Convenio comercio alimentación Ourense: Asembleas en acción, se a patronal non escoita, responderemos!!
O sector do comercio da alimentación en Ourense está a demostrar que non vai tolerar máis ser tratado como persoal de segunda. Tras anos de salarios estancados no SMI, mentres a patronal presume de beneficios espectaculares, o persoal respondeu con forza e unidade.
O pasado 30 de abril, persoas traballadoras do sector participaron nas concentracións convocadas polos catro sindicatos (CCOO, UGT, CIG e USO) diante dos principais supermercados da cidade: Froiz das Lagoas, Gadis de Concello, Aquié en Dr. Fleming, Froiz de Habana, Plenus Remedios e Gadis do Couto. As protestas foron un éxito rotundo, visibilizando a indignación e a determinación do sector. A resposta do persoal foi masiva, deixando claro que a loita polos dereitos laborais conta co apoio da maioría.
Unha patronal inmóbil ante propostas xustas
Na mesa de negociación, a patronal segue sen escoitar a principal demanda do persoal:
• Salariais: 18.100 € anuais para 2025 e 19.500 € para 2026.
• Resto: Equiparación das mellores condicións do resto de provincias galegas.
En Ourense, queremos e temos dereito a xogar na primeira división.
Asemblea decisiva o 8 de maio
Ante esta situación, os sindicatos mantemos a unidade de acción e convocamos a todo o persoal a unha asemblea decisiva para decidir os próximos pasos e posibles novas mobilizacións:
• Xoves, 8 de maio
• Sala Sindical do edificio de sindicatos, San Lázaro
• Horarios: 11:00 e 18:00
Mensaxe clara da representación sindical
“As concentracións foron un éxito e demostraron que non estamos dispostos a seguir sendo o último furgón de cola”, as organizacións sindicais témolo claro. “Se a patronal non muda de postura, a loita continuará e as mobilizacións escalarán. A dignidade non se negocia”.




Convenio comercio alimentación Ourense: Nós SI queremos negociar
Pretender que a negociación se realice con mediadores e non, como sempre, na mesa, é unha nova tomadura de pelo. Os catro sindicatos estamos preparados para traballar desde unha clara e inequívoca unidade de acción sindical.
Desde a representación sindical dicimos que este é o momento de que se escoite a voz dos cadros de persoal para conseguir, por fin, o obxectivo: Un convenio digno, con salarios e condicións laborais equiparables ao resto de compañeiros e compañeiras doutras provincias.
Concentraremos toda a nosa forza
Mércores, 30 de abril
- 12:00 a 12:30 : FROIZ das lagoas (Alfonso Castelao 2)
- 12:45 a 13:15 : GADIS de Concello (Rua Concello 5)
- 13:30 a 14:00 : AQUIÉ (Doctor Fleming 30-32)
- 18:00 a 18:30 : FROIZ de Habana (Avenida Habana 35)
- 18:45 a 19:15 : PLENUS Remedios (Remedios 58)
- 19:30 a 20:00 : GADIS do Couto ( Ervedelo 52)
Para que a túa voz soe con forza, participa! Xuntas e xuntos, somos máis fortes. A loita é de todas e todos.
____________________________________
Actualización: Durante todo o día, mobilizámonos diante de supermercados da provincia. As traballadoras e traballadores da alimentación dicimos: ABONDA XA! Non queremos ser máis unha excepción. Queremos un convenio digno, como o do resto de provincias!




Da tranquilidade ao medo: CCOO Servizos denunciamos que Froiz volve deixar sen protección a tenda de Caranza
Ferrol, 24.04.2025 — O persoal da tenda Froiz situada na rúa Juan de Austria, no barrio de Caranza (Ferrol), quere facer pública a súa preocupación pola recente decisión da empresa de retirar o servizo de vixilancia privada, medida que fora adoptada logo dunha mobilización do cadro de persoal e da intervención dos delegados e delegadas da CCOO.
Durante as semanas en que estivo activo o servizo de vixilancia, constatouse unha mellora notable no ambiente de traballo. Grazas á súa presenza, desapareceron as ameazas directas aos traballadores e traballadoras, así como os roubos que viñan sufrindo desde hai tempo. Esta mellora xerou unha sensación de tranquilidade e seguridade tanto no persoal como na clientela.
Unha decisión incomprensible e perigosa
A retirada do servizo de vixilancia supón un retroceso grave, que xa comeza a traducirse nun novo aumento da tensión no establecemento. O medo a acudir ao traballo volve estar presente entre o cadro de persoal, que sente unha vez máis desprotexida ante situacións que poñen en risco a súa integridade física e psicolóxica.
Cómpre lembrar que a tenda de Caranza se atopa nun contexto social especialmente complexo, no que existen situacións de exclusión e vulnerabilidade que ás veces teñen impacto directo na dinámica do establecemento. Estes factores, que non se dan con igual intensidade noutras tendas da empresa, orixinan conflitos que fan necesario manter medidas de protección estables e adecuadas.
Demandas reiteradas
Desde a sección sindical de CCOO reiteramos as nosas demandas xa expostas na anterior mobilización:
- Restablecemento inmediato do servizo de vixilancia privada na tenda de Caranza.
- Formación específica ao persoal para afrontar situacións de risco de maneira segura e eficaz.
- Creación e aplicación dun protocolo claro de actuación ante roubos, intimidacións e agresións.
Seguiremos mobilizándonos
Queremos deixar claro que non estamos a pedir privilexios, senón o cumprimento de dereitos laborais básicos: poder traballar nun ambiente seguro e digno. Se a empresa non rectifica esta decisión irresponsable, o persoal non descarta retomar e intensificar as medidas de presión, comezando por una xornada de folga e concentración, xa convocada para o próximo venres, 25 de abril, e novas concentracións.
____________________________________
Actualización: A folga en Froiz Caranza deixa a tenda pechada grazas a un seguimento do 95%
A xornada de folga convocada polo persoal da tenda Froiz de Caranza rematou cun seguimento masivo por parte do cadro de persoal, alcanzando o 95%, o que imposibilitou a apertura do establecemento ao público durante todo o día.
Este éxito de participación demostra, unha vez máis, o fondo malestar existente entre as traballadoras e traballadores da tenda situada na rúa Juan de Austria, tras a decisión da empresa de retirar o servizo de vixilancia privada. Unha medida incomprensible que, tal como xa denunciamos, volveu xerar medo e inseguridade entre o persoal, despois dun período no que se conseguira recuperar un clima laboral tranquilo e protexido grazas á presenza dese servizo.
Desde a sección sindical de CCOO Servizos queremos agradecer e poñer en valor o compromiso e a unidade do cadro de persoal, que hoxe deixou claro que non está disposto a tolerar máis retrocesos nas súas condicións de traballo.




A Xustiza volve condenar a Froiz Supermercados por sancionar sen motivo unha delegada de CCOO en Lugo
A cadea Froiz Supermercados foi condenada por segunda vez por sancionar sen xustificación a unha delegada sindical de Comisións Obreiras (CCOO). Esta nova resolución xudicial chega tras unha primeira sentenza do Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, emitida en setembro, que xa recoñecera a vulneración de dereitos sindicais contra a presidenta do comité de empresa en Lugo, tamén delegada de CCOO.
Anulación da sanción e indemnización
A recente sentenza obriga á empresa a anular a sanción de catorce días sen emprego e soldo imposta á traballadora, reintegrarlle os salarios non percibidos durante ese tempo e indemnizala polos danos morais causados. A xustiza considera acreditado que houbo unha clara vulneración dos dereitos sindicais, tipificada como infracción grave.
Froiz actuou en represalia polas funcións sindicais
Segundo a sentenza, quedou probado que a sanción foi unha represalia polas tarefas sindicais desenvolvidas pola delegada no marco do conflito vinculado á negociación do convenio provincial de alimentación. A resolución tamén destaca que esta conduta de Froiz afecta a máis representantes sindicais, o que implica unha afectación colectiva e non só individual.
CCOO reclama o fin das prácticas antisindicais
Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia, esperamos que esta segunda sentenza leve á empresa a corrixir estas actuacións. Reclamamos que Froiz respecte o dereito á representación sindical e cesen os castigos ao persoal que exerce a defensa dos seus dereitos laborais.
Abonda XA! O persoal de Stradivarius Ourense ten a mesma dignidade e dereitos que outras tendas do grupo Inditex
Non somos menos que outras tendas de Stradivarius! Esiximos os horarios 3-2-1 (3 tardes, 2 mañás e 1 día libre) para poder conciliar a nosa vida laboral e persoal.
- A situación económica do noso centro non é peor ca doutras tendas onde xa se aplican estes horarios. É só unha cuestión de vontade empresarial!
- Inditex discrimínanos en Ourense. Négase a aplicar un modelo xusto e mantennos como traballadoras de segunda dentro do grupo.
- NON O IMOS PERMITIR. Queremos os mesmos dereitos que as nosas compañeiras doutras provincias.
CONCENTRACIÓN
Xoves 3 de abril
12:00 h
Centro Comercial PonteVella
Acode e fagámonos escoitar! Xuntas somos máis fortes.

.jpg)




w.jpg)







