Abanca: 31M folga en Galicia
Recibida a proposta da empresa para a reunión deste martes 28 de maio, na que unicamente se avanzou en materia de horarios, seguen sen atender as reivindicacións económicas demandadas co fin de recuperar o poder adquisitivo perdido. A inmobilidade da dirección impide avanzar para chegar a un acordo que sexa xusto para todo o cadro de persoal de ABANCA.
É necesario que o cadro de persoal manifeste o seu desacordo e lle demostre á dirección que non se nos pode mercar con medidas unilaterais, que lonxe de supoñer melloras reais, intentan xustificar que resolveron as nosas demandas:
- Establecer un Plus do 3% sobre o convenio do 2024 non é recuperar significativamente a perda de poder adquisitivo desde o 2014.
- Subir unilateralmente o SRV de maneira aleatoria segundo o posto, é dividir e enfrontar, non mellorar.
- Fixar unilateralmente unha carreira profesional sen un marco ou regulación, é abrir a porta á dedocracia non á meritocracia.
- Establecer un horario flexible sen voluntariedade, limitación e ningunha compensación para todos, é volver a dividir e enfrontar, non é conciliar nin mellorar o clima laboral.
- As propostas da empresa para ABANCA Conecta non solucionan o problema da unidade.
Probablemente nos presionarán para non participar na convocatoria do 31 de Maio, incluso poden chegar á ameaza para evitar a participación, pero é hora de que saiban que non imos ceder ata conseguir un acordo xusto para un cadro de persoal farto de non poder conciliar e de sufrir unha presión comercial desmedida.
CCOO, como continuación das concentracións de delegadas e delegados levadas a cabo nas oficinas da Coruña e Madrid, apela á unidade de todos/as os compañeiros e compañeiras de ABANCA para que a convocatoria do día 31 de Maio en Galicia sexa un éxito, sen siglas e cunha única petición:
Por último, lamentamos que a data fixada para o 31 de Maio non se nos consultara previamente, para que todo o cadro de persoal de fóra de Galicia tamén poida exercer o seu dereito a participar. Pedir unidade (solicitada por todos e todas os compañeiros e compañeiras) e facer todo o contrario non é serio. Este comunicado enviámolo desde CCOO pero temos claro que non nos pertence, obedece a un sentimento que comparte todo o cadro de persoal.
MELLORAS LABORAIS REAIS!!! ESIXIMOS Á DIRECCIÓN QUE O MARTES CAMBIE A SÚA POSICIÓN
Folga e concentración contra o clima laboral tóxico e a destrución de emprego en Teleperformance Coruña
O Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña convocou folga de 24 horas para hoxe, luns 29, en resposta ás políticas da empresa que afectan directamente as persoas traballadoras deste centro.
Ademais, realizouse unha concentración ás 12:00 horas diante das instalacións da Teleperformance na Rúa Newton 5, onde as persoas traballadoras expresaron o seu descontento e esixiron cambios nas políticas empresariais.
Os motivos desta mobilización inclúen despedimentos inxustificados, presión constante por resultados sobre as persoas traballadoras, falta de comunicación cos representantes legais dos/as traballadores/as e a redución continua de postos de traballo debido á deslocalización de servizos e aos ERE’s aplicados pola empresa:
Non fai moito, a delegación de Coruña ocupaba a case 1.000 persoas traballadoras. Cando en outubro do ano pasado a empresa levou adiante un ERE nas campañas de Vodafone e Netflix o ERE afectou a 42 persoas na Coruña e o volume de persoal era dunhas 520 persoas.
Pasados 5 meses do ERE, na Coruña somos 450 persoas traballadoras, 70 persoas menos, non 42. E desde fai uns anos, máis de 500 persoas menos.
O Comité de Empresa destaca que estas accións crean un ambiente de medo constante entre os traballadores, prexudicando o clima laboral.
O obxectivo desta folga e concentración é manifestar publicamente o descontento dos traballadores de Teleperformance A Coruña e esixir un cambio nas políticas da empresa en relación co seu persoal: Abonda de presións constantes e temor continuo a despedimentos.
O persoal de DXC volve á folga!
O persoal de DXC Technology, unha empresa multinacional dedicada á prestación de servizos informáticos e xestión de procesos para importantes empresas do sector bancario, enerxético e administracións públicas, volveu ás rúas en protesta polas súas condicións laborais. As seccións sindicais de varias organizacións, incluíndo CCOO, CGT, CSI, USO, Intersindical-CSC, UGT e CNT, convocaron unha folga para os días 29 e 30 de abril.
O conflito entre o persoal e a empresa medra debido ás perdas acumuladas no salario, que se relacionan cunha inflación que alcanzou ata o 17% nos últimos tres anos. As propostas presentadas pola compañía non satisfacen as demandas dos traballadores, deixando unha gran distancia entre as partes.
A pesar de presentar ingresos récord ano tras ano e ser a súa división en España unha das mellores a nivel mundial, o persoal sinala que estas cifras non reflicten a súa situación, xa que consideran que as ganancias da empresa son obtidas á custa da devaluación dos seus salarios.
Durante as xornadas de folga, celebraranse concentracións e manifestacións por parte do persoal, co obxectivo de presionar á empresa para que atenda as súas demandas. En A Coruña, hoxe, 29 de abril realizouse unha concentración diante das oficinas de DXC Technology no Polígono de A Grela. A seguinte será diante do Obelisco na Rúa Nova, o 30 de abril ás 11:00 horas.
Este movemento pon de manifesto a importancia da negociación e a mobilización do persoal para facer valer os seus dereitos laborais nun contexto de conflito.
Novas concentracións en Abanca: Esiximos mellores horarios, retribucións xustas e un bo clima laboral
Hoxe, 26 de abril, delegados sindicais de CCOO, UGT e SIB reunímonos de novo fronte ás sedes de Abanca en A Coruña e Madrid. O noso obxectivo: reclamar melloras nas condicións laborais, incluíndo horarios máis flexíbles e unha maior capacidade para conciliar a súa vida persoal e profesional, así como un clima laboral máis saudable, actualmente marcado pola crispación.
¿Por que estas demandas? As razóns son evidentes: Abanca non está a demostrar responsabilidade social cara á súa plantilla. Desde que a entidade foi adquirida hai unha década, tras ser rescatada polo FROB e renomeada como ABANCA, as persoas traballadoras foron fundamentais para garantir a súa viabilidade.
Durante este período, o persoal realizou sacrificios significativos en termos de salarios e horarios laborais para contribuír ao éxito do negocio. Porén, agora, cun entorno económico máis favorable, onde ABANCA rexistra beneficios exponencialmente crecentes ano tras ano, os propietarios non mostran disposición a retribuír eses sacrificios.
Esta falta de reciprocidade por parte da dirección de ABANCA xenera serias cuestións éticas. O cadro de persoal séntese explotado e polo tanto demanda traballar en condicións saudables e recuperar os dereitos que cederon en beneficio da entidade, que hoxe se sitúa entre as máis ricas do país.
Mentres ABANCA continúe priorizando o crecemento dos seus beneficios sen atender ás necesidades do seu persoal, a presión sobre o persoal seguirá sendo insostible. É fundamental que a empresa recoñeza e valore o esforzo de quen a respaldarou en momentos difíciles, garantindo así un ambiente laboral xusto e equitativo para todos.
Mobilizacións en Abanca: Por un mellor horario, retribución e clima laboral
Ante o imobilismo da dirección de Abanca na Mesa de Negociación, e perante a falta de avances, é o momento das mobilizacións.
Expuxemos diversas propostas encamiñadas a mellorar:
• O horario de todo o persoal. A empresa non está disposta a mellorar o horario se a cambio non se aumenta considerablemente o número de persoas con horario dispoñible para a empresa,sen ofrecer compensación salarial adecuada.
• Salario e beneficios sociais. A empresa argumenta que xa aplicou un incremento salarial, que se vincula ao acordado no convenio colectivo, e que non está disposta a discutir unha maior compensación. A incerteza reina sobre a retribución variable, suxeita á decisión empresarial.
• Clima laboral. Négase a abordar a mellora do ambiente laboral. Non entende que a baixa produtividade que alegan se pode mellorar con cambios na forma de traballar e de dirixir ás persoas, está demostrado que sacar o látigo e diminuír o número de plantilla nin dá resultado nin mantén san ao persoal. É hora de cambiar as cousas.
Hoxe venres, 19 de abril, as delegadas e os delegados das seccións sindicais de CCOO, UGT, e SIB-sf de ABANCA concentrámonos ás portas de Rúa Nova en A Coruña e de Recoletos en Madrid. Convidamos ao resto de sindicatos con representación no banco para que se unan a estas mobilizacións.