Os supermercados disparan as vendas no Nadal mentres os seus cadros de persoal afogan na precariedade
Desde CCOO Servizos facemos un chamamento ás empresas do sector da distribución alimentaria para que reforcen os cadros de persoal no Nadal, consonte o aumento de carga de traballo que se produce nesta época. Ao tempo, denunciamos que o incremento da facturación non se traduce en melloras económicas para as traballadoras e traballadores, que seguen sufrindo un salario inferior á media en España, ademais do impacto da inflación.
Aumentan as vendas, pero tamén a precariedade laboral
O Nadal supón un aumento significativo das vendas no sector da alimentación, mais tamén implica maiores ritmos de traballo, quendas máis longas e traballo de luns a domingo. Estas dinámicas levan a unha sobrecarga laboral importante para o persoal, sen que as empresas prioricen o benestar das persoas traballadoras.
A situación agrávase coa destrución de postos de traballo: durante o último trimestre de 2023, elimináronse 18.000 empregos no comercio de alimentación en toda España, evidenciando unha falta de estabilidade no sector.
Salarios un 26 % inferiores á media
Un dos problemas máis graves do sector é a gran desigualdade salarial. As traballadoras e traballadores dos supermercados perciben un salario anual que é un 26 % inferior á media española, o que supón uns 7.000 euros menos ao ano.
Esta situación é especialmente preocupante no contexto actual de inflación, con subas significativas nos prezos dos alimentos desde 2021. Ademais, no Nadal, as familias incrementan de media entre un 25 % e un 30 % o seu gasto en alimentación, mentres o persoal segue soportando condicións laborais moi precarias.
Xornada parcial e desigualdade de xénero
A parcialidade laboral tamén é un problema estruturado no sector. Catro de cada dez traballadores/as teñen unha xornada parcial, sendo a maioría mulleres. A escasa prevalencia do emprego fixo-descontinuo, que apenas alcanza o 2 %, contribúe a unha maior inestabilidade laboral.
Reivindicacións de CCOO Servizos para mellorar as condicións laborais
Desde CCOO Servizos propoñemos unha serie de medidas para mellorar a situación laboral nos supermercados:
- Salarios xustos: Establecer unhas condicións mínimas de retribución que reduzan a desigualdade salarial.
- Contratación estable: Incrementar os empregos indefinidos e reducir os niveis de parcialidade.
- Quendas máis xustas: Limitar as horas presenciais, reducir as xornadas partidas e establecer quendas fixas anuais.
- Conciliación laboral e persoal: Aumentar os fins de semana libres e garantir períodos de descanso adecuados.
Estas medidas buscan limitar a sobrecarga laboral e mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras no sector da distribución alimentaria.
Conclusión: Un Nadal xusto tamén para as traballadoras/es
O aumento da facturación no Nadal debe ir acompañado de condicións laborais dignas. Desde CCOO Servizos, seguiremos loitando por un sector máis xusto, no que o benestar do persoal sexa unha prioridade real.
- Resume Executivo CCOO
- Ver informe completo: “La oportunidad de vender más… A COSTA DE EMPEORAR LAS CONDICIONES DE TRABAJO”
- Descargar DÍPTICO "Hay cosas que no se sortean..." (pdf para imprimir) campaña nadal
Vivamos como galegos, pero non coma escravos en GADIS!!
Convocamos a todos os traballadores e traballadoras a mobilizarse este luns 16 de decembro, ás 12:00 horas diante do GADIS da rúa Concello (Ourense).
NON IMOS CALAR! Mentres GADIS acumula millóns en beneficios, o seu persoal sofre explotación, incumprimentos legais e acoso laboral. Por iso, organizámonos e loitamos por un cambio que non pode esperar.
Cal é o problema?
GADIS está vulnerando os nosos dereitos básicos como traballadores:
- Non quere negociar co comité de empresa os asuntos salariais, remítenos ao convenio colectivo de alimentación.
- Non respecta os descansos semanais obrigatorios, incumprindo o convenio colectivo.
- Ameaza con peches de tendas e endurecemento dos horarios cando lle esiximos que cumpra coa lei.
- Obriga a soportar unha sobrecarga laboral insostible, porque non cobren baixas, vacacións ou permisos.
- Non paga os excesos de xornada realizados, un auténtico abuso que só agrava a precariedade.
Ademais, moitos compañeiros e compañeiras denuncian situacións de acoso laboral por parte dalgúns encargados/as, que actúan como se non houbese normas nin respecto polas persoas traballadoras.
Por que nos mobilizamos?
Os traballadores e traballadoras de GADIS decidimos dicir: Abonda xa! Non estamos dispostos a seguir sendo tratados como escravos modernos. Loitamos por:
- Respecto: Condicións laborais saudables, sen acoso nin abusos.
- Cobertura das ausencias: Substitución de baixas, vacacións ou permisos, evitando a sobrecarga dos equipos.
- Compensación económica xusta: Que se recoñeza a antigüidade e se paguen os excesos de xornada.
- Melloras salariais: Revisión xusta que reflicta o custo da vida actual e o esforzo realizado en áreas como pescadería, carnicería ou reposición.
Chamamos á solidariedade de todos e todas
A explotación ten límites! Non podemos aceptar que GADIS, mentres se enriquece ás nosas costas, nos leve á precariedade laboral e á deterioración da nosa saúde física e mental.
Se ti tamén estás farto/a de que as empresas abusen do seu poder, únete a nós este luns, 16 de decembro, ás 12:00 horas, diante do GADIS da rúa Concello en Ourense.
Xuntos somos máis fortes. Non temos medo!
Organizan: CCOO, USO, CIG
____________________________________
Actualización: O 16 de decembro concentrámonos contra a explotación en GADIS. Imaxes e vídeo da concentración:




.jpg)
.jpg)


.jpg)
.jpg)
A Xustiza recoñece a nulidade dun despedimento inxusto a un candidato de CCOO en Cedar Bay
Unha loita que comezou en marzo de 2024
No pasado mes de marzo de 2024, a empresa Cedar Bay, unha consultora coñecida pola súa actividade telemática, despediu de forma inxusta a un traballador afiliado a CCOO. O motivo? O compañeiro decidira presentar a súa candidatura para ser delegado sindical. Ese mesmo día no que Cedar Bay recibiu por correo electrónico a notificación da súa candidatura, procederon ao seu despedimento.
Intento de evitar as eleccións sindicais
Tras o despedimento, a empresa tentou anular o proceso electoral sindical, argumentando que, ao ser unha unidade de traballo telemática, non se podían facer eleccións sindicais. Presentaron un laudo arbitral para paralizar este dereito, pero a xustiza desestimou o recurso. O proceso electoral seguiu adiante, e o noso compañeiro, mesmo despedido, foi elixido como delegado sindical polas súas compañeiras e compañeiros.
Reivindicacións xudiciais e resolución final
Mentres tanto, iniciamos unha demanda para que se declarase a nulidade do despedimento. Durante o proceso no SMAC (Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación), Cedar Bay xa recoñecera que o despedimento era nulo, pero intentaba non pagar os salarios pendentes.
Finalmente, onte mesmo, antes de entrar á sala xudicial, a empresa admitiu a nulidade do despedimento, aceptando abonar:
-
Os salarios pendentes.
-
Indemnizacións mínimas por danos e prexuízos
Unha vitoria de todas e todos
Desde CCOO queremos expresar a nosa satisfacción por este logro, que demostra que a unión e a loita pola xustiza son máis fortes que as inxustizas das empresas. Este caso é unha proba máis de que, cando defendemos os nosos dereitos, podemos gañar.
Agradecemos o apoio de todos os compañeiros e compañeiras durante este proceso e animamos a quen enfronte situacións similares a denunciar e loitar polos seus dereitos.
Seguimos traballando pola defensa de todas as persoas traballadoras. Xuntas somos máis fortes!
Precariedade no sector comercio, que terá que cubrir en Galicia máis de 3.500 postos de traballo entre novembro e xaneiro
Desde CCOO Servizos estimamos que a campaña de ofertas deste final de ano xerará, como mínimo, 3.500 postos de traballo en Galicia e 71.000 en todo o Estado español. Porén, preocupan as características do emprego creado. No comercio por xunto, detéctase un aumento alarmante das contratacións fixas-descontinuas, mentres que no comercio polo miúdo prevalecen o emprego temporal e as xornadas a tempo parcial. Isto reflicte unha falta de estabilidade nos cadros de persoal e a non consolidación das contratacións tras rematar as campañas.
Recuperación económica e desigualdade na creación de emprego
O crecemento da renda dos fogares impulsou a recuperación das vendas no comercio tras a pandemia, consolidando o sector como un motor da economía. Non obstante, os datos económicos contrastan cos niveis de creación de emprego:
- Comercio por xunto: as empresas aumentaron o seu marxe de beneficios sobre vendas un 9,9% no último ano, mentres que a creación de emprego só medrou un 1,4%.
- Comercio polo miúdo: o marxe de beneficio incrementouse nun 7,9%, pero o crecemento de emprego alcanzou apenas un 1,3%.
Estes datos indican que o aumento da actividade recae sobre os cadros de persoal, minimizando os custos laborais e incrementando as esixencias de traballo.
Condicións laborais durante as campañas de promocións
Durante as campañas como o Black Friday ou o Nadal, ademais de xerarse emprego precario, as condicións laborais agrávanse. As empresas adoitan escudarse en "necesidades produtivas do sector" para:
- Aplicar xornadas irregulares.
- Impoñer horas complementarias e extraordinarias.
- Restringir períodos de descanso e vacacións.
Os datos sobre horas extras impagadas son alarmantes:
- Comercio por xunto: máis de 245.000 horas extras semanais, das cales un 45% non se pagan.
- Comercio polo miúdo: máis de 391.000 horas extras semanais, das cales un 27% non se remuneran.
Estas prácticas aumentan as cargas de traballo e expoñen as persoas traballadoras a problemas de saúde e seguridade laboral.
Propostas de CCOO Servizos
Desde CCOO Servizos demandamos:
- Contratación estable: redución da parcialidade e eliminación do fraude na contratación.
- Impulso á conciliación corresponsable e á igualdade, diminuíndo a parcialidade feminina.
- Cumprimento estrito da prevención de riscos laborais, con énfase na avaliación dos riscos psicosociais.
Este modelo de contratación é clave para garantir un comercio sostible que respecte os dereitos laborais e mellore as condicións das persoas traballadoras.
- Entrevista a Patricia Mariño, responsable do Sector Comercio en CCOO Servizos, na Radio Galega (A Crónica). Minuto 37:25
- Resumo Ejecutivo CCOO
- Ver informe completo:“Black Friday e o seu impacto no sector do comercio en España. A oportunidade de comprar con descontos... á custa de empeorar as condicións de traballo”
Tras demanda de CCOO, unha traballadora con fibromialxia logra que a Xustiza lle recoñeza a incapacidade absoluta
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha sentenza que recoñece a incapacidade permanente absoluta para unha traballadora de 59 anos que padece fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e múltiples síntomas severos. A defensa correu a cargo de Matilde Mallo Nieves, Graduada en Dereito e Graduada Social na asesoría xurídica na Unión Comarcal de CCOO Santiago-Barbanza.
A afectada, cociñeira de profesión, experimenta unha serie de síntomas graves e debilitantes, como dores en todas as articulacións, fatiga extrema, depresión maior crónica, dificultades de concentración, insomnio e perda severa de peso (26 quilos en cinco meses). En 2019, obtivo a baixa laboral e, dous anos despois, o INSS concedeulle unha incapacidade total que só cubría o 75% da súa base de cotización. Sen embargo, dado o avance dos seus síntomas, a traballadora decidiu loitar polo recoñecemento da incapacidade absoluta, que lle permite recibir o 100% da base reguladora.
O tribunal conclúe que os graves síntomas lle impiden desenvolver calquera traballo con eficacia, mesmo ocupacións non físicas. O TSXG entende que a incapacidade non se limita á imposibilidade de realizar un traballo concreto, senón que tamén inclúe aqueles casos nos que a persoa non pode levar unha vida laboral activa debido á gravidade da súa doenza.
A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia. A Graduada en Dereito, Matilde Mallo, sinala que este é un gran paso para visibilizar unha enfermidade que afecta a moitas persoas en condicións similares.
Desde CCOO Servizos queremos salientar a importancia desta sentenza, que supón un paso máis nun sector como o da hostalaría, no que se sofren múltiples doenzas músculo-esqueléticas debido ás longas xornadas de traballo de pé e en movemento, sen que estas cheguen a ser recoñecidas como enfermidades laborais.


.jpeg)














