Archivado en Nota de prensa, Jornada, Socio Economico, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

Esta decisión dá resposta a unha das cuestións que o sindicato formulou na videoconferencia do pasado mércores, día 13 de maio, co presidente da Xunta

CCOO-Servizos avalía positivamente a derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais


derrogación liberdade horaria no comercio

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia avalía positivamente a inminente derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais. O Centro de Coordinación Operativa da Xunta reunirase hoxe para, entre outras cuestións, deixar sen efecto o punto cuarto do acordo adoptado o pasado 15 de marzo, que outorga liberdade de horarios «sen limitacións» aos establecementos comerciais de primeira necesidade. Deste xeito, volverase á situación previa, coas limitacións establecidas na lei 13/2006 de horarios comerciais de Galicia, que fixa que só teñen liberdade horaria os establecementos de ata 300 m 2 , entre outras excepcións.

Nos últimos dous meses, a Federación de Servizo de CCOO pediu a derrogación desta liberdade horaria, decretada ao abeiro da declaración do estado de alarma, por vela «inapropiada e inadecuada». Na práctica, só se estaba a beneficiar desta prerrogativa unha única empresa, pois a maioría do sector non a aplicou, pois dificulta a necesaria atención tanto á reposición da mercadoría, como á desinfección das instalacións. Desta maneira, reducindo horarios contribuíron a preservar as garantías de saúde do persoal e dos propios clientes.

 

Dá resposta á reunión do mércores

Esta decisión dá resposta a unha das cuestións que o sindicato formulou na videoconferencia do pasado mércores, día 13 de maio, co presidente da Xunta e cos conselleiros de Facenda e Economía, Emprego e Industria. Nesta reunión, unha das representantes de CCOO foi a secretaria da Federación de Servizos, Lucía Trenor, quen ademais de pedir a derrogación da liberdade de horarios, expuxo outras importantes reivindicacións para o persoal do sector. Entre outras, a necesidade de participación sindical no deseño de alternativas para os sectores do comercio, o turismo ou a hostalaría; ou o cambio de modelo produtivo, apostando pola mordernización tecnolóxica e situar a Galicia na vangarda da dixitalización.


Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,