TODOS/AS A UNHA no convenio de Hostalaría de Pontevedra?
Sorpréndenos a decisión unilateral da CIG de convocar mobilizacións, especialmente porque participaron activamente na mesa de negociación e nunca expresaron intención de mobilizarse.
Desde CCOO apostamos pola unidade, polo diálogo e por sumar forzas. Cústanos entender que outro sindicato actúe por libre, sen informar ao resto dos presentes na mesa. Esta actitude pon en risco un posible acordo que tiñamos opción de pechar antes de agosto.
Nós seguimos traballando arreo por un convenio que mellore de verdade as condicións laborais nun sector en auxe: con máis noites de estancia, máis visitantes e máis gasto medio.
Fixamos un límite claro ante a patronal: acordo antes de agosto!
E lembramos: a CIG tamén está nesta mesa.
Se non se consegue un pacto que beneficie a todas as persoas traballadoras da hostalería pontevedresa, CCOO poremos en marcha as nosas propias mobilizacións en agosto.
Seguiremos informando paso a paso. A vosa participación e a unidade son claves para acadar un convenio xusto e digno.
A patronal hostaleira bloquea a negociación dos convenios e culpa as axudas públicas da falta de persoal
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia acusamos á patronal da hostalaría de bloquear a negociación dos convenios colectivos e de desviar responsabilidades ao culpar as axudas públicas á contratación da suposta falta de persoal no sector.
Advertimos que non se atoparán traballadores e traballadoras mentres non se ofrezan salarios dignos, estabilidade laboral e condicións que permitan a conciliación da vida profesional e familiar.
“A raíz do problema está nas condicións laborais”
CCOO critica que as empresas eviten asumir responsabilidades e insistan en “botar balóns fóra” cando a verdadeira causa da escaseza de persoal reside nas precarias condicións laborais. “É difícil atraer profesionais se se pretende que agarden na casa por unha chamada para traballar só en momentos puntuais”, denuncian desde o sindicato.
A “cegueira empresarial” fronte á realidade do sector
A organización sindical considera unha auténtica “cegueira empresarial” culpar as axudas ás persoas desempregadas da falta de man de obra. Segundo CCOO, moitos profesionais abandonaron o sector hostaleiro buscando mellores oportunidades noutros ámbitos, ante a falta de condicións dignas.
Convenios colectivos bloqueados ás portas da campaña de verán
Con máis de 50.000 traballadores e traballadoras afectados en Galicia, os tres convenios colectivos da hostalaría seguen sen avances significativos, a pesar da proximidade da campaña de verán e da recente actividade durante a Semana Santa.
CCOO denunciamos que a actitude da patronal paraliza as mesas de negociación, malia as propostas sindicais que inclúen:
-
Incrementos salariais acordes co custo de vida e os beneficios empresariais
-
Xornadas laborais e descansos que permitan a conciliación
-
Recoñecemento da formación profesional en escolas de hostalaría
A patronal responde cun “non” rotundo ás propostas sindicais
A resposta da patronal ás medidas propostas por CCOO foi un claro “non”, o que o sindicato cualifica de postura retrógrada. “Temos problemas actuais que esixen solucións do século XXI, pero a patronal segue aplicando receitas do pasado”, conclúen desde CCOO, lembrando que o aumento constante dos beneficios empresariais non se reflicte nas condicións do persoal.
Convenio de hostalaría de A Coruña: A patronal di NON a todo
Onte celebrouse a segunda reunión de negociación do Convenio da Hostalaría da Coruña 2025 no Consello Galego de Relacións Laborais.
Durante a sesión, presentouse a plataforma conxunta elaborada polos tres sindicatos da mesa negociadora. Porén, a resposta da patronal foi negativa, rexeitando todas as propostas e mantendo a súa postura habitual de inmobilismo.
Obxectivo: Mellorar Condicións Laborais e Salariais
Dende os sindicatos seguimos defendendo a necesidade de:
Subir os salarios na hostalaría da Coruña.
Mellorar as condicións de traballo no sector.
Facer da hostalaría un sector máis atractivo e sostible.
A pesar das diferenzas, avanzamos en varios puntos de carácter social, que se tratarán na próxima reunión o 28 de abril de 2025.
Seguiremos informando sobre os avances do convenio da hostalaría. Mantente ao día para coñecer todas as novidades!
Negociación do Convenio de Hostalaría de A Coruña: Plataforma Conxunta
Desde CCOO consensuamos una plataforma conxunta con UGT e CIG para negociar o novo Convenio Colectivo de Hostalaría da Coruña. O obxectivo principal é mellorar as condicións laborais do sector, aproveitando o seu crecemento e os beneficios acadados.
Principais materias a tratar:
- Ámbito funcional e vixencia do convenio.
- Condicións salariais:
- Incremento do 5% anual en todos os conceptos.
- Creación de novos pluses para persoal con funcións adicionais, idiomas ou estudos de ciclo medio ou superior.
- Xornada laboral:
- Redución a 35 horas semanais (1685 horas anuais).
- Descanso de 20 minutos dentro da xornada como tempo efectivo de traballo.
- Dereito a un fin de semana libre ao mes.
- Dous días de libranza semanais.
- Licenzas e excedencias: Adaptación á lexislación vixente.
- Plus de vestimenta: 15 euros/mes para limpeza e mantemento e 2 pares de calzado ao ano (ou 80 euros por calzado).
- Saúde laboral:
- Procedementos anuais de control de riscos psicosociais.
- Protocolos de comunicación e suspensión por embarazo.
- Adaptacións de xornada por garda legal e coidado de familiares.
- Protocolos contra o acoso e a discriminación LGTBI.
- Outras disposicións:
- Festivos e día da patroa.
- Contratación.
- Enfermidade.
- Xubilación.
- Seguros.
- Preaviso de cese.
- Dereitos sindicais.
- Roupa de traballo.
- Desconexión dixital.
- Igualdade.
- Táboas salariais.
Este proceso de negociación busca recoñecer a profesionalización do sector e mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras da hostalaría na Coruña.
Chega a hora de dignificar o convenio de hostalaría de A Coruña: O persoal non rexeita traballar, rexeita a explotación
Onte, 6 de marzo de 2025, constituíuse a mesa negociadora do Convenio Colectivo de Hostalaría da Coruña, un paso clave para mellorar as condicións laborais do sector.
Na negociación participan as centrais sindicais CCOO, CIG e UGT, representando ás persoas traballadoras, e as principais organizacións patronais: Unión Hostaleira Compostela, Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Ferrol, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña e a Asociación de Turismo e Hostalaría Compostela.
CCOO loita por condicións laborais dignas no sector da hostalaría
Desde CCOO Hostalaría A Coruña, traballaremos para que o novo convenio colectivo garanta melloras salariais, estabilidade laboral e condicións xustas para o persoal da hostalaría. O sector non pode seguir baseado en precariedade: salarios baixos, xornadas abusivas e falta de conciliación.
A patronal debe comprender que a falta de traballadores/as non se debe á falta de vontade, senón ás malas condicións laborais. A realidade é clara: o turismo e a hostalaría están en auxe tras a pandemia, con beneficios en constante crecemento. Agora é o momento de que este éxito se traduza en mellores condicións para as traballadoras e os traballadores.
A profesionalización da hostalaría, clave para o futuro do sector
Se queremos unha hostalaría galega profesional e atractiva, é imprescindible garantir salarios dignos, xornadas equilibradas e dereitos laborais respectados. O novo convenio é a oportunidade para transformar o sector e asegurar un futuro sostible para as persoas traballadoras e as empresas.
Síguenos para máis actualizacións sobre a negociación do Convenio de Hostalaría da Coruña. Comparte e fai que a túa voz se escoite!