Engadimos apoios ante o bloqueo e silencio mediático no convenio comercio de alimentación de Ourense: SUMAR, BNG, PSOE e GRUPO MIXTO
Unha representación das persoas traballadoras do sector do comercio da alimentación de Ourense mantivemos hoxe unha serie de reunións con representantes dos grupos parlamentarios de BNG, PSOE e grupo mixto do parlamento Galego, e a portavoz do grupo parlamentario Sumar, Verónica Martínez Barbero no Parlamento Español, co obxectivo de trasladarlles a crítica situación que atravesa a negociación do convenio colectivo provincial.
Durante os encontros, a representación sindical explicamos o bloqueo provocado pola negativa da patronal a atender reivindicacións laborais básicas, a pesar do éxito das xornadas de folga xa celebradas e do amplo respaldo das traballadoras e traballadores do sector.
Solicitamos un apoio político claro e visible, así como colaboración para romper o silencio informativo que pesa sobre este conflito, que afecta a milleiros de persoas en toda a provincia de Ourense.
Os distintos grupos parlamentarios amosaron interese polas demandas trasladadas e comprometéronse a estudar vías para darlles visibilidade tanto nas institucións como nos espazos públicos.
Desde os sindicatos convocantes —CCOO, CIG, UGT e USO— valoramos positivamente a receptividade amosada por todos os grupos e reiteramos o noso compromiso de seguir sumando apoios sociais e institucionais para conquistar un convenio xusto, digno e que recoñeza o valor do traballo de quen sostiña o sector mesmo nos momentos máis duros.





Construíndo estratexias comúns en Gadis, Froiz e Eroski
Onte tivemos en Galicia un encontro de gran relevancia con delegadas e delegados de Gadis, Froiz e Eroski. Xuntámonos para afondar en cuestións fundamentais: como seguir fortalecendo o noso traballo sindical no día a día.
Contamos coa presenza de Iván Cordeiro, secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO en Galicia, e tamén con Ángel Trujillo, responsable estatal do sector de supermercados. Un luxo ter a súa experiencia e visión!
Durante a xornada falamos claro:
- Como reforzar a nosa organización desde dentro
- Como avanzar nun modelo federal que nos una por riba das diferenzas entre provincias
- E como crear formas de traballar conxuntas que nos fagan máis fortes fronte ás empresas
Porque o sindicalismo non se constrúe só dende os despachos: constrúese coas persoas. Coa unidade, coa coordinación e coa participación.
Seguimos loitando polos dereitos de quen traballa no sector da alimentación.
Se ti tamén queres sumar: afíliate, organiza, participa!


.jpg)


Solucións laborais para o persoal de LIDL Galicia centran unha reunión de seguimento coa Sección Estatal
Onte celebramos unha reunión de traballo coa Sección Sindical Estatal de LIDL para analizar e compartir a situación laboral da empresa, así como para establecer liñas de actuación conxunta no marco do convenio e das demandas do persoal.
Na xuntanza participaron Ángel Trujillo e Patricia Mariño, pola Sección Sindical Estatal, e, en representación da Federación de Servizos de Galicia, Iván Cordeiro (secretario xeral), Rocío González (secretaria de organización) e Isabel Fernández (secretaria de desenvolvemento federativo de Galicia).
Durante a reunión abordáronse cuestións prioritarias para o persoal de LIDL, como:
– A sobrecarga de tarefas e a mellora das condicións de traballo.
– A xestión de horarios e quendas.
– A necesidade de garantir as axudas de custo e favorecer a conciliación laboral e familiar.
A Federación de Servizos de Galicia reitera o seu compromiso coas traballadoras e traballadores de LIDL, así como a súa vontade de manter un seguimento constante desta problemática e impulsar novos encontros que permitan avanzar cara a solucións reais e efectivas.
O compromiso coa mellora das condicións laborais e a defensa dos dereitos das persoas traballadoras require traballo conxunto e a colaboración constante.


Igual traballo, igual salario: Éxito total da folga e mobilizacións polo convenio de comercio alimentación de Ourense
O conflito no sector de comercio de alimentación de Ourense xurdiu pola falta de avances nas negociacións do convenio provincial, que leva anos caducado e mantén condicións salariais moi por baixo das outras provincias galegas. Mentres o persoal de supermercados de Froiz, Gadis e Grupo Cuevas de Ourense realiza as mesmas tarefas có persoal de Lugo, Pontevedra ou A Coruña, perciben salarios máis baixos, algo que é totalmente inxusto.
Patronal inmobilista
A patronal mantivo unha postura inmobilista, sen presentar propostas concretas para corrixir estas diferenzas e mellorar as condicións laborais. Ante esta situación, as traballadoras e traballadores, organizados pola representación sindical de CCOO, USO, CIG e UGT, reclamaron o mesmo salario polo mesmo traballo e subas salariais xustas que recoñezan o esforzo diario que realizan.
Folga e mobilizacións
Despois de chamadas ao diálogo e mediacións sen éxito, as persoas traballadoras en asemblea, apoiadas pola representación sindical, decidiron dar un paso firme. O 16 de maio convocouse unha primeira xornada de folga que xa contou cun seguimento superior ao 90%, demostrando a disposición do persoal do sector a defender as súas reivindicacións. Posteriormente, os días 6 e 7 de xuño convocouse unha nova folga, cun seguimento masivo en toda a provincia, deixando claro que o persoal non está disposto a seguir soportando estas condicións.
Ademais, o día 7 de xuño tiveron lugar mobilizacións multitudinarias nas rúas de Ourense, onde as traballadoras e traballadores fixeron visible a súa demanda de igualdade salarial e dignidade laboral. A mensaxe foi clara: non hai xustificación para que as mesmas empresas paguen menos en Ourense que noutras provincias galegas.
A loita continúa
Desde a representación sindical advertimos á patronal que, de non presentar avances reais nas negociacións, as mobilizacións poderán continuar e mesmo intensificarse nas vindeiras semanas. A unidade e a participación nestas xornadas de folga e manifestacións deixan claro que o sector está preparado para loitar polo que lle corresponde: un convenio provincial digno, xusto e igualitario.




Arrinca a negociación do convenio comercio materiais de construción de Pontevedra
Na reunión do 27 de maio de 2025 constituímos a mesa de negociación do convenio do sector, na que ningún sindicato ten maioría, coa seguinte composición: CCOO: 4, CIG: 6 representantes, UGT: 3.
Nesta primeira xuntanza constituíse a mesa, e a plataforma estará en poder da patronal antes da próxima reunión, que se celebrará o 10 de xuño ás 11:00h nos locais de ASEMACO. Ler máis
Lume no convenio do comercio alimentación de Ourense: Folga de 2 días e manifestación
Sabemos que é posible e xusto, entón… por que esta patronal segue a provocar? A patronal mente outra vez.
Presentan unha suba salarial de MISERIA:
- 2025: chega a 18.100€, a costa das subas de 2026, 27 e 28
- 2026: +47€ brutos/mes
- 2027: +47€ brutos/mes
- 2028: +24€ brutos/mes
Non chega nin ao plus de transporte doutras zonas! Queren que cobremos 19.860€ en 2028 cando noutras provincias iso xa se cobra en 2025!!!.
É UN INSULTO!
Por iso faremos:
- Folga de 2 días: Venres 6 e sábado 7 de xuño
- Manifestación: Sábado 7 de xuño ás 12:00 h polas rúas de Ourense
NON IMOS PARAR
Porque temos razón, porque é xusto, porque poden pagalo, porque xa perdemos o medo, porque Ourense está con nós.
Seguiremos loitando polos nosos dereitos e pola nosa dignidade!!
Convenio comercio alimentación Ourense: A patronal non chega
O día 20 de maio celebramos en Ourense a primeira xornada de mediación do Convenio Colectivo Provincial do Sector da Alimentación trala folga.
Tras un primeiro intercambio de opinións, no que situamos o conflito e o punto de partida da mediación, a parte empresarial trasladounos unha proposta económica que segue sen achegarse aos 18.100 euros para o 2025 e aos 19.500 euros para o 2026, cifras que reclamamos para as nosas compañeiras e compañeiros do sector.
Reprochámoslle á patronal que, malia terse vivido unha xornada histórica de folga, continúa sen facer un exercicio de reflexión nin de recoñecemento da realidade laboral que padecemos.
Desde a parte social, e de forma consensuada entre CCOO, CIG, USO e UGT, trasladámoslle unha nova proposta co obxectivo de acadar un acordo digno para todas as traballadoras e traballadores do sector:
2025: 18.100 €
- 2026: 19.500 €
- 2027: Suba segundo o IPC do ano 2026, cun mínimo garantido e un plus de transporte de 80 € en 12 pagas
- 2028: Suba segundo o IPC do ano 2027, cun mínimo garantido e plus de transporte de 80 € en 12 pagas
- 4 sábados de calidade ao ano (1 por trimestre), reducindo así a xornada anual
- Adaptación do convenio á lexislación vixente en materia de contratación, xornada, permisos e licenzas
- 20 % de plus de nocturnidade para as horas traballadas entre as 22:00 e as 06:00
- Axuda escolar de 80 €
- 32 días de vacacións. Un día adicional sobre o actual
Tras un receso para valorar a nosa proposta, a patronal solicitou aprazar a reunión ata o vindeiro venres 23 de maio ás 10:00 da mañá.
Convenio Comercio Metal Pontevedra: Reunións, propostas e próximos pasos
Na segunda reunión de negociación do convenio, celebrada o 19 de maio de 2025, os sindicatos presentamos as nosas plataformas reivindicativas á parte empresarial. Foi unha reunión inicial de toma de posicións na que se abordaron temas clave.
Temas tratados:
- Necesidade de revisar e simplificar as categorías profesionais.
- Actualización dos CNAE aos que se aplica o convenio, para axustalos á realidade actual.
- Adaptación das licenzas e permisos ao marco legal vixente.
A próxima reunión será o 9 de xuño ás 10:00 h, e nela comezará a negociación dos seguintes artigos:
- Artigo 2: Ámbito de aplicación
- Artigo 3: Ámbito funcional
- Artigo 12-15: Licenzas, permisos, excedencias e coidados familiares Ler máis
ÉXITO TOTAL DA FOLGA! O persoal do sector do comercio alimentación de Ourense esixe un convenio digno e a equiparación das condicións laborais
O sector da alimentación na provincia de Ourense vive hoxe unha xornada histórica de mobilizacións. A folga, cun seguimento dun 90%, foi convocada para reclamar un convenio colectivo xusto e a equiparación das condicións laborais. As traballadoras e traballadores decidiron dar un paso adiante para facer visible a súa situación e esixir cambios inmediatos.
A protesta conta cunha ampla participación, evidenciando o malestar xeneralizado ante a negativa da patronal a mellorar as condicións salariais e laborais do persoal. A principal demanda é a equiparación das condicións coas outras provincias, garantindo salarios dignos, melloras nas categorías profesionais e medidas que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.
Desde os sindicatos convocantes destacamos que esta mobilización é un claro sinal de que o persoal do sector non está disposto a aceptar máis precariedade. A mensaxe é clara: "Así non. Convenio digno, convenio xusto, equiparación de condicións".
As organizacións sindicais instamos á patronal a retomar as negociacións con vontade real de alcanzar un acordo que recoñeza o valor do traballo realizado polas persoas empregadas no sector da alimentación. Advertimos que, de non producirse avances significativos, as mobilizacións continuarán e poderían intensificarse nas vindeiras semanas.











La Voz de Galicia: A folga da alimentación de Ourense pecha uns supermercados e enche outros nunha tensa xornada
Concello de Ourense: O goberno municipal apoia a reivindicación de equiparación salarial ao resto de Galicia do persoal do comercio de alimentación de Ourense















