O 80% do emprego creado para a campaña do Black Friday é temporal e a tempo parcial
O emprego no comercio polo miúdo no período de compras que comeza coa campaña do Black Friday e se estende ata as rebaixas de xaneiro xerará arredor de 33.000 postos. Deles, o 80% serán contratos temporais e o 90% a tempo parcial, segundo o informe Black Friday 2025 da Federación de Servizos de CCOO.
A pesar do aumento continuado das vendas, o crecemento do emprego é reducido: apenas un 2%, unha cifra semellante á de 2024, insuficiente para reforzar cadros de persoal sometidos a cargas de traballo crecentes, horarios extenuantes e falta de descansos.
CCOO reclamamos o respecto ao descanso diario e semanal, o cumprimento dos calendarios laborais, dotacións suficientes de persoal, a redución da parcialidade non desexada e a voluntariedade e remuneración do traballo en domingos e festivos.
O comercio como motor económico en España
O comercio emprega máis de 2,5 millóns de persoas, o 14,3% da poboación asalariada. Xera un 12,8% do valor engadido bruto e nel operan o 20% das empresas do país (635.000 no último ano).
Tras o impacto da crise de 2020, a recuperación deixou incrementos de ata un 30% nas vendas e máis dun 40% nos excedentes, pero isto só produciu un aumento do 3% no emprego.
O sector enfróntase a unha transformación marcada polo auxe das compras en liña, a apertura de macroestablecementos, o turismo orientado ao luxo e a irrupción das IAs xerativas, factores que condicionan as prácticas empresariais e afectan directamente a milleiros de traballadoras e traballadores.
Emprego atípico, invisibilizado e con salarios precarios
O comercio polo miúdo, especialmente o retail téxtil, supón un test de estrés en campañas como o Black Friday, das que as grandes marcas con maior cota de mercado son as principais beneficiarias.
No comercio téxtil operan 60.000 empresas e 172.000 persoas asalariadas. A pesar de ser un sector intensivo en man de obra, o persoal diminuíu un 6% desde a pandemia. A inversión en I+D+i aumentou un 150% desde 2019, compensándose con redución de cadras e intensificación das cargas de traballo.
Parcialidade e inestabilidade como norma
O sector funciona con amplas bolsas de emprego inestable e mal remunerado baixo o pretexto da estacionalidade. A parcialidade afecta ao 31% das cadras en 2025. O contrato indefinido fixo-descontinuo apenas representa o 1% delas.
A parcialidade responde a un modelo que axusta os tempos de traballo ás necesidades produtivas, xerando novas formas de emprego atípico e salarios precarios.
Un sector feminizado, con baixa formación e mocidade precarizada
As mulleres representan o 70% da forza laboral no comercio téxtil e o 57% do persoal presenta baixa formación académica. As persoas de nacionalidade estranxeira aumentaron un 11% no que vai de ano.
Nos picos de vendas —campaña prenadal, Nadal e rebaixas—, a mocidade é un activo esencial para as empresas.
Todos estes colectivos sofren maior inestabilidade e precariedade, con menos capacidade de negociación e obrigados a aceptar horarios atípicos e salarios baixos.
Baixos salarios e falta de recoñecemento
A pesar de ser un dos principais nichos de emprego, o sector está entre os peor remunerados. O gasto laboral mantense no 16%, mentres o excedente empresarial aumentou case un 8% e a marxe de beneficio sitúase no 9,7%.
O salario bruto medio no comercio polo miúdo é de 20.274 € anuais, un 26% inferior á media da economía. A brecha de xénero é do 17%: as mulleres perciben 18.945 € anuais, apenas un 14% por riba do SMI.
Son traballos mal pagados, invisibilizados e sen compensación polo sobreesforzo que requiren.
Reivindicacións de CCOO
• Respecto ao descanso diario e semanal.
• Cumprimento estrito dos horarios dos calendarios laborais.
• Voluntariedade e compensación do traballo en domingos e festivos.
• Redución da parcialidade non desexada e garantía de emprego estable.
• Retribucións superiores ao SMI e acordes á responsabilidade do sector.
• Cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, con especial atención aos riscos psicosociais.
• Dignificación do sector mediante formación axeitada.
• Dotación suficiente de persoal nos períodos de maior carga para garantir un servizo profesional e de calidade.
Declaracións Eugenio Gámez. Responsable Comercio CCOO:
PROPONEMOS QUE JUNIO Y SEPTIEMBRE SEAN VOLUNTARIOS
CCOO ECI ha sido el único sindicato que, en el seno del Comité Intercentros, ha defendido en solitario la implantación de turnos voluntarios de 21 días en junio y septiembre. Una medida que permite una conciliación real en meses especialmente sensibles en la agenda escolar.
.jpg)





