Haberá mobilizacións en defensa do convenio do comercio de metal da provincia de Pontevedra

convenio comercio metal pontevedra

A asemblea de traballadores e traballadoras que tivo lugar o domingo, 29 de maio, aprobou iniciar mobilizacións en defensa do convenio colectivo do comercio de metal da provincia de Pontevedra. Os sindicatos CCOO, UGT e CIG, recollendo o sentir maioritario do persoal, anunciarán proximamente o calendario reivindicativo.

As intervencións dos traballadores e traballadoras presentes na asemblea centráronse na crítica á conxelación dos salarios —non se actualizan desde o 2020— e na necesidade de amosarlle á patronal o rexeitamento a que non haxa avances nas negociacións.

CCOO, UGT e CIG explicaron que a patronal se pecha en banda a incluír melloras para un sector de actividade que padece especialmente as consecuencias da pandemia, da guerra, da suba desmesurada de prezos ou da crise dos compoñentes tecnolóxicos.

Desde CCOO inciden en que «só queda o camiño da mobilización cando as empresas non escoitan as reivindicacións dos traballadores e das traballadoras». Por esta razón, o sindicato anima a todo o persoal do sector a «participar activamente» nas mobilizacións que se convoquen.

 


a convocatoria foi seguida por case o 90% do persoal

Seguimento do 90% da folga de Bosch en Vigo

folga BOSCH Vigo

Transcorridas xa as dúas primeiras xornadas de folga no centro de traballo de Vigo de Bosch Service Solutions, a convocatoria foi seguida por case o 90% do persoal, segundo informa o comité de empresa.

Bosch Service Solutions é unha empresa do sector de centros de chamadas (contact center) que presta servizos a clientes como Vodafone, Repsol, Orange ou Iberdrola.

Desde o 2019, antes da pandemia, a empresa encadeou varios ERTE que afectaron principalmente á campaña para Vodafone. A finais do pasado decembro, a empresa presentou un ERE para eses mesmos servizos, alegando unha hipotética redución de carga de traballo futura. Ler máis


Concentración e folga en Bosch Service Solutions Vigo

Folga concentración Bosch Service Solutions

O comité de Bosch Service Solucions, a segunda maior empresa de Vigo por volume de traballadores e traballadoras, convocou folga para hoxe, 16 de xullo, e tamén unha concentración diante da sede da empresa.

Á folga están chamados os máis de 1900 empregados e empregadas da firma, que rexeitan a continua deterioración das condicións laborais.

Entre as principais reivindicacións están o recoñecemento das categorías profesionais conforme ás funcións realizadas e sen precisar acudir ao xulgado, unha compensación xusta dos gastos ocasionados polo teletraballo desde o comezo da pandemia, rematar coa «práctica habitual» da empresa de impoñer determinados días de vacacións ou o atraso na presentación da documentación ante o SEPE para o persoal que entrou en ERTE no mes de xuño —a día de hoxe, estas persoas non teñen garantido sequera cobrar no mes de agosto.


Máis de 6.000 persoas acudimos ás mobilizacións convocadas

CCOO BBVA: Rotundo éxito das Mobilizacións do persoal de BBVA en 15 cidades do Estado

concentración BBVA ERE

O Banco alega razóns organizativas e económicas para acometer o despedimento masivo de 3.798 persoas, mentres a cúpula directiva consolida remuneracións de centenares de millóns de euros anuais. Por iso, 6.000 empregadas e empregados do banco e parte das súas familias, manifestámonos fronte á sede territorial de quince cidades de todo o territorio estatal, para dicir basta a este Despedimento Colectivo.

Unha clara demostración de unidade do persoal e os seus representantes sindicais, que nos dá forza para afrontar unha negociación que empezou o pasado día 6 de maio coa entrega do Informe Técnico e que continuará o vindeiro mércores día 12 de maio.

 O persoal e as organizacións sindicais falaron e BBVA debe escoitarnos, porqué non estamos dispostos a calar ante esta maiúscula inxustiza.

É incrible a actitude de desprezo do Banco pretendendo pechar centenares de oficinas, deixando en risco de exclusión financeira a amplos sectores sociais, como o das persoas maiores ou co peche da única oficina de moitas poboacións e, por iso, tamén cara ás traballadoras e traballadores das devanditas sucursais.


H&M está levando a cabo un dobre proceso de forma simultánea para reducir e precarizar o emprego nas súas tendas.

H&M presenta as súas propostas, CCOO responde con mobilizacións e esixe a retirada da modificación das condicións de traballo

concentracións H&M

O día seis, na terceira na reunión negociadora do ERE, H&M realizou propostas insuficientes:

  • Non afectación a maiores de 50 anos
  • Adscrición voluntaria limitada
  • Oferta de vacantes a tempo parcial

En materia de indemnización, non expoñen unha contía pero seguirán os parámetros doutros procesos que se produciron anteriormente na empresa.

CCOO analizará con detalle as vacantes que expuxo a empresa, pero nunha primeira revisión observamos que se ofrecen vacantes en tendas afectadas por despedimentos, cuestión que nos parece incoherente e que reafirma a nosa posición de que as causas alegadas pola empresa seguen sen justificar os despedimentos expostos, así como o número tan elevado de tendas que se van a pechar. Ler máis

 

foto concentración H&M


Un ano máis, volven os despedimentos a Media Markt Vigo!

despedimentos MediaMarkt

O Comité de Empresa de Media Markt Vigo, considera necesario manifestar publicamente a súa indignación e rexeitamento polos despedimentos inxustificados na nosa tenda. Unha vez mais a Empresa decide prescindir de persoas traballadoras cualificadas e cunha longa traxectoria na compañía, coa excusa de que non son produtivos.

Esta multinacional está a afacerse a que os/as profesionais traballen baixo presión para conseguir os resultados que esperan, presionando para que vendan todo tipo de servizos sen importar como, e utilizando daquela as súas estatísticas para marcar a uns e premiar a outros inxustamente.

Este caso é aínda mais sanguento se cabe, xa que os despedimentos coinciden coa incorporación á tenda dos estudantes de Formación Dual, que aínda que deberían de completar a súa formación na Empresa normalmente son utilizados para substituír as persoas traballadoras.

Ademais estes días Media Markt presume nos medios de comunicación de incorporar algunhas tendas da competencia á súa marca e manter o emprego das mesmas, con todo vemos que non fai o mesmo cos traballadores/as que levamos anos dándoo todo por eles e situándoos como líderes no sector.

Solicitamos por iso que se reincorpore aos traballadores despedidos e o cesamento da presión sobre os/as compañeiros/as para conseguir os obxectivos. Con esta actitude a Empresa empeza mal o camiño para conseguir ser un "BEST PLACE TO WORK", e unha Empresa con traballadores que crean nela para dar o mellor servizo aos seus clientes.

BASTA DE DESPEDIMENTOS EN MEDIA MARKT, QUEREMOS TRABALLAR EN CONDICIÓNS E SEN PRESIÓNS INDISCRIMINADAS, SOMOS TRABALLADORES NON NUMEROS!


REGULAMENTOS ASEMBLEAS CONGRESUAIS DE NIVEL II -A Coruña, Santiago-Barbanza, Vigo-Baixo Miño-