O sector do comercio da alimentación en Ourense está a demostrar que non vai tolerar máis ser tratado como persoal de segunda. Tras anos de salarios estancados no SMI, mentres a patronal presume de beneficios espectaculares, o persoal respondeu con forza e unidade.
O pasado 30 de abril, persoas traballadoras do sector participaron nas concentracións convocadas polos catro sindicatos (CCOO, UGT, CIG e USO) diante dos principais supermercados da cidade: Froiz das Lagoas, Gadis de Concello, Aquié en Dr. Fleming, Froiz de Habana, Plenus Remedios e Gadis do Couto. As protestas foron un éxito rotundo, visibilizando a indignación e a determinación do sector. A resposta do persoal foi masiva, deixando claro que a loita polos dereitos laborais conta co apoio da maioría.
Unha patronal inmóbil ante propostas xustas
Na mesa de negociación, a patronal segue sen escoitar a principal demanda do persoal:
• Salariais: 18.100 € anuais para 2025 e 19.500 € para 2026.
• Resto: Equiparación das mellores condicións do resto de provincias galegas.
En Ourense, queremos e temos dereito a xogar na primeira división.
Asemblea decisiva o 8 de maio
Ante esta situación, os sindicatos mantemos a unidade de acción e convocamos a todo o persoal a unha asemblea decisiva para decidir os próximos pasos e posibles novas mobilizacións:
• Xoves, 8 de maio
• Sala Sindical do edificio de sindicatos, San Lázaro
• Horarios: 11:00 e 18:00
Mensaxe clara da representación sindical
“As concentracións foron un éxito e demostraron que non estamos dispostos a seguir sendo o último furgón de cola”, as organizacións sindicais témolo claro. “Se a patronal non muda de postura, a loita continuará e as mobilizacións escalarán. A dignidade non se negocia”.
2025 © CCOO SERVICIOS. Aviso Legal | Contacto