Archivado en Negociacion Colectiva, Condiciones de trabajo, Convocatorias, Comunicados convenio, Union Intercom. Ourense, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical
O conflito no sector de comercio de alimentación de Ourense xurdiu pola falta de avances nas negociacións do convenio provincial, que leva anos caducado e mantén condicións salariais moi por baixo das outras provincias galegas. Mentres o persoal de supermercados de Froiz, Gadis e Grupo Cuevas de Ourense realiza as mesmas tarefas có persoal de Lugo, Pontevedra ou A Coruña, perciben salarios máis baixos, algo que é totalmente inxusto.
Patronal inmobilista
A patronal mantivo unha postura inmobilista, sen presentar propostas concretas para corrixir estas diferenzas e mellorar as condicións laborais. Ante esta situación, as traballadoras e traballadores, organizados pola representación sindical de CCOO, USO, CIG e UGT, reclamaron o mesmo salario polo mesmo traballo e subas salariais xustas que recoñezan o esforzo diario que realizan.
Folga e mobilizacións
Despois de chamadas ao diálogo e mediacións sen éxito, as persoas traballadoras en asemblea, apoiadas pola representación sindical, decidiron dar un paso firme. O 16 de maio convocouse unha primeira xornada de folga que xa contou cun seguimento superior ao 90%, demostrando a disposición do persoal do sector a defender as súas reivindicacións. Posteriormente, os días 6 e 7 de xuño convocouse unha nova folga, cun seguimento masivo en toda a provincia, deixando claro que o persoal non está disposto a seguir soportando estas condicións.
Ademais, o día 7 de xuño tiveron lugar mobilizacións multitudinarias nas rúas de Ourense, onde as traballadoras e traballadores fixeron visible a súa demanda de igualdade salarial e dignidade laboral. A mensaxe foi clara: non hai xustificación para que as mesmas empresas paguen menos en Ourense que noutras provincias galegas.
A loita continúa
Desde a representación sindical advertimos á patronal que, de non presentar avances reais nas negociacións, as mobilizacións poderán continuar e mesmo intensificarse nas vindeiras semanas. A unidade e a participación nestas xornadas de folga e manifestacións deixan claro que o sector está preparado para loitar polo que lle corresponde: un convenio provincial digno, xusto e igualitario.
2025 © CCOO SERVICIOS. Aviso Legal | Contacto