CCOO informa dun novo impagamento de nóminas en Abante BPO Lugo e presenta unha denuncia na Inspección de Traballo
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncia que continúan os incumprimentos de Abante BPO Lugo no que respecta ao pagamento dos salarios. Segundo o sindicato, a día de hoxe a empresa aínda non pagou a extra de decembro nin tampouco a nómina ordinaria do mes de febreiro. CCOO amosa a súa preocupación polo rumbo de Abante ante a «nefasta xestión» da súa dirección, o que lle valeu ata o momento dúas denuncias na Inspección de Traballo.
Desde que os actuais xestores se fixeron cargo de Abante, o comité só conseguiu reunirse en dúas ocasións coa dirección. A primeira, o pasado 13 de decembro, cando se anunciou a compra. A segunda, o 3 de febreiro, cando a dirección informou de que estaba a facer as xestións oportunas para poder pagar a extra de decembro, non aboada «por problemas de liquidez».
Constatado tamén o atraso no pagamento da mensualidade de febreiro, a sección sindical de CCOO tentou poñerse en contacto coa empresa en reiteradas ocasións para instala a reunirse co comité. A resposta foi que se estaban a facer «esforzos» para o pagamento e declinando convocar xuntanza ningunha.
Ante esta situación, CCOO presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo, que se suma á interposta xa o pasado mes de decembro.
A patronal de Contact Center resístese a aplicar a Reforma Laboral
O 21 de febreiro levouse a cabo unha asemblea de delegados/as do sector de Contact Center de Galicia na que interviron a secretaría xeral da Federación de Servizos de Galicia, Lucía Trenor, o secretario de acción sindical Juan Zas, o responsable do sector de Contacr Center en Galicia Xosé González, e o responsable de Servizos Técnicos Iván Cordeiro.
Nas intervencións expuxéronse ante os participantes, delegados e delegadas do sector en todas as provincias da comunidade autónoma, temas de total actualidade no sector, tales como:
- Situación da negociación colectiva no Contact Center.
- Calendario de mobilizacións para defender a plataforma sindical.
- Importancia do labor da Representación Legal das Persoas Traballadoras RLPT nas empresas.
- Afectación dos últimos decretos do Goberno: Reforma Laboral; Plans de Igualdade e Auditoría Salarial; Salario Mínimo Interprofesional.










