Mobilízamonos hoxe en Coruña por un convenio digno na hostalaría galega
A Coruña, 20 de agosto de 2025. Desde a Federación de Servizos de CCOO, xunto con UGT e CIG, mobilizámonos hoxe no peirao de Calvo Sotelo da Coruña para reclamar un convenio colectivo digno na hostalaría galega. Fixemos visible o noso malestar e sinalamos directamente á patronal como responsable da precariedade laboral que afoga o sector da hostalaría en Galicia.
Rexeitamos as declaracións da patronal hostaleira da Coruña
Manifestamos o noso rexeitamento ás declaracións feitas por empresarios hostaleiros da Coruña, que culpan á suposta “falta de vontade” das persoas traballadoras da escaseza de persoal. A verdadeira realidade é que a patronal leva anos ofrecendo condicións inasumibles:
-
Salarios ancorados no SMI.
-
Xornadas ilegais por exceso de horas.
-
Descansos insuficientes.
-
A proposta de eliminar o complemento que garante o salario en caso de baixa médica.
Denunciamos os riscos para a saúde laboral
Estas prácticas impiden atraer e reter profesionais e teñen consecuencias graves: altas taxas de baixas por patoloxías musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica. Non aceptamos que a saúde das persoas traballadoras sexa moeda de cambio para manter a rendibilidade empresarial.
Esiximos melloras reais no sector hostaleiro
Reiteramos que a fidelización do persoal só é posíbel cun cambio profundo nas condicións de traballo, que debe incluír:
-
Salarios dignos, acordes ao peso económico do turismo en Galicia.
-
Horarios compatibles coa conciliación familiar e coa saúde laboral.
-
Respecto ao convenio colectivo da hostalaría.
Reivindicamos tamén que o crecemento do turismo galego, motor económico estratéxico, vaia acompañado dun plan integral de desenvolvemento do sector hostaleiro, impulsado pola área de Turismo da Xunta de Galicia.
Apostamos polo emprego estable e de calidade
Dentro dese plan reclamamos:
-
Formación e profesionalización do persoal hostaleiro.
-
Emprego estable e con dereitos, máis alá da temporalidade e das campañas estivais.
-
Medidas de prevención en saúde laboral.
-
Corresponsabilidade empresarial que compatibilice rendibilidade e benestar.
O noso compromiso co futuro da hostalaría galega
A mobilización de hoxe é só un paso máis. Advertimos que o futuro da hostalaría en Galicia só será sustentable se se basea no emprego digno, na profesionalización e no respecto ás persoas traballadoras.
#CCOO #HostalaríaGalicia #PrecariedadeLaboral #ConvenioHostalaría #Acoruña #TurismoGalicia #EmpregoDigno
Noticias en prensa:
La Voz de Galicia: La hostelería exige en A Coruña un convenio digno para 20.000 trabajadores
La Opinión: Trabajadores de la hostelería coruñesa protestan por el bloqueo del convenio
A Hostalaría galega en loita: concentración o 20 de agosto pola defensa do convenio
A Coruña, 18 de agosto de 2025 – CCOO, UGT e CIG Facemos un chamamento conxunto ao persoal do sector hostaleiro de Galicia para participar nunha concentración o mércores 20 de agosto, ás 19:00 horas, no Peirao Calvo Sotelo da Coruña, coincidindo coa entrada ao acto “The Champions Burger” das Festas de Agosto.
O noso obxectivo coa mobilización é denunciar a situación de bloqueo que atravesa a negociación do convenio provincial de hostalaría, que afecta a preto de 20.000 persoas traballadoras na provincia. A negociación, que debería iniciarse en xaneiro de 2025, está paralizada debido á actitude obstrucionista e prepotente da patronal, que non só se nega a ofrecer melloras senón que pretende recortar dereitos laborais, entre eles a eliminación do Complemento por incapacidade temporal (IT), que garante o 100% do salario en caso de baixa durante os primeiros 12 meses.
CCOO, UGT e CIG denunciamos que esta postura patronal ignora o crecemento do sector e as marcas históricas de turismo e facturación en Galicia, así como o aumento desproporcionado do custo da vida en 2025. Por iso, esiximos unha negociación con perspectiva social, que contemple a actualización salarial e melloras nas condicións de traballo, como a saúde laboral, a xornada e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
As organizacións sindicais convocantes facemos un chamamento a todas as traballadoras e traballadores do sector para que se sumen a esta concentración e dean visibilidade ao malestar do persoal e á reivindicación dun convenio xusto e digno.

Noticias en prensa:
La Voz de Galicia: Traballadores da hostalería concentraranse este mércores na Coruña
AcoruñaXa: Concentración en A Coruña para abordar la situación del convenio provincial de hostelería
CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e criticamos a exclusión sindical
Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.
Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.
Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:
-
Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.
-
Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.
-
Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.
-
Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.
En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.
CCOO Servizos non asinamos o Plan de Igualdade de Mercatabria (GADIS) por insuficiente e discriminatorio
Por que CCOO non asinamos o II Plan de Igualdade de Mercartabria nin o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo?
Non a un Plan de Igualdade de mínimos
En CCOO dicimos NON a este Plan de Igualdade porque:
-
É un plan feito á medida da empresa, que ignora moitas das nosas propostas.
-
As medidas son escasas e cun investimento ridículo para unha compañía que obtén grandes beneficios.
-
Négase a entrar de cheo na loita contra a discriminación e a desigualdade nun cadro de persoal altamente feminizado.
Foron rexeitadas as nosas propostas de:
-
Garantir a transparencia retributiva.
-
Mellorar a conciliación e a corresponsabilidade.
-
Impulsar a promoción interna.
Un protocolo que non protexe
Tampouco asinamos o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo porque:
-
Mestura este protocolo co de acoso laboral, o que dilúe a súa especificidade e dificulta a protección das vítimas.
-
Non garante unha protección real, xa que introduce un “procedemento previo” que atrasa e bloquea a apertura dun protocolo efectivo, restando garantías á representación legal das persoas traballadoras.
UGT e USO decidiron asinar este plan de igualdade, a pesar de que non garante nin sequera un mínimo de avances reais en materia de igualdade e supón un retroceso nos dereitos do persoal, poñéndose do lado da empresa e non das traballadoras e traballadores.
En CCOO non imos avalar documentos que non protexen, que maquillan a realidade e que deixan en segundo plano os dereitos do persoal. Queremos medidas reais, investimento suficiente e compromiso firme contra a discriminación e o acoso.
CCOO Servizos impulsamos un preacordo clave na hostalaría de Pontevedra: Melloras salariais, recoñecemento ás camareiras de piso e fixos-descontinuos
CCOO Servizos asinamos un preacordo do convenio para o sector da hostalaría en Pontevedra, con vixencia durante os anos 2024 e 2025. O documento supón un avance histórico en condicións laborais, con melloras salariais, novos dereitos sociais e un recoñecemento profesional especial ás camareiras de piso e ao persoal fixo descontinuo.
Suba salarial e garantía de poder adquisitivo
O acordo establece un incremento do 7% en dous anos, así como unha cláusula de revisión vinculada ao IPC real, co obxectivo de evitar perdas de poder adquisitivo.
Novos dereitos sociais
Entre as novidades destacan:
-
Permiso retribuído para levar fillos e fillas menores de 16 anos ao médico.
-
Permiso por hospitalización fraccionable, aplicable mentres persista a causa.
Recoñecemento ás camareiras de piso
A partir do 1 de xaneiro de 2027, as camareiras de piso con 36 meses de antigüidade en hoteis de 3, 4 e 5 estrelas pasarán ao grupo salarial 8, un paso que CCOO considera o inicio dun proceso para recoñecer a especialización e responsabilidade deste colectivo. Ademais, desaparece o grupo 10 e os postos de axudante e auxiliar (grupo 9) ascenderán de categoría tras dous anos, sempre que conten coa cualificación requirida.
Persoal fixo descontinuo: estabilidade e dereitos
O preacordo tamén introduce unha regulación mínima para garantir contratacións máis xustas e estables:
-
En establecementos abertos todo o ano: chamamento mínimo de 8 meses e medio e garantía de 20 horas semanais.
-
En establecementos de apertura parcial:
-
Apertura ≤ 3 meses: mínimo 50% da duración.
-
Apertura = 4 meses: mínimo 60%.
-
Apertura ≥ 5 meses: mínimo 70%.
-
Unha hostalaría con dereitos
Este preacordo representa “un avance colectivo en estabilidade, dignidade e recoñecemento profesional”, freando a temporalidade extrema e mellorando os ingresos do persoal.
Asinado o convenio do comercio alimentación de Ourense
Tras a ratificación en asemblea por parte das traballadoras e dos traballadores, anunciamos a sinatura definitiva do convenio colectivo do sector da alimentación da provincia de Ourense, acadado no proceso de mediación.
Este logro é froito directo do apoio masivo das persoas traballadoras ás mobilizacións, concentracións e xornadas de folga. A loita sostida foi decisiva, e desde CCOO Servizos Galicia queremos recoñecer o papel fundamental do sindicalismo organizado para acadar este acordo.
Melloras salariais principais
O convenio terá unha vixencia de catro anos, cun incremento salarial acumulado de máis do 26%, distribuído así:
-
2025: incremento do 11,74% sobre as táboas de 2024 (agás o Grupo IV, que sobe un 12,38%)
-
2026: incremento do 6,35%
-
2027: incremento do 3%
-
2028: incremento do 3%
Ademais, se a suma do IPC real supera o 3% nos anos 2027 e 2028, aplicarase unha actualización anual pola diferenza, ata un máximo do 2,5% adicional.
Outras melloras sociais
-
1 día máis de vacacións (ata 32 anuais)
-
3 fins de semana de calidade garantidos
-
Axuda escolar: 80 € por fillo/a
-
Plus de nocturnidade: 20%
Este acordo achega as condicións laborais de Ourense ás do resto de provincias galegas e rompe unha fenda histórica de discriminación territorial.
Desde CCOO Servizos Galicia traballamos cunha visión estratéxica para acadar un convenio galego do sector da alimentación que garanta: a igual traballo, igual retribución en todo o territorio.
Para conseguir este obxectivo é imprescindible reforzar a representatividade de CCOO, que cun traballo serio, responsable e eficaz na mesa de negociación demostrou ser unha ferramenta fundamental na consecución do acordo.
A organización e o apoio sindical marcan a diferenza.
Este convenio é un avance histórico, posible grazas á firmeza das traballadoras e dos traballadores e ao labor constante de CCOO.
Seguimos demostrando que loitar serve
Convenio Comercio Alimentación Ourense: suba salarial do 26% e novas melloras laborais ata 2028
Despois de presentar ao persoal a proposta resultante da mediación celebrada o pasado 17 de xullo, esta foi aprobada por maioría nas distintas asembleas realizadas nas empresas afectadas polo Convenio de Comercio de Alimentación da provincia de Ourense.
Como consecuencia, comunicarase formalmente á parte empresarial e ao Consello Galego de Relacións Laborais a aprobación da proposta co fin de redactar e asinar o preacordo.
Queremos destacar que este resultado non sería posible sen o esforzo, a mobilización e a firmeza das traballadoras e dos traballadores durante estes meses de loita. Cando a patronal insistía en que non había marxe para melloras salariais, foi a unidade e a presión do persoal o que fixo posible avanzar cara a un acordo digno.
Detalles do preacordo
A proposta aprobada inclúe un incremento salarial acumulado do 26,08% respecto do convenio anterior, co seguinte detalle:
-
2025: 18.100 € (suba do 11,74%)
-
2026: 19.250 € (suba do 6,35%)
-
2027: 19.827,50 € (suba do 3%)
-
2028: 20.422,33 € (suba do 3%)
Tamén se inclúe unha cláusula de revisión salarial ligada ao IPC real cun tope de garantía do 2,5%.
Outras melloras destacadas
-
Grupo IV: subida a 17.750 € en 2025 e promoción automática ao Grupo III B cun ano de antigüidade.
-
3 fins de semana de calidade ao ano (sábado e domingo libres); en 2025 garántese 1.
-
1 día adicional de vacacións desde 2025.
-
Anticipo das pagas extraordinarias o día 15 de cada mes.
-
Plus de nocturnidade do 20% por hora traballada entre as 22:00 e as 6:00.
-
Axuda escolar de 80 € por cada fillo/a.
As centrais sindicais consideramos un éxito notable o incremento acadado, que é un resultado positivo e que reflicte un avance real nas condicións laborais do sector.
Grazas a todas as compañeiras e compañeiros pola súa forza, compromiso e participación. A mobilización e a unidade fixeron posible este paso adiante.
Seguimos. A loita continúa.


Actualización: Imaxes da recollida de sinaturas




















