Beneficios récord na hostalaría fronte a salarios precarios: continúan as protestas na Coruña e Santiago

mobilizacións hostaría convenio colectivo da Coruña

A Coruña, 2 de setembro de 2025. – Logo da resposta masiva acadada na concentración realizada diante do Burger Fest da Coruña, as organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT anunciamos a continuidade do calendario de mobilizacións para esixir un convenio colectivo xusto na hostalaría da provincia da Coruña.

As seguintes accións están xa confirmadas:

  •  4 e 5 de setembro – Recollida de sinaturas no Obelisco da Coruña, de 10:00 a 13:00 horas.
  • 11 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza do Toural, en Santiago de Compostela, de 10:00 a 13:00 horas.
  • 12 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza Roxa, en Santiago de Compostela, de 10:00 a 13:00 horas.
  • 26 de setembro – Concentración na Praza do Toural, en Santiago de Compostela, de 11:00 a 12:00 horas, coa entrega de panfletos á cidadanía.
     

Hostalaría na Coruña: beneficios récord fronte á precariedade laboral

Os datos publicados recentemente amosan que a hostalaría na provincia da Coruña vive un verán de récords de ocupación e actividade:

  • No mes de xullo acadouse un 88 % de ocupación hoteleira, tres puntos máis que no ano anterior.
  • As terrazas e establecementos do centro rexistraron unha elevada afluencia, especialmente durante as festas, cun volume de negocio significativo.
  • A patronal recoñeceu que as cifras de 2025 igualan ou superan as de 2023, a pesar dalgunhas incidencias meteorolóxicas e loxísticas.

Este incremento de facturación e beneficios contrasta coa realidade das persoas traballadoras: salarios que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional na hostalaría, xornadas abusivas, falta de descansos e ameazas de recortar dereitos como o complemento por incapacidade temporal.
 

Condicións laborais e saúde na hostalaría

Dende a representación sindical insistimos en que non se pode pretender atraer nin reter persoal cualificado nun sector que cronifica a precariedade e converte a saúde laboral en moeda de cambio. As altas taxas de baixas por lesións musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica confirman que as condicións actuais son insostibles.
 

Convocatoria cidadá

Neste contexto, CCOO, CIG e UGT convocamos á cidadanía e ao conxunto das traballadoras e traballadores a participar activamente nas recollidas de sinaturas e na concentración do 26 de setembro en Santiago de Compostela, baixo o lema “Por un convenio digno na hostalaría”.

As organizacións sindicais lembramos que o éxito económico da hostalaría coruñesa non pode sosterse sobre a precariedade laboral. Se o sector medra en facturación e beneficios, é xusto e necesario que ese crecemento se traduza en melloras reais para as persoas que fan posible o seu funcionamento diario.

____________________________________

enlightenedActualización: Imaxes da recollida de sinaturas

Hostalaría CoruñaHostalaría CoruñaHostalaría CoruñaHostalaría Coruña


Mobilízamonos hoxe en Coruña por un convenio digno na hostalaría galega

concentración convenio hostalaría galega na Coruña

A Coruña, 20 de agosto de 2025. Desde a Federación de Servizos de CCOO, xunto con UGT e CIG, mobilizámonos hoxe no peirao de Calvo Sotelo da Coruña para reclamar un convenio colectivo digno na hostalaría galega. Fixemos visible o noso malestar e sinalamos directamente á patronal como responsable da precariedade laboral que afoga o sector da hostalaría en Galicia.

Rexeitamos as declaracións da patronal hostaleira da Coruña
Manifestamos o noso rexeitamento ás declaracións feitas por empresarios hostaleiros da Coruña, que culpan á suposta “falta de vontade” das persoas traballadoras da escaseza de persoal. A verdadeira realidade é que a patronal leva anos ofrecendo condicións inasumibles:

  • Salarios ancorados no SMI.

  • Xornadas ilegais por exceso de horas.

  • Descansos insuficientes.

  • A proposta de eliminar o complemento que garante o salario en caso de baixa médica.

Denunciamos os riscos para a saúde laboral
Estas prácticas impiden atraer e reter profesionais e teñen consecuencias graves: altas taxas de baixas por patoloxías musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica. Non aceptamos que a saúde das persoas traballadoras sexa moeda de cambio para manter a rendibilidade empresarial.

Esiximos melloras reais no sector hostaleiro
Reiteramos que a fidelización do persoal só é posíbel cun cambio profundo nas condicións de traballo, que debe incluír:

  • Salarios dignos, acordes ao peso económico do turismo en Galicia.

  • Horarios compatibles coa conciliación familiar e coa saúde laboral.

  • Respecto ao convenio colectivo da hostalaría.

Reivindicamos tamén que o crecemento do turismo galego, motor económico estratéxico, vaia acompañado dun plan integral de desenvolvemento do sector hostaleiro, impulsado pola área de Turismo da Xunta de Galicia.

Apostamos polo emprego estable e de calidade
Dentro dese plan reclamamos:

  • Formación e profesionalización do persoal hostaleiro.

  • Emprego estable e con dereitos, máis alá da temporalidade e das campañas estivais.

  • Medidas de prevención en saúde laboral.

  • Corresponsabilidade empresarial que compatibilice rendibilidade e benestar.

O noso compromiso co futuro da hostalaría galega
A mobilización de hoxe é só un paso máis. Advertimos que o futuro da hostalaría en Galicia só será sustentable se se basea no emprego digno, na profesionalización e no respecto ás persoas traballadoras.

#CCOO #HostalaríaGalicia #PrecariedadeLaboral #ConvenioHostalaría #Acoruña #TurismoGalicia #EmpregoDigno

 


A Hostalaría galega en loita: concentración o 20 de agosto pola defensa do convenio

A Coruña, 18 de agosto de 2025 – CCOO, UGT e CIG Facemos un chamamento conxunto ao persoal do sector hostaleiro de Galicia para participar nunha concentración o mércores 20 de agosto, ás 19:00 horas, no Peirao Calvo Sotelo da Coruña, coincidindo coa entrada ao acto “The Champions Burger” das Festas de Agosto.

O noso obxectivo coa mobilización é denunciar a situación de bloqueo que atravesa a negociación do convenio provincial de hostalaría, que afecta a preto de 20.000 persoas traballadoras na provincia. A negociación, que debería iniciarse en xaneiro de 2025, está paralizada debido á actitude obstrucionista e prepotente da patronal, que non só se nega a ofrecer melloras senón que pretende recortar dereitos laborais, entre eles a eliminación do Complemento por incapacidade temporal (IT), que garante o 100% do salario en caso de baixa durante os primeiros 12 meses.

CCOO, UGT e CIG denunciamos que esta postura patronal ignora o crecemento do sector e as marcas históricas de turismo e facturación en Galicia, así como o aumento desproporcionado do custo da vida en 2025. Por iso, esiximos unha negociación con perspectiva social, que contemple a actualización salarial e melloras nas condicións de traballo, como a saúde laboral, a xornada e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

As organizacións sindicais convocantes facemos un chamamento a todas as traballadoras e traballadores do sector para que se sumen a esta concentración e dean visibilidade ao malestar do persoal e á reivindicación dun convenio xusto e digno.

Concentración HOSTALARÍA


CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e criticamos a exclusión sindical

Taxa turística  Coruña, Santiago e Vigo

Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.

Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.

Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:

  • Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.

  • Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.

  • Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.

  • Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.

En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.


CCOO Servizos non asinamos o Plan de Igualdade de Mercatabria (GADIS) por insuficiente e discriminatorio

plan de igualdade Mercartabria

Por que CCOO non asinamos o II Plan de Igualdade de Mercartabria nin o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo?

Non a un Plan de Igualdade de mínimos

En CCOO dicimos NON a este Plan de Igualdade porque:

  • É un plan feito á medida da empresa, que ignora moitas das nosas propostas.

  • As medidas son escasas e cun investimento ridículo para unha compañía que obtén grandes beneficios.

  • Négase a entrar de cheo na loita contra a discriminación e a desigualdade nun cadro de persoal altamente feminizado.

Foron rexeitadas as nosas propostas de:

  • Garantir a transparencia retributiva.

  • Mellorar a conciliación e a corresponsabilidade.

  • Impulsar a promoción interna.

Un protocolo que non protexe

Tampouco asinamos o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo porque:

  • Mestura este protocolo co de acoso laboral, o que dilúe a súa especificidade e dificulta a protección das vítimas.

  • Non garante unha protección real, xa que introduce un “procedemento previo” que atrasa e bloquea a apertura dun protocolo efectivo, restando garantías á representación legal das persoas traballadoras.

UGT e USO decidiron asinar este plan de igualdade, a pesar de que non garante nin sequera un mínimo de avances reais en materia de igualdade e supón un retroceso nos dereitos do persoal, poñéndose do lado da empresa e non das traballadoras e traballadores.

En CCOO non imos avalar documentos que non protexen, que maquillan a realidade e que deixan en segundo plano os dereitos do persoal. Queremos medidas reais, investimento suficiente e compromiso firme contra a discriminación e o acoso.


CCOO Servizos impulsamos un preacordo clave na hostalaría de Pontevedra: Melloras salariais, recoñecemento ás camareiras de piso e fixos-descontinuos

preacordo convenio hostalaría Pontevedra

CCOO Servizos asinamos un preacordo do convenio para o sector da hostalaría en Pontevedra, con vixencia durante os anos 2024 e 2025. O documento supón un avance histórico en condicións laborais, con melloras salariais, novos dereitos sociais e un recoñecemento profesional especial ás camareiras de piso e ao persoal fixo descontinuo.

Suba salarial e garantía de poder adquisitivo

O acordo establece un incremento do 7% en dous anos, así como unha cláusula de revisión vinculada ao IPC real, co obxectivo de evitar perdas de poder adquisitivo.

Novos dereitos sociais

Entre as novidades destacan:

  • Permiso retribuído para levar fillos e fillas menores de 16 anos ao médico.

  • Permiso por hospitalización fraccionable, aplicable mentres persista a causa.

Recoñecemento ás camareiras de piso

A partir do 1 de xaneiro de 2027, as camareiras de piso con 36 meses de antigüidade en hoteis de 3, 4 e 5 estrelas pasarán ao grupo salarial 8, un paso que CCOO considera o inicio dun proceso para recoñecer a especialización e responsabilidade deste colectivo. Ademais, desaparece o grupo 10 e os postos de axudante e auxiliar (grupo 9) ascenderán de categoría tras dous anos, sempre que conten coa cualificación requirida.

Persoal fixo descontinuo: estabilidade e dereitos

O preacordo tamén introduce unha regulación mínima para garantir contratacións máis xustas e estables:

  • En establecementos abertos todo o ano: chamamento mínimo de 8 meses e medio e garantía de 20 horas semanais.

  • En establecementos de apertura parcial:

    • Apertura ≤ 3 meses: mínimo 50% da duración.

    • Apertura = 4 meses: mínimo 60%.

    • Apertura ≥ 5 meses: mínimo 70%.

Unha hostalaría con dereitos

Este preacordo representa “un avance colectivo en estabilidade, dignidade e recoñecemento profesional”, freando a temporalidade extrema e mellorando os ingresos do persoal.


Destacadas

Repescas y recuperación de cobros 2016

La sección sindical de CCOO fuerza  llegar a un acuerdo para no entrar a Juicio por el conflicto colectivo interpuesto por los delegados de CCOO