Concentración e folga en Bosch Service Solutions Vigo
O comité de Bosch Service Solucions, a segunda maior empresa de Vigo por volume de traballadores e traballadoras, convocou folga para hoxe, 16 de xullo, e tamén unha concentración diante da sede da empresa.
Á folga están chamados os máis de 1900 empregados e empregadas da firma, que rexeitan a continua deterioración das condicións laborais.
Entre as principais reivindicacións están o recoñecemento das categorías profesionais conforme ás funcións realizadas e sen precisar acudir ao xulgado, unha compensación xusta dos gastos ocasionados polo teletraballo desde o comezo da pandemia, rematar coa «práctica habitual» da empresa de impoñer determinados días de vacacións ou o atraso na presentación da documentación ante o SEPE para o persoal que entrou en ERTE no mes de xuño —a día de hoxe, estas persoas non teñen garantido sequera cobrar no mes de agosto.
CCOO Servizos proponlle á Xunta medidas pola sinistralidade no saneamento gandeiro
Unha representación da Federación de Servizos de CCOO, xunto con persoal de Tragsatec, reuniuse o pasado venres co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiro. Por parte do sindicato participaron a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, a delegada de prevención de CCOO en Tragsatec na Coruña, Belén Vázquez, a delegada de CCOO e presidenta do comité da empresa en Lugo, Carmen Seoane, e o asesor en saúde laboral de CCOO-Servizos, Héctor Ortega. Ler máis
Burguer King despreza o seu persoal: irregularidades en salarios, horarios e saúde laboral
CCOO-Servizos insta a Burger King a cumprir os dereitos do seu persoal, especificamente no que se refire ao pagamento dos salarios, quendas de traballo e protección da saúde. Este mediodía houbo unha concentración na Coruña, pero os problemas veñen de meses atrás. Durante o último ano, o sindicato convocou a empresa en diferentes ocasións para procurar solucións, pero ante a súa negativa houbo que recorrer á Inspección de Traballo.
CCOO denunciou ante a autoridade laboral irregularidades en cadrantes horarios e tempo de traballo, así como no abono de salarios e complementos.
Con todo, a Burger King teima na súa actitude e reincide canto ao pagamento das horas complementarias, o atraso no abono dos salarios, os horarios e calendarios, a excesiva carga de traballo pola falta de persoal, ou aspectos relacionados coa seguridade e a saúde laboral. Ler máis
Nova xornada de folga contra o «despropósito» de ERE en Caixabank
Desde CCOO denuncian que o volume de despedimentos que pretende realizar a empresa non está xustificado, xa que «é imposible atender a rede coa redución de persoal que se pretende».
O sindicato tamén rexeita que as extincións de emprego sexan forzosas, máis aínda cando se trata dunha empresa con beneficios «e das máis produtivas do país», polo que tampouco ten necesidade de reducir custos.
O último paso dado por Caixabank foi o de «endurecer a súa proposta», tanto pola nova distribución provincial como polos topes para saír entre os 55 e os 52 anos —o que aumentaría a cifra de despedimentos forzosos.
«É un despropósito que, despois de dous meses de negociación, teñamos que vernos obrigados o ultimo día a manter convocada a segunda xornada de folga porque se endureceu a formulación nos excedentes ,cando este é ademais o motivo principal do desacordo», denuncia CCOO.










