Arrinca a negociación do convenio comercio materiais de construción de Pontevedra

convenio comercio materiais de construción

Na reunión do 27 de maio de 2025 constituímos a mesa de negociación do convenio do sector, na que ningún sindicato ten maioría, coa seguinte composición: CCOO: 4, CIG: 6 representantes, UGT: 3.

Nesta primeira xuntanza constituíse a mesa, e a plataforma estará en poder da patronal antes da próxima reunión, que se celebrará o 10 de xuño ás 11:00h nos locais de ASEMACO. Ler máis


Convenio Comercio Metal Pontevedra: Reunións, propostas e próximos pasos

convenio comercio metal Pontevedra

Na segunda reunión de negociación do convenio, celebrada o 19 de maio de 2025, os sindicatos presentamos as nosas plataformas reivindicativas á parte empresarial. Foi unha reunión inicial de toma de posicións na que se abordaron temas clave.

Temas tratados:

  • Necesidade de revisar e simplificar as categorías profesionais.
  • Actualización dos CNAE aos que se aplica o convenio, para axustalos á realidade actual.
  • Adaptación das licenzas e permisos ao marco legal vixente.

A próxima reunión será o 9 de xuño ás 10:00 h, e nela comezará a negociación dos seguintes artigos:

  • Artigo 2: Ámbito de aplicación
  • Artigo 3: Ámbito funcional
  • Artigo 12-15: Licenzas, permisos, excedencias e coidados familiares Ler máis


O persoal de LIDL Pontevedra elixe a CCOO Servizos como a forza maioritaria do comité

CCOO gaña en LIDL Pontevedra

CCOO Servizos logramos un importante avance nas eleccións sindicais celebradas en LIDL Pontevedra, establecéndonos como a forza sindical maioritaria. Os resultados mostran un claro respaldo do persoal á nosa organización, que obtivo un total de 6 representantes no comité de empresa.

Resultados por colexios electorais

No colexio de técnicos e responsables, CCOO obtivemos 1 representante con 30 votos, seguido por UGT con 1 representante e 20 votos, e CIG con 1 representante e 16 votos.

No colexio de especialistas e caixeiros/as, CCOO logramos unha ampla maioría con 5 representantes e 91 votos. CIG e UGT obtiveron 2 representantes cada un, con 37 e 36 votos respectivamente. Valorian conseguiu 1 representante con 25 votos.

Comparativa cos resultados anteriores

Os resultados destas eleccións supoñen unha mellora significativa para CCOO respecto ás anteriores, onde obtivemos 5 representantes. Agora, cun total de 6 representantes, CCOO consolidámonos como a forza maioritaria no comité de empresa.

 

Sindicato

Resultados actuais

Resultados anteriores

CCOO

6

5

CIG

3

5

UGT

3

0

Valorian

1

2

Fetico

0

1

 

Agradecemento ao persoal

Desde CCOO queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todo o persoal de LIDL Pontevedra, que depositou a súa confianza en nós. Este apoio reafirma o noso compromiso de seguir traballando incansablemente para defender os dereitos e intereses de todas as persoas traballadoras da empresa.

Este resultado é un claro reflexo do recoñecemento á nosa labor sindical e un estímulo para continuar mellorando as condicións laborais en LIDL Pontevedra. Comprometémonos a exercer esta responsabilidade con dedicación e transparencia, buscando sempre o beneficio colectivo de todo o persoal.


A loita por condicións laborais dignas no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra. Concentración e rolda de prensa

convenio oficinas e despachos Pontevedra

Trala convocatoria de folga convocada para os días 16, 17, 18 e 19 de abril pola Federación de Servizos de CCOO en Galicia e UGT, o 18 de abril levouse a cabo unha rolda de prensa onde se denunciou publicamente o bloqueo por parte da patronal do convenio de Oficinas e Despachos.

Na devandita rolda de prensa tamén se denunciou por parte da Federación de Servizos a intención de seguir precarizando un sector altamente cualificado, con salarios cuxas táboas non alcanzarían nin sequera o Salario Mínimo Interprofesional, segundo as intencións da patronal.

Pola tarde tivo lugar unha concentración diante da sede da CEP de Pontevedra en Vigo, con numerosas persoas persoas traballadoras do sector a reivindicar a non eliminación do plus de antigüidade e o dereito a unhas condicións e salarios dignos.


UGT e CCOO convocamos folga os días 16, 17, 18 e 19 de abril no sector de oficinas e despachos de Pontevedra

folga oficinas despachos Pontevedra

A patronal manifestou a súa liña vermella de eliminar a antigüidade na última reunión da mesa negociadora do convenio de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra do pasado 19 de marzo, á cal nos opoñemos frontalmente a parte social. Por este motivo nos emprazamos ao 12 de abril para tentar desbloquear a situación. Porén, onte á tarde comunicóusenos a anulación da xuntanza prevista para hoxe.

É por iso que, dacordo tamén ás asembleas de traballadores/as levadas a cabo, UGT e CCOO convocamos unha folga na provincia de Pontevedra de 4 días, dende o 16 ata o 19 de abril, na que ti poderás escoller o día que queres facer folga sen necesidade de preavisar a ninguén. Ditas folgas convócanse en protesta respecto ao intento da patronal de seguir precarizando as condicións económicas e laborais do sector de Oficinas e Despachos de Pontevedra. As persoas traballadoras do sector non son persoal de segunda e merecen condicións laborais similares ás doutras provincias.

Así mesmo, convocamos unha concentración o día 18 de abril as 19:30 horas diante da sede da CEP Pontevedra. Esperámosvos a todos/as, é o momento de dicir BASTA XA!!!


Bloqueo no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra

Convenio Oficinas e despachos Pontevedra

O 19 de marzo celebrouse a última reunión da mesa negociadora do convenio de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra. Unha vez máis a patronal veu dicir que a súa liña vermella é a eliminación da antigüidade e que non se podería avanzar na negociación mentres a parte social non estea disposta a eliminala.

Desde CCOO fomos moi claros desde o inicio da negociación do convenio:

A ANTIGÜIDADE NON SE TOCA!

Existen moitos puntos deste convenio que se deberían abordar, polo que a decisión da patronal de non seguir avanzando na negociación é incomprensible. Algúns esquecen que desde o ano 2012 este convenio leva coas táboas salariais conxeladas e pendente de actualizarse en materia de permisos, igualdade, contratación e demais novidades lexislativas que no convenio quedaron obsoletas.

CCOO anunciámoslles na mesa que iniciaremos mobilizacións progresivas no sector, para esixir un convenio colectivo á altura dos cadros de persoal e que non estamos dispostos a que exista discriminación de salarios en comparación con outros convenios do sector de Oficinas e Despachos existentes en Galicia.


Oficinas e despachos de Pontevedra: Mexan por nós e din que chove

Convenio Oficinas e despachos Pontevedra

O pasado 7 de febreiro mantivemos a última reunión da negociación do convenio de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra, onde tan só se presentaron dúas persoas por parte da patronal xa que supostamente, ao non recibir unha proposta por escrito pola parte social, consideraban que non era necesaria a reunión.

CCOO trasladamos que a proposta de táboas salariais presentada na última reunión pola patronal nos podería servir como punto de partida para o ano 2023, actualizando previamente todas as categorías que estivesen por baixo do SMI e establecendo unha diferenza de 80€ entre categorías. A partir de aí poderiamos empezar a negociar a suba salarial para os próximos anos, pero sen tocar en ningún momento a antigüidade. 

A sorpresa atopámola cando a CIG, sindicato que ten a maioría da representación SOCIAL na mesa, ofreceulle á patronal rebaixar a antigüidade a un 4% do salario base por trienio cun tope máximo do 40% (actualmente 5% por bienio cun tope do 60%). Para isto convocou no seu momento folga e mobilizacións, facéndolle perder diñeiro ao persoal?

O agasallo da CIG á patronal suporía unha perda económica e un enorme risco para os cadros de persoal no futuro. Lembremos que durante 12 anos non houbo interese por parte da patronal de negociar o convenio, e precisamente a antigüidade foi a que permitiu que os salarios subisen minimamente cada dous anos.

CCOO non está disposta a asinar un convenio que supoña unha perda de dereitos para o persoal do sector de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra.