CCOO rexeita a ampliación da zona de afluencia turística da Coruña, que se estende a Monte Alto e Distrito Picasso
A Federación de Servizos de CCOO rexeita a ampliación da zona de afluencia turística da Coruña, que agora se estende ata Monte Alto de Distrito Picasso. Nestas zonas, os establecementos comerciais con máis de 300 metros cadrados de superficie poden abrir todo o ano.
Para CCOO-Servizos, este tipo de medidas só benefician as grandes empresas de distribución en detrimento do pequeno e mediano comercio, rompendo o equilibrio entre uns e outros.
Segundo o sindicato, está demostrado que a ampliación de horarios e a apertura en todos os festivos do ano non anima o consumo nin crea máis emprego. Pola contra, supón maior carga de traballo e empeoramento das condicións laborais, dificultando tamén a conciliación.
Por esta razón, CCOO presentou un informe desfavorable á dita ampliación que, non obstante, foi obviada polo Goberno local, que no pleno desta semana aprobou a medida só co apoio do PP.
Ata agora, a zona de afluencia turística coruñesa abranguía o centro da cidade, Riazor e a contorna da Torre de Hércules. Agora esténdese ata Monte Alto e Distrito Picasso.
![]() |
![]() |
O pleno do Concello de Vigo mantén a área de afluencia turística pactada hai cinco anos
Este 2022 era ano de revisar as áreas de afluencia turística, nas que os establecementos de máis de 300 metros cadrados poderán abrir todo o ano.
No caso de Vigo, CCOO propúxolle ao Concello manter a mesma zona que se aprobara hai cinco anos, ao entender que non hai motivos que xustifiquen facer ningún tipo de ampliación. Malia que no período de negociación houbo movementos para tentar ampliar esta zona, a insistencia e consistencia coa que o sindicato defendeu a súa postura, xunto coa doutras organizacións que estaban na mesma liña, fixo que o Goberno local optase por non facer cambios.
Esta zona abrangue o que se podería definir como o núcleo histórico vigués, incluíndo a zona de Bouzas e o ámbito perimetral entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, Areal, Montero Ríos e Cánovas del Castillo (excluíndo a zona a carón do mar) ata San Francisco.
Un ano máis, as zonas que se potencian como de afluencia turística son aquelas que contan con pequeno comercio e de proximidade, quedando excluídas as grandes áreas comerciais.
CCOO considera moi positiva esta medida, aprobada no pleno municipal do 28 de xuño co consenso de todas as partes implicadas.
Se continúa a degradación dos salarios, haberá conflito laboral e social
As empresas seguen repercutindo a suba do IPC aos prezos dos seus produtos; cargan todo o peso da inflación na cidadanía, aproveitando a alza para elevar tamén a marxe de beneficio por unidade produtiva, o que provoca un forte efecto de segunda rolda tanto na inflación subxacente, 5,5 %, como na xeral, 10,2 %. Ler máis
Seguimento case total da folga de Bosch Vigo para rexeitar o ERE
Este luns secundaron a folga case todas as traballadoras e traballadores de Bosch Service Solutions, a segunda empresa máis grande de Vigo por volume de persoal. No principal servizo afectado, o seguimento foi do 99% durante a quenda da mañá. Ademais do paro, houbo tamén concentración diante das instalacións da compañía para rexeitar as condicións do novo ERE que presentou hai poucos días a dirección.
Bosch Service Solutions dedícase ao sector de centros de chamadas e presta servizos para clientes como Repsol, Orange, Iberdrola e a mencionada Vodafone, entre outras compañías. Desde o inicio da pandemia, Bosch encadeou varios ERTE e ERE, así como modificacións substanciais de condicións de traballo que afectaron principalmente aos servizos que se prestan para Vodafone.
A mediados de xuño, a dirección da empresa convocou o comité para iniciar un período de negociación dun novo ERE pola perda do servizo de Vodafone HD, que se deslocaliza a outros países.
CCOO rexeita o desmantelamento da empresa, tanto por parte de Bosch como pola deslocalización promovida por Vodafone, que provocaron que o cadro de persoal en Vigo pasara de 2500 persoas hai menos de catro anos a 1400 na actualidade.
Asinado preacordo do convenio de comercio alimentación da Coruña, con aumento salarial e redución de xornada
A Federación de Servizos de CCOO informa do asinamento, o mércores, do preacordo que pon fin ao conflito no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña. O convenio, cunha vixencia do 2022 ao 2025, recollerá importantes subas salariais —con revisión ligada ao IPC real— e redución da xornada laboral anual, entre outras importantes melloras de condicións. O texto tamén recolle cláusulas ligadas á desconexión dixital e á transición dixital, aspectos que cobran cada vez máis importancia.
En materia salarial, o preacordo recolle aumentos do 5 % para o presente ano 2022, do 4 % no 2023 e do 3 % para o 2024 e o 2025. Así mesmo, páctase unha revisión salarial conforme ao IPC real, cun tope do 2,5 % para este ano, do 2 % no 2023 e do 1 % nos dous últimos anos de vixencia do convenio.
Tamén se incorpora na redacción unha cláusula de rexistro de valores, para garantir a igualdade de salarios e complementos, co obxectivo de combater a fenda salarial.
A xornada anual redúcese en vinte horas, de 1812 a 1792. Isto faise mediante a aplicación de tres fins de semana de calidade, gozando un sábado libre cada cuadrimestre —excepto no mes de decembro—. Tamén se acorda fomentar a xornada continua, como mínimo para o 70 % do persoal da tempo completo por tenda.
Tamén se mellora o sistema de clasificación profesional, eliminando o grupo IV e cun grupo III con catro niveis e promoción automática de nivel cada tres anos, respectando antigüidades e experiencia acreditada.
Outras cláusulas que se asinan teñen a ver co aspecto dixital. Por unha banda, a de desconexión, para evitar continuas chamadas de teléfono ou mensaxes ao saír do centro de traballo. Pola outra, a transición dixital, para regular a afectación da dixitalización e da venda online, para evitar a perda de postos de traballo.
Finalmente, actualízase o contido en materia de xestación conforme a lexislación vixente e mellora a licenza retribuída no suposto de hospitalización, que é de catro días e poderase iniciar en calquera dos días que esta dure —e mesmo se poderá usar de maneira fraccionada.















