CCOO Servizos gaña as eleccións en Egasa XXI A coruña e revalida a súa maioría
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia gañou as eleccións sindicais celebradas hoxe en Egasa XXI. A candidatura proposta polo sindicato logrou tres delegadas e dous delegados, sendo a única que se presentou.
CCOO-Servizos traballará para homoxeneizar condicións laborais en Inditex

Reunión de delegadas e delegados de CCOO Servizos do Grupo Inditex
O vindeiro 5 de abril terá lugar en Santiago a primeira reunión de representantes da Federación de Servizos de CCOO Galicia no Grupo Inditex, onde, entre outras cuestións, se analizará a situación da Negociación Colectiva das marcas que forman parte dese grupo (Zara, Berska, Stradivarius, Lefties, ...).
Unificar criterios en canto a negociación, potenciar a coordinación para aproveitar os recursos que o sindicato pon á súa disposición, mellorar a comunicación e aumentar a afiliación serán cuestións que centrarán o encontro.
Preténdese incrementar o compromiso de posta en común periódica aportando experiencias e intercambiando criterios sobre problemática laboral e traballo sindical, así como coñecer de primeira man a situación do personal de cada centro de traballo.
Qué está pasando en Media Markt Vigo?
Tanto CCOO como CIG sinalamos que a empresa se está a aproveitar da reforma laboral para despedir persoal con contrato a tempo completo para, no seu lugar, facer contratos por horas. Tamén se está producindo unha deterioración das condicións laborais, coa obriga de traballar domingos e facer horas extraordinarias. Así mesmo, o persoal, en moitos casos, descoñece o seu propio horario o día antes de comezar a xornada.
Criticamos o degradado sistema de relacións laborais dunha empresa que se gaba na prensa do seu modelo empresarial. Denunciamos, así mesmo, que hai «ameazas constantes» de despedimento para que o persoal non proteste ante a deterioración das condicións de traballo.
CCOO Servizos gaña as eleccións en Lidl Pontevedra
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia gañou as eleccións sindicais
en Lidl Pontevedra. A candidatura presentada polo sindicato logrou
cinco representantes (tres no colexio de especialistas e dous no de
técnicos). Adianta, polo tanto, a CIG, que ficou con catro.
CCOO agradécelles aos traballadores e traballadoras a participación no
proceso electoral e a confianza depositada na candidatura deste
sindicato, que mellorou resultados respecto dos anteriores comicios,
cando conseguira tres delegados.
Comeza a Negociación Colectiva no sector do Comercio da Provincia de Pontevedra
Neste ano 2016 cómpre negociar dez convenios de comercio nesta provincia, dos que catro terminaron a súa vixencia en 2015 (Comercio Alimentación, Comercio retallista téxtil, Comercio do moble e Comercio de materiais de construción) e seis fixérono en anos anteriores (Comercio de bazares, Comercio metal e Comercio almacenistas de froitas, en 2014 e Comercio de peixe fresco 2010, Venda por xunto de tecidos 2012 e Comercio da pel 2009).
A primeira mesa que se constituiu foi a de Comercio de materiais de construción, na que despois de tres reunións a formulación da patronal segue sendo a conxelación salarial, baseándose na mala situación que segue soportando o sector. Por parte de CCOO as propostas seguen sendo a necesidade de incrementar as táboas salariais unida á inclusión de melloras normativas, sobre todo na xornada de traballo.
Tamén se constituiron as mesas de negociación dos convenios de Comercio do Moble e de Comercio Alimentación. No primeiro caso a representación de CCOO é o 100%, polo que xa fixemos entrega da nosa plataforma, do mesmo xeito que no segundo, no que pola parte social estaremos CCOO, CIG, UGT e USO, sen que ningún dos tres sindicatos teña a maioría absoluta.
Esperamos que axiña poidamos iniciar a negociación do convenio de Comercio retallista téxtil. Continuamos instando á patronal para que nos convoque.
Sobre os Convenios que remataron a súa vixencia en anos anteriores sen sequera constituírense as mesas de negociación, seguimos insistindo e ante a falta de resposta por parte da patronal estamos a estudar outro tipo de medidas legais para conseguir sacar da parálise na que están os traballadores e traballadoras afectados polos mesmos.
As formulacións que estamos a facer CCOO nas nosas plataformas baséanse na mellora dos salarios, das condicións de xornada de traballo para garantir a conciliación e na regulación da contratación.











