Constitúese a mesa de negociación do convenio comercio vario de A Coruña
O día 7 de xuño de 2022, constituímos a mesa de negociación do convenio de comercio vario da Coruña, composta por 15 membros por parte da representación sindical e coa seguinte repartición: CCOO 4, CIG 7; UGT 4.
Nesta primeira reunión ademais de constituír a mesa, presentouse unha proposta conxunta das tres centrais sindicais, coa que tentaremos mellorar as condicións de traballo do persoal do sector, incorporando unha vez máis propostas en temas de xornada laboral, descansos, vacacións, licenzas, clasificación profesional, incrementos salariais, abono de complementos, desconexión, transición dixital e igualdade.
A pandemia dos últimos anos que atrasou o inicio desta negociación, ademais da situación actual de IPC disparado, vai complicar sen dúbida esta negociación, pero é de xustiza que o sector do comercio teña unha actualización do seu convenio tras varios anos conxelado.
Concentración polo convenio do Hostal dos Reis Católicos, vencido desde o 2010
O persoal deste establecemento hostaleiro de Santiago de Compostela vén reivindicando a sinatura dun novo convenio desde o ano 2010, data na que caducou a súa vixencia.
Despois de moito tempo de negociacións xa é a segunda vez que se chega a un preacordo, porén, a empresa non materializa a súa sinatura e polo tanto non é aplicable o texto acordado.
Despois de moitas reunións, mobilizacións, folgas, mediacións e arbitraxes, o persoal do Hostal concentrouse diante dos xulgados para demandar ante a xustiza que se publique o convenio e se incrementen os salarios, conxelados desde o seu vencemento.
Haberá mobilizacións en defensa do convenio do comercio de metal da provincia de Pontevedra
A asemblea de traballadores e traballadoras que tivo lugar o domingo, 29 de maio, aprobou iniciar mobilizacións en defensa do convenio colectivo do comercio de metal da provincia de Pontevedra. Os sindicatos CCOO, UGT e CIG, recollendo o sentir maioritario do persoal, anunciarán proximamente o calendario reivindicativo.
As intervencións dos traballadores e traballadoras presentes na asemblea centráronse na crítica á conxelación dos salarios —non se actualizan desde o 2020— e na necesidade de amosarlle á patronal o rexeitamento a que non haxa avances nas negociacións.
CCOO, UGT e CIG explicaron que a patronal se pecha en banda a incluír melloras para un sector de actividade que padece especialmente as consecuencias da pandemia, da guerra, da suba desmesurada de prezos ou da crise dos compoñentes tecnolóxicos.
Desde CCOO inciden en que «só queda o camiño da mobilización cando as empresas non escoitan as reivindicacións dos traballadores e das traballadoras». Por esta razón, o sindicato anima a todo o persoal do sector a «participar activamente» nas mobilizacións que se convoquen.
CCOO pide compromiso para loitar contra os riscos laborais no sector das camareiras de pisos
CCOO celebrará os meses de maio e xuño, encontros con camareiras de pisos, dentro do programa de “Intervención preventiva con traballadoras/es dos departamentos de pisos dos establecementos hostaleiros” financiado polo Plan de Nacional sobre Drogas, onde analizará e debaterá sobre o consumo de fármacos, hipnosedantes, analxésicos opioides e outras drogas. Ler máis
Centros de Chamadas: Hoxe folga estatal para desbloquear o convenio
O persoal do sector dos centros de chamadas está convocado hoxe a unha folga de 24 horas a nivel estatal por CCOO e UGT. O motivo é o bloqueo das negociacións do convenio por mor a actitude obstrucionista da patronal, pois non houbo avances nas negociacións nos últimos dous anos e medio.
A Federación de Servizos de CCOO denuncia que ao persoal do sector se lle conxela o soldo desde o ano 2019. É un persoal moi profesional e que non percibe ningunha compensación de gastos por teletraballar. Ademais, en moitas perciben o SMI, polo que padece de xeito especial o impacto da inflación.
As traballadoras e traballadores dos centros de chamadas son as persoas que están do outro lado do teléfono cando a cidadanía pide asistencia en sectores tan importantes como a banca, a enerxía, a sanidade ou as telecomunicacións e operan para empresas como Santander, Abanca, Inditex, Orange, R Cable, Vodafone, Natural, Iberdrola, Endesa, etc.
CCOO realizou unha manifestación o propio 13 de maio que partiu ás 11:30 do Obelisco da Coruña e rematou na praza de Mina.













