Mobilizacións no comercio vario da Coruña e do comercio téxtil de Ourense no primeiro día de rebaixas
O sector do comercio vario da provincia da Coruña e o comercio téxtil da provincia de Ourense mobilizaranse o próximo venres, día 29 de xuño, cadrando co inicio das rebaixas. Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG, que promoven as mobilizacións, denuncian que as patronais de ambos os dous sectores pretenden «condenar» os traballadores e traballadoras «a salarios conxelados ou de miseria». «As rebaixas, nos prezos, non nos nosos dereitos», advirten.
CCOO Servizos gaña as eleccións en Froiz Lugo
O Congreso extraordinario da Unión Comarcal de CCOO de Arousa terá lugar o 27 de xullo
Comezan as negociacións do Convenio do Comercio Téxtil de Ourense
O pasado 5 de abril, constituíuse a mesa de negociación do noso convenio, os tres sindicatos puxémonos de acordo en elaborar unha plataforma conxunta para defendela de forma unitaria a cal foi entregou á patronal o pasado día 16 de abril. As traballadoras e traballadores do téxtil de Ourense temos un convenio prorrogado e con conxelación salarial desde o ano 2011. Non podemos escoitar, cada día, que a situación económica mellora, e consentir que isto non se reflicta, tanto nos salarios, como nas condicións de traballo do persoal. Desde a negociación do convenio temos que traballar para conseguir un salario digno e unhas condicións que nos permitan conciliar a nosa vida laboral e familiar. Resumo plataforma sindical conxunta
FAGAMOS VALER A UNIDADE A UNIÓN FAI A FORZA
Asinado o Convenio Colectivo de Comercio de Materiais de Construción e Saneamento da provincia de Pontevedra
Tras cinco reunións da mesa negociadora o pasado 2 de maio, asinamos o Convenio de Comercio de Materiais de Construción e Saneamento da provincia de Pontevedra, o que terá unha vixencia de dous anos, 2018 e 2019.
CCOO logra constituir as mesas de igualdade no Grupo Inditex
CCOO veu impulsado que todas as empresas do Grupo Inditex puxesen en marcha o comezo da renovación e negociación dos plans de igualdade, como garantía de dereitos e oportunidades para as mulleres no ámbito laboral. A Federación de Servizos de CCOO aborda a negociación de cinco Plans de Igualdade do Grupo Inditex: Pull&Bear, Bershka, Oysho, Zara, que renovan o I Plan de Igualdade, que xa chegaran ao final da súa vixencia e o I Plan de Igualdade en Kiddy´s Class.
CCOO e UGT congratúlanse do «éxito» da folga e da participación «masiva» nas mobilizacións
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratúlanse do «éxito» da folga convocada hoxe polo sindicalismo de clase. O seguimento dos paros de dúas horas foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións públicas. Polo de agora, non houbo incidentes salientables nin no paro que da madrugada (entre as 00:00 e as 02:00), nin tampouco ao mediodía (das 12:00 ás 14:00).
8M no Corte Inglés
Con motivo da folga convocada para o día 8 de marzo volvemos a ver que Fetico e Fasga continúan facendo o mesmo papel, seguidismo da patronal e das empresas, tentando desprestixiar unha mobilización histórica e necesaria.
Non imos perder nin un minuto en responder aos argumentos tan absurdos que utilizaron na reunión extraordinaria do Corte Inglés de Vigo, que se celebrou neste centro o día 22 de febreiro. Non recoñecen, e parece non preocuparlles moito, os problemas reais que sufrimos as mulleres, tamén nesta empresa. Imos explicarvos os motivos que nos levaron a convocar esta mobilización.
As CCOO estivemos sempre en primeira liña na loita polos dereitos das mulleres e pola igualdade. Quixemos protagonizar unha mobilización laboral sen precedentes na historia do movemento sindical e feminista en España.
Por que CCOO pode convocar unha folga xeral? Porque é a primeira organización sindical neste país e formamos parte de organizacións sindicais internacionais.
Sobran os motivos:
- Os contratos de semanas ou meses recaen maiormente nas mulleres, as cales están a traballar con xornadas con menos horas.
- As pensións son un 37% máis baixa para as mulleres.
- No 2017 foron asasinas 49 mulleres e 8 nenas e nenos por violencia machista.
- A brecha salarial segue aumentando en todos os sectores do noso país, en traballo de igual valor as mulleres cobran ata un 30% menos que os homes.
- Os coidados recaen maioritariamente sobre nós, e 9 de cada 10 permisos ou excedencias recaen sobre as mulleres.
- Cantas mulleres están a traballar nos departamentos de loxística? E na liña de caixas?
- E cantas de directoras de centros? Teñen o mesmo porcentaxe de presenza na empresa?
- Realmente cremos que a igualdade efectiva e real chegou por asinar un acordo ou non? queda moito camiño por andar.
Por todo isto cremos que unha folga de 2 horas por quenda de traballo é a forma máis eficaz para conseguir este obxectivo. Tamén, porque é a menos gravosa para o conxunto das persoas traballadoras, ao supor un menor prexuízo económico.
Todos os traballadores e traballadoras teñen dereito á folga, é un dereito recoñecido pola Constitución a todas as persoas traballadoras, e están cubertas pola convocatoria xeral. Por tanto, non hai que notificalo, nin preavisar a intención de secundar a folga. Doutra banda, a empresa tampouco debería preguntar aos seus traballadores e traballadoras se acudirán a traballar ou non, xa que podería considerarse un intento de coacción, algo perseguido pola lei.
Ao tratarse dunha folga ou paro de 2 horas, o desconto salarial será de dúas horas incluíndo a parte proporcional das pagas extraordinarias.
CCOO denuncia as dificultades para a igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos
Delegadas de Comisións Obreiras denuncian as dificultades para a igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos. Nun encontro sectorial que o sindicato organizou o mércores na Coruña co gallo da folga do vindeiro día 8, representantes de CCOO en diferentes empresas relataron as eivas detectadas no seu día a día, tanto do punto de vista profesional coma sindical.
Suspendida a folga no Lefties do Centro Comercial Gran Vía de Vigo tras lograr o comité a readmisión do despedido
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa da suspensión da folga prevista para hoxe e mañá no Lefties do Centro Comercial Gran Vía de Vigo, coa que se pretendía lograr a readmisión dun compañeiro. Tras unha «intensa» negociación, os sindicatos CCOO, CIG e UGT conseguiron na tarde do xoves que a empresa readmita o traballador despedido noutra das tendas do grupo (a da rúa Progreso), pero conservando as mesmas condicións laborais. Este acordo determina a desconvocatoria da folga. O vindeiro martes, día 27, haberá unha reunión para pechar os flocos económicos da readmisión.
CCOO, que ten a maioría no comité de empresa, congratúlase polo acordo acadado. O sindicato salienta a unidade de acción sindical, que contribuíu a que este conflito se resolvera positivamente para o traballador afectado. «Neste conflito puxemos en valor a solidariedade das persoas coa situación inxusta que padeceu un compañeiro», insisten desde Comisións.
Antecedentes
CCOO e o resto dos sindicatos afirmaron en todo momento que consideraban «inxusto e arbitrario» o despedimento dun traballador do Lefties de Gran Vía, que tiña a responsabilidade de segundo encargado e contaba, ademais, co apoio dos seus compañeiros e compañeiras.
Como reacción, o comité de empresa xa convocara concentracións os pasados días 12, 13 e 14 para pedir a readmisión. Ao non haber unha resposta «satisfactoria» á reivindicación, decidiuse convocar a folga, agora xa sen efecto grazas ao acordo.
Folga no Lefties do Centro Comercial Gran Vía de Vigo para esixir a readmisión do compañeiro despedido
Tras as concentracións realizadas os pasados días 12, 13 e 14 de febreiro contra o despedimento de un traballador do Lefties do Centro Comercial Gran Vía de Vigo, e non tendo unha resposta satisfactoria por parte da dirección da empresa, o comité de empresa decidiu convocar unha folga para este centro de traballo os próximos venres 23 e sábado 24.
Para CCOO, trátase dun despedimento «inxusto e arbitrario» para o que se utilizaron argumentos «surrealistas» como que «estivo facendo unha postal de felicitación en tempo de traballo». Este traballador é o segundo encargado e conta co apio dos seus compañeiros e compañeiras, que non entenden os motivos que puideron levar a dirección da empresa a tomar unha decisión «tan drástica e inxusta».
O comité de empresa e o persoal de Lefties, que pertence ao grupo Inditex, instan a empresa que mude a decisión adoptada e readmita o compañeiro despedido.
+ Para máis información:
Jorge Carneiro, da Federación de Servizos de CCOO: 660 106 961
Historico
Preguntas Frecuentes conciliación en Vitaly














