CCOO reclamamos á Xunta medidas urxentes e compromiso co futuro do CTAG
Reunión entre CCOO e a Xunta de Galicia polo CTAG
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025.
O secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia, Iván Cordeiro Fernández-Noriega, xunto coa secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez Álvarez, e representantes da sección sindical de CCOO no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), mantivemos unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a situación actual do centro.
Na xuntanza participaron por parte do Goberno galego Pablo Fernández López (secretario xeral de Emprego), Covadonga Toca Carús (directora xeral do IGAPE) e Zeltia Lado Lago (directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego).
CCOO alertamos sobre a perda de proxectos e os despedimentos no CTAG
Durante o encontro, CCOO trasladamos a nosa preocupación pola perda de proxectos estratéxicos e polos 23 despedimentos executados nos últimos meses. Estes recortes supoñen unha descapitalización sen precedentes nun centro que, en máis de 20 anos de traxectoria, nunca afrontara unha crise similar.
Lembramos que parte destas dificultades están ligadas á redución de encargas por parte dalgunhas empresas do padroado.
Propostas de CCOO para garantir o futuro do CTAG
Ante este escenario, CCOO reclamamos á Xunta:
-
Axilizar as liñas de financiamento público para dar resposta inmediata ás necesidades do centro.
-
Impulsar novos proxectos estratéxicos que aseguren estabilidade e futuro.
-
Apostar por novas áreas de negocio e reforzar o papel do CTAG como motor tecnolóxico e innovador da automoción en Galicia.
Advertimos de que non abonda con medidas de curto prazo: é preciso un compromiso firme para consolidar o futuro do centro.
Resposta da Xunta de Galicia
A representación da Xunta expresou a súa vontade inequívoca de colaboración e subliñou que para o Goberno galego o CTAG é un centro estratéxico que “non se vai deixar caer”.
Ademais, comprometeuse a explorar fórmulas de apoio que dean resposta ás necesidades inmediatas e consoliden a súa viabilidade a longo prazo.
CCOO comprometémonos co persoal do CTAG
Desde CCOO seguiremos defendendo o cadro de persoal con firmeza e responsabilidade, e reclamando a implicación de todas as partes para que o CTAG siga sendo referencia de innovación e emprego cualificado en Galicia.

A hostalaría galega necesita dereitos, non escusas
A hostalaría como motor económico
A sinatura do convenio de hostalaría de Pontevedra supón un paso adiante nun sector que non pode seguir sendo sinónimo de precariedade.
A hostalaría é hoxe un dos motores económicos de Galicia: só en agosto de 2024 alcanzou as 71.760 persoas afiliadas á Seguridade Social no sector hostaleiro, acadando en agosto de 2025 as 73.367 afiliacións, un incremento anual do 2,2 %.
Durante o conxunto do ano, o número medio de persoas cotizantes foi de 62.486 en 2024 e de 65.209 en 2025. Son cifras que amosan o peso crecente do sector hostaleiro na nosa comunidade autónoma.
Crecemento económico e realidade laboral
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística e da Xunta de Galicia, no primeiro semestre de 2025 o sector hoteleiro galego obtivo ingresos de 165,5 millóns de euros, un 4,3 % máis que no mesmo período de 2024. Só en xuño de 2025, os ingresos ascenderon a 46,9 millóns, un 9,3 % máis que en xuño de 2024.
Mais o crecemento económico non significa automaticamente unha mellora das condicións laborais. Detrás destes números hai cadros de persoal sometidos a sobrecargas de traballo, horarios partidos, presión constante, salarios axustados e riscos psicosociais que acaban enfermando a quen sosteñen co seu esforzo este sector cada vez máis importante en Galicia. Por iso, cada avance en dereitos é fundamental.
Conquistas en Pontevedra
En Pontevedra, CCOO xunto con UGT acadamos un convenio que recolle unha suba salarial do 7 % para 2024-2025, cláusula de revisión vinculada ao IPC real, melloras sociais (como permisos para acompañar fillos menores ao médico) e un recoñecemento histórico para as camareiras de piso.
A partir de 2027 pasarán a unha categoría superior en hoteis de 3 a 5 estrelas, sen renunciar a estendelo ao resto de hoteis de menor categoría no futuro. Trátase de conquistas reais que dignifican un sector marcado durante demasiado tempo pola precariedade.
A responsabilidade da patronal
É xusto recoñecer tamén a responsabilidade da patronal de hostalaría de Pontevedra, que entendeu a necesidade de avanzar nun acordo equilibrado e asumiu o reto de mellorar as condicións laborais do sector. Esa actitude contrasta coa mantida noutras provincias, onde o bloqueo e as propostas regresivas seguen sendo a norma.
Contradicións sindicais
Algúns sindicatos optaron por non asinar este acordo, criticándoo publicamente a pesar de recoñecer en privado as melloras conseguidas e instando aos demais a asinalo.
Fano como parte da súa estratexia sindical, mais non pode esquecerse que, na mesa, presentaron unha oferta económica inferior á que finalmente se logrou grazas á presión e firmeza de CCOO. Criticar o que se asinou sen recoñecer as condicións de partida é, cando menos, unha contradición.
O bloqueo na Coruña
Mentres tanto, na Coruña a patronal bloquea avances e propón retrocesos, como eliminar o complemento por incapacidade temporal. O seu argumento é a “alta taxa de absentismo” na hostalaría.
Mais esa acusación é tramposa: baixo a etiqueta de absentismo inclúense baixas médicas xustificadas, permisos legais ou o exercicio de dereitos recoñecidos.
Unha enfermidade non é absentismo. A conciliación non é absentismo.
O que non queren recoñecer é que son as propias condicións do sector as que enferman ás traballadoras e traballadores. A sobrecarga de traballo, as xornadas partidas, a falta de descanso e a presión constante xeran baixas laborais. No canto de investir en prevención e saúde laboral, pretenden eliminar dereitos.
Un futuro que pasa polos dereitos
Desde CCOO dicímolo con claridade: o futuro da hostalaría en Galicia non pasa por recortar dereitos, senón por amplialos. O crecemento do emprego turístico debe ir acompañado de convenios que protexan a saúde, dignifiquen salarios e ofrezan estabilidade. O contrario sería perpetuar un modelo insostíbel que condena ao pessoal ao esgotamento e ao sector á falta de profesionais.
Avanzar en dereitos, como se fixo en Pontevedra, é o único camiño. Porque sen dereitos non hai futuro digno para a hostalaría galega.
Asinamos convenio na hostalaría de Pontevedra: Mellores salarios e novos dereitos
Vigo, 17 de setembro de 2025.– CCOO Servizos asinamos onte o convenio colectivo da hostalaría da provincia de Pontevedra para 2024-2025. O acordo supón un avance histórico para o sector, con melloras salariais, novos dereitos sociais e maior estabilidade para o persoal fixo descontinuo.
O convenio establece unha suba do 7% en dous anos, con cláusula de revisión segundo o IPC, así como permisos retribuídos para o acompañamento médico de fillos/as menores e un novo marco de recoñecemento profesional para camareiras de piso, axudantes e auxiliares a partir do ano 2027.
Tamén incorpora unha regulación que garante maior previsibilidade e ingresos mínimos para o persoal fixo descontinuo, reducindo a estacionalidade e fortalecendo a estabilidade laboral.
Desde CCOO destacamos que esta sinatura supón un paso adiante cara a unha hostalaría máis digna e sostible.



Chegou o momento de reducir a xornada laboral: 37,5 hrs
Humanizar as relacións laborais e mellorar a vida das persoas
As grandes transformacións no mundo produtivo, económico e social, impulsadas polas transicións dixital e ecolóxica, están xerando incrementos significativos da produtividade. Esta medra continua da produtividade tradúcese nun aumento dos beneficios empresariais.
A riqueza que xera un país debe repartirse equitativamente para beneficiar a toda a sociedade. Mellorar os salarios e reducir o tempo de traballo son formas esenciais de distribuír a produtividade e a riqueza. É hora de adaptarse aos novos tempos.
Redución da xornada laboral en España: unha medida urxente
A redución da xornada laboral en España non é só unha necesidade, senón unha cuestión de xustiza social e un mecanismo de solidariedade que debe poñerse en marcha decontado.
A última redución legal da xornada laboral produciuse hai máis de 40 anos, cando se situou en 40 horas semanais. Porén, a negociación colectiva permitiu que esta cifra se fora reducindo progresivamente, alcanzando unha media de 38,5 horas semanais nos convenios colectivos.
Aínda así, moitos sectores e empresas non viron reducido o tempo de presenza, xerando competencia desleal e repercusións negativas no emprego.
Por que reducir a xornada laboral?
Reducir a xornada laboral é unha cuestión de xustiza social. Hai que equiparar os dereitos laborais e establecer un mecanismo de solidariedade para todas as persoas traballadoras.
Impacto na saúde e no benestar
Traballar menos horas ten un impacto positivo na saúde física e mental das traballadoras e traballadores. A redución do estrés laboral e o aumento do tempo libre permiten descansar adecuadamente.
Ter máis tempo non só mellora o benestar xeral, senón que tamén reduce as taxas de absentismo laboral e as baixas por enfermidade. Desde esta perspectiva, tamén se ven beneficiadas as empresas en termos de custos e continuídade do traballo.
Beneficios ambientais
Reducir a xornada laboral tamén pode ter beneficios ambientais. Como se demostrou nas experiencias piloto realizadas, menos horas de traballo poden significar menos desprazamentos diarios, o que reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro e a contaminación do aire.
Igualdade de xénero
A redución da xornada tamén é un mecanismo de igualdade de xénero, xa que favorece a corresponsabilidade e a conciliación.
Chamamento sindical á acción
Desde CCOO e UGT facemos un chamamento ás organizacións empresariais a apostaren por un acordo para levar a cabo esta redución de xornada, promovendo empresas máis produtivas que melloren a calidade da saúde e a vida das persoas traballadoras.
Esta medida favorecerá:
-
Unha mellor conciliación corresponsable entre a vida laboral, social, persoal e familiar.
-
A creación e repartición de emprego no noso país.
-
A adaptación do modelo produtivo a un sistema máis xusto e sostíbel.
Os beneficios empresariais actuais demostran que é o momento de afrontar esta medida. A redución da xornada laboral servirá para manter e crear máis emprego de calidade.
Facemos tamén un chamamento a todos os partidos do arco parlamentario a comprometerse coa redución da xornada laboral, apostando por un modelo produtivo que teña como obxectivo a mellora do emprego e das condicións laborais de todas as persoas traballadoras.
É hora de abandonar modelos baseados en baixos salarios e en longas xornadas laborais que xa demostraron o seu fracaso para a produtividade e a xeración de riqueza para o conxunto do país.
Por todas estas razóns, UGT e CCOO mobilizaranse para explicar ao conxunto da sociedade a necesidade desta medida e esixir a redución da xornada máxima legal xa:
Razóns clave para apoiar a redución a 37,5 horas semanais
-
Porque case 13 millóns de persoas traballadoras do sector privado se beneficiarán desta medida.
-
Porque mellora a saúde e calidade de vida das persoas traballadoras.
-
Porque contribúe a avanzar na igualdade efectiva entre mulleres e homes.
-
Porque ten un impacto directo na produtividade das empresas e na economía do país.
Conclusión: 37,5 horas semanais, xa!
Porque xa toca. Porque é o momento.
37,5 HORAS SEMANAIS, XA!




CCOO Servizos alertamos da descapitalización do CTAG e esiximos a reacción inmediata do padroado e da Xunta
Vigo, 2 de setembro de 2025 – A Federación de Servizos de CCOO de Galicia expresamos a nosa profunda preocupación pola descapitalización que atravesa o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), derivada da perda de persoal cualificado, proxectos e recursos. En apenas mes e medio, a entidade executou 23 despedimentos (8 disciplinarios en xullo e 15 en agosto), unha situación inédita nos 23 anos de traxectoria do centro.
Desde CCOO alértase de que estes despedimentos supoñen unha perda de capital humano e técnico, que sostén a capacidade de innovación e competitividade do CTAG nun momento crítico para o sector da automoción.
Inacción do padroado
Criticamos a falta de implicación dos membros do padroado da Fundación CTAG, entre os que se atopan a Xunta de Galicia, Stellantis, Zona Franca, Borgwarner e outras entidades estratéxicas. O padroado permanece inactivo mentres o centro perde recursos e cadro de persoal, o que acelera un proceso de descapitalización que pode poñer en risco o seu futuro.
Reclamacións sen resposta da Xunta
CCOO Servizos solicitamos en dúas ocasións unha reunión urxente coa Consellería de Economía, Industria e Innovación, dirixida por María Jesús Lorenzana, sen obter até o momento resposta. Consideramos incomprensible a falta de reacción da Xunta, que forma parte do padroado e debería velar pola estabilidade dunha entidade estratéxica para Galicia.
Intervención da Inspección de Traballo
A denuncia interposta por CCOO a comezos de xullo perante a Inspección de Traballo por un posible ERE encuberto xa deu resultados: a autoridade laboral abriu actuacións e citou formalmente a empresa, obrigándoa a presentar documentación extensa sobre os despedimentos, xornada e salarios. CCOO consideramos este paso unha garantía para verificar se se están a cumprir as obrigas legais
O CTAG é un centro estratéxico para Galicia. Non podemos permitir que a descapitalización e a inacción das institucións poñan en risco o seu futuro. CCOO seguirá defendendo o cadro de persoal con firmeza, responsabilidade e transparencia.
Noticia en prensa:
Cadena SER: CC.OO. denuncia la "descapitalización" del CTAG en O Porriño
GaliciaPress: El lento languidecer del CTAG, "descapitalizado por la Xunta", denuncia CC.OO.
La Voz de Galicia: CC.OO. denuncia los despidos en el CTAG y reclama a la Xunta que actúe













