Nova reunión do convenio comercio vario Coruña coa mediación do AGA
Na reunión de hoxe luns, 10 de abril, ao xa informado anteriormente, a patronal propón:
- Un día máis de asuntos propios
- Incremento salarial co seguinte detalle:
- 2021-2022: 7.5%, con atrasos desde xaneiro 2022
- 2023: 4% con revisión a táboas do 1%
- 2024: 3% con revisión a táboas do 1%
- 2025: 3% con revisión a táboas do 1%
- 2026: 2.5% con revisión a táboas de IPC.
CCOO, do mesmo xeito que o resto das centrais sindicais, estivemos dacordo en que estas porcentaxes, á conta de aumentar a vixencia até o 2026, non son aceptables se non se produce un incremento maior nos anos 2022 a 2023.
Pedimos á patronal que reaccione, porque o persoal non pode permitirse máis perda de poder adquisitivo na situación de graves incrementos de IPC dos últimos anos e porque quedou demostrado na mobilización do pasado domingo 26 de marzo, que as persoas traballadoras do comercio na provincia da Coruña están ao límite da súa economía e paciencia.
Non podemos esperar máis, a patronal debe darnos unha resposta XA
Convenio comercio vario Coruña: Primeira reunión de patronal e sindicatos no marco do AGA
Tras a solicitude da Patronal de Comercio de acudir ao AGA, (Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo) e aceptar todas as centrais sindicais esta mediación, este luns, 27 de marzo, tivo lugar a primeira reunión.
A patronal pretende centrar a proposta na parte estritamente económica e sen que se poidan tratar outros temas importantes da plataforma.
A proposta económica non avanza o suficiente para achegarse a incrementos que permitan o mantemento do poder adquisitivo e a patronal propón unha cláusula de revisión salarial, que ante a incerteza de como vai evolucionar o IPC, parécenos totalmente insuficiente.
Tras a mobilización do domingo, 26 de marzo, a patronal non pode manter a súa posición de inmobilismo e ten que dar un paso adiante e rápido, porque o persoal de comercio non pode soportar máis unha conxelación salarial desde o ano 2019.
Como conclusión desta reunión inicial só podemos dicir que seguimos en situación de bloqueo.
O vindeiro mércores, 29 marzo, celebrarase unha segunda reunión de mediación no AGA e reivindicaremos de novo a necesidade dun desbloqueo inmediato dun convenio colectivo que afecta a unhas 22.000 persoas.
Masiva mobilización das persoas traballadoras do comercio vario de Coruña por un convenio digno
O sector do comercio vario da provincia da Coruña mobilizuse este domingo, día 26 de marzo. Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG, que promoven as mobilizacións, denuncian que a parte empresarial pretenden «condenar» os traballadores e traballadoras «a salarios conxelados ou de miseria». Ler máis
Froiz despide por enfermar
Beatriz levaba traballando varios anos como charcuteira de Froiz en Brión, cortando friame de xeito continuado durante moitas horas todos os días de luns a sábado. Seguramente vos terá atendido a moitas/os de vós.
Beatriz enfermou. Despois de anos de repetir o mesmo movemento o seu ombro non puido máis e os médicos prescribiron unha baixa que se prolongou durante varios meses. Cando se incorporou, Froiz non lle deu alternativa e asignouna de novo a cortar friame durante horas sen descanso. Aos cinco días despediuna por considerar que cometera un acto de indisciplina ao baixar o seu rendemento "de xeito voluntario". Ningunha compañeira percibiu esa baixada de rendemento a pesares da dor coa que traballaba.
A varias compañeiras de toda Galicia lles pasou exactamente o mesmo que a Beatriz. Froiz sempre di que os xefes da empresa son os clientes. Pois valoren vostedes se queren mercar en Froiz. Esiximos readmisión!!
Parálise no convenio comercio vario de A Coruña
Desde CCOO indicamos na mesa de negociación á patronal e resto de sindicatos que era imprescindible axilizar as reunións, e de ser necesario, celebrar unha semanalmente co fin de avanzar na negociación e tentar conseguir un acordo antes de finalizar o ano.
En decembro 2022, tivemos reunións os días 12, 16 e 22. En xaneiro 2023, os días 3 e 19. E en febreiro, cancélase a reunión prevista para o pasado martes día 7.
Para CCOO é incomprensible a retardación da negociación, que desde o día 22 de decembro se paraliza de forma notable, despois de tratar na mesma como tema exclusivo a inclusión no convenio do Plus Compensatorio de Beneficios que só afecta a INDITEX, dando a impresión de que unha vez alcanzado este obxectivo, xa non hai tanta présa en manter a axilidade da negociación e poder así alcanzar canto antes un acordo no resto de temas que afectan ás 22.000 persoas que están baixo o paraugas deste convenio.
Esta paralización é moi grave para o sector desde o punto de vista de CCOO, porque non só repercute na perda de poder adquisitivo do persoal, senón que ademais pon en risco o abono de atrasos de convenio, sen ter en conta o resto de medidas que se negocian no mesmo e que tardarán máis en entrar en vigor.
Ante esta situación non nos queda outra alternativa que expor a posibilidade de convocar mobilizacións no sector, en CCOO temos claro que non podemos permitirnos un novo ano en branco












