Konecta despide un delegado sindical de CCOO por poñerse enfermo
A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia denuncia que a empresa Konecta Comercializadora despediu un delegado sindical desta organización por poñerse enfermo. A empresa aplicou o artigo 52 do Estatuto dos Traballadores, modificado coa reforma laboral do PP en 2012, que considera o absentismo xustificado como causa de despedimento obxectivo.
«É unha mostra máis do grao de deshumanización ao que nos ten acostumados o grupo Konecta», critica CCOO, que censura este aspecto da reforma laboral por antepor os intereses económicos e empresariais á protección da saúde das persoas traballadoras.
CCOO-Servizos defende que un dos principios fundamentais da responsabilidade social corporativa dunha empresa ha ser o dereito á saúde das persoas que traballan para ela. «Non somos simples números nas súas estatísticas de absentismo», denuncia o sindicato.
Concentración de apoio
CCOO esixe a readmisión do compañeiro despedido e por iso convoca unha concentración para o venres, 8 de novembro, ás 12 horas, diante das instalacións de Konecta Comercializadora no polígono de Bergondo (parcela B18).
As centrais sindicais convocan manifestación o 22 de outubro contra o traslado de servizos e emprego iniciado por R Cable
As centrais sindicais CCOO, CGT, CIG e UGT convocan unha manifestación o vindeiro martes 22 de outubro, para esixir a R Cable a paralización inmediata do proceso de traslado de servizos e do emprego fóra de Galiza. Unha deslocalización que, no caso do servizos de que operación e mantemento de rede, previsibelmente se fará efectiva a data de 31 de outubro, afectando a numerosas empresas e a centos de traballadores e traballadoras en toda a provincia.
A manifestación do día 22 sairá ás 19:00 horas da tenda de R situada na rúa Compostela (zona da Praza de Lugo) e rematará fronte ao edificio de R Cable situado no Obelisco.










