Archivado en Legal, Jornada, Union Comarcal Lugo, Hostalaría

Dúas sentenzas en Paradores dan a razón a CCOO en senllos conflitos colectivos

Paradores: Sentenzas sobre vacacións en Villalba e modificación de quendas a persoal do departamento de pisos en Monforte


Parador Vilalba
Dúas sentenzas en Paradores dan a razón a CCOO en senllos conflitos colectivos, un no Parador de Vilalba sobre fixación de vacacións por peche temporal do Parador e o outro no Parador de Monforte por modificación de quendas ao persoal do departamento de pisos.


pdf
print
pmail
No caso de Vilalba reclamábase que na imposición por parte da empresa das vacacións 2018 por peche do Parador non se negociou coa representación dos traballadores de boa fe, non se solicitou informe previo do Comité de Empresa e alterouse de forma substancial o sistema de vacacións que viña establecendo regularmente.

A xuíz basea a súa sentenza na falta de informe previo do Comité de Empresa (Requisito imprescindible segundo sentenza do TS) e en que se modificou o sistema para a negociación das vacacións que viña utilizando nos últimos anos sen aplicar o establecido no artigo 41 do Estatuto dos Traballadores de modificación substancial de condicións de traballo, ademais de non acreditarse causas técnicas organizativas ou de produción que xustificasen a medida.

A conclusión final da xuíz é que declara nulos os calendarios de vacacións impostos pola empresa para o ano 2018 no Parador de Vilalba, establecendo a posibilidade de interpor recurso nun prazo de cinco días.

No caso de Monforte o que se reclamou foi a modificación das quendas de traballo como modificación substancial das condicións de traballo e que non se entregaron os calendarios xerais aos traballadores e traballadoras.

A cuestión a debate foi que no departamento de pisos os meses de xuño e xullo de 2017 se modificou no calendario mensual a rotación dos descansos e se establece por primeira vez o descanso en luns e martes separado do fin de semana.

Entende a xuíz que o que se produce no mes de xuño e xullo non é un simple cambio na rotación, o que realmente hai é unha modificación substancial de condicións de traballo e por tanto a empresa tería que aplicar o artigo 41 do Estatuto e xustificar a necesidade de tal modificación. Queda claro que o acordo do ERE no que respecta á confección dos calendarios mensuais non lle permite á empresa actuar con discrecionalidade.

Como decisión final establece que a empresa deberá repor ás traballadoras afectadas do Parador de Monforte as condicións de quendas e distribución de xornada que tiñan antes de xuño de 2017. Tamén se establece a posibilidade de interpor recurso nun prazo de cinco días.
A conclusión final está clara. Só tentándoo podemos conseguir cambiar as cousas e o movemento demóstrase andando, aos poucos pero firmemente. Nestes dous casos a unidade do persoal do Parador de Vilalba e do departamento de pisos do Parador de Monforte xunto coa axuda e o apoio de CCOO conseguiron cambiar as cousas e que a dirección da empresa non poida aplicar unhas medidas que nos dous casos non estaban de ningunha das maneiras xustificadas.