo, incluso aceptando que non houbese incremento salarial retroactivo para os anos 2020 e 2021. Na xuntanza do pasado 11 de outubro, ATRA retirou todas as súas propostas, alegando que parte social pedira «moito» na anterior reunión.

Para os tres sindicatos, este comportamento é contrario ao principio da boa fe que debe presidir todas as negociacións. A ruptura do diálogo non lles deixa aos traballadores e traballadoras outra saída que a mobilización en defensa dos seus dereitos.


CCOO Servizos é segunda forza en Grandes Almacéns!!

O 18 de Novembro celebráronse eleccións sindicais no sector de Grandes Almacéns nas que Servicios CCOO logrou consolidar máis de 400 delegados e delegadas a nivel sectorial, pasando a ser o segundo sindicato no sector.

As eleccións celebráronse en diversas empresas do sector, ECI, Carrefour, Alcampo, Ikea, Conforama, Makro, Ikea, Apple, etc. Grazas ao esforzo de coordinación entre os delegados e delegadas e federacións e o traballo de todos e todas neste último ano, CCOO confirmou o seu crecemento de representación no sector. Con estes resultados confírmase que CCOO recibe un amplo apoio onde presenta candidaturas.

Desde a Federación de Servizos de CCOO felicitamos a todas as persoas que co seu traballo fixeron posible todo isto e damos as grazas a quen se presentou nas nosas candidaturas e aos traballadores e traballadoras a confianza depositada en CCOO. Para CCOO este apoio recibido fortalece o compromiso para facer fronte aos retos que ten o sector de grandes almacéns nos próximos catro anos, apostando pola negociación colectiva, o diálogo e as formulacións e propostas do Sindicato para a negociación do Convenio Colectivo que se negocie.

 

 

 

 


O comité de empresa de Hiperxel advirte de mobilizacións se continúan os atrasos no pagamento dos salarios

Hiperxel

O comité de empresa de Xeldist —máis coñecida polo nome comercial Hiperxel—, composto por membros de CCOO, UGT e CIG, advirte de mobilizacións se continúan os atrasos no pagamento dos salarios. O persoal atópase nunha «incerteza máxima», pois traballa sen saber cando cobrará a nómina ou como evolucionará a situación, que leva meses sendo complicada. A impuntualidade nos pagamentos tamén se estende ás empresas provedoras, coa problemática da falta de mercadoría nas tendas que isto implica.

Xeldist Congelados foi vendida en xullo do 2021 por Iberconsa ao grupo Vinova, no cal está integrada a marca comercial Conxelados Cíes. Tras uns meses de «adaptación» á nova situación empresarial, en abril deste ano comezaron os atrasos nas nóminas e a falta de mercadoría nas tendas.

Pola súa parte, o persoal non ten información fiable por parte da empresa, máis aló de comunicados nos que amosa unha «intención de reflotación» e pedindo un «esforzo extra», pero sen ofrecer garantías. «A mobilización parece ser o único camiño que nos está deixando a dirección da empresa», conclúen desde o comité.


CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística e critica que A Coruña a amplíe

zona afluencia turística

CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística, que permite a apertura todos os días do ano nos establecementos con máis de 300 metros cadrados de superficie. Porén, o sindicato critica que A Coruña non atendese o informe do sindicato e decidise ampliar a súa zona. Ler máis


CCOO rexeita a ampliación da zona de afluencia turística da Coruña, que se estende a Monte Alto e Distrito Picasso

rúa comercial

A Federación de Servizos de CCOO rexeita a ampliación da zona de afluencia turística da Coruña, que agora se estende ata Monte Alto de Distrito Picasso. Nestas zonas, os establecementos comerciais con máis de 300 metros cadrados de superficie poden abrir todo o ano.

Para CCOO-Servizos, este tipo de medidas só benefician as grandes empresas de distribución en detrimento do pequeno e mediano comercio, rompendo o equilibrio entre uns e outros.

Segundo o sindicato, está demostrado que a ampliación de horarios e a apertura en todos os festivos do ano non anima o consumo nin crea máis emprego. Pola contra, supón maior carga de traballo e empeoramento das condicións laborais, dificultando tamén a conciliación.

Por esta razón, CCOO presentou un informe desfavorable á dita ampliación que, non obstante, foi obviada polo Goberno local, que no pleno desta semana aprobou a medida só co apoio do PP.

Ata agora, a zona de afluencia turística coruñesa abranguía o centro da cidade, Riazor e a contorna da Torre de Hércules. Agora esténdese ata Monte Alto e Distrito Picasso.

 

 


O pleno do Concello de Vigo mantén a área de afluencia turística pactada hai cinco anos

zona afluencia turística

Este 2022 era ano de revisar as áreas de afluencia turística, nas que os establecementos de máis de 300 metros cadrados poderán abrir todo o ano.

No caso de Vigo, CCOO propúxolle ao Concello manter a mesma zona que se aprobara hai cinco anos, ao entender que non hai motivos que xustifiquen facer ningún tipo de ampliación. Malia que no período de negociación houbo movementos para tentar ampliar esta zona, a insistencia e consistencia coa que o sindicato defendeu a súa postura, xunto coa doutras organizacións que estaban na mesma liña, fixo que o Goberno local optase por non facer cambios.

Esta zona abrangue o que se podería definir como o núcleo histórico vigués, incluíndo a zona de Bouzas e o ámbito perimetral entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, Areal, Montero Ríos e Cánovas del Castillo (excluíndo a zona a carón do mar) ata San Francisco.

Un ano máis, as zonas que se potencian como de afluencia turística son aquelas que contan con pequeno comercio e de proximidade, quedando excluídas as grandes áreas comerciais.

CCOO considera moi positiva esta medida, aprobada no pleno municipal do 28 de xuño co consenso de todas as partes implicadas.


Salud Laboral

Dudas y preguntas sobre Salud Laboral. Trabaja de manera segura.

Transparencia CCOO

Portal Transparencia Servicios CCOO: Cuentas, documentación, decisiones

Calendario Laboral Calendario Laboral 2015
Guía derechos de trabajadores y trabajadoras Guía de los derechos de trabajadores y trabajadoras en la empresa. Tambien puedes consultar los Efectos de la Reforma Laboral sobre los derechos de los trabajador
Consulta sobre pensiones
Consultas sobre pensiones