O persoal de DXC Technology convoca tres xornadas de folga desde o luns e concentracións diante dos principais clientes
O persoal de DXC Technology na Coruña e Santiago convoca tres xornadas de folga, coincidentes coas que haberá no resto de centros de traballo no Estado. Comezarán o vindeiro luns, día 3 de xuño e continuarán o 4 e o 5. Asemade, comezarán a protestar diante dos principais clientes da empresa. De feito, o luns concentraranse entre as 10:45 e as 11:45 horas diante das oficinas de Abanca e Bankinter situadas no n.º 30 da rúa Nova da Coruña.
Con estas mobilizacións será o terceiro mes consecutivo con folgas do persoal de DXC, que xa tivo dous días de paro en marzo e outros dous en abril.
DXC Technology é unha multinacional que proporciona servizos informáticos e de xestión ás principais empresas do sector bancario, enerxético e Administracións públicas: Abanca, Evo Banco, Zurich, Mango, MRW, EDP, Carrefour, Caixabank e boa parte do Ibex-35.
Actualmente existe un conflito coa compañía pola perda de poder adquisitivo dos salarios debido á inflación, de ata o 17 % nos últimos tres anos. Polo de agora, as propostas da empresa están extremadamente afastadas do que pide a parte social. A situación contrasta coa presentación de ingresos récord ano tras ano.
Convocatoria
-
Día: luns, 3 de xuño do 2024
-
Hora: 10:45 horas
-
Lugar: oficinas de Abanca e Bankinter da rúa Nova, n.º 30 (A Coruña)
_______________________________________________________________
Actualización:
Primeira das tres xornadas de folga convocadas en DXC Technology. Imaxes das concentracións:




Folga e concentración contra o clima laboral tóxico e a destrución de emprego en Teleperformance Coruña
O Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña convocou folga de 24 horas para hoxe, luns 29, en resposta ás políticas da empresa que afectan directamente as persoas traballadoras deste centro.
Ademais, realizouse unha concentración ás 12:00 horas diante das instalacións da Teleperformance na Rúa Newton 5, onde as persoas traballadoras expresaron o seu descontento e esixiron cambios nas políticas empresariais.
Os motivos desta mobilización inclúen despedimentos inxustificados, presión constante por resultados sobre as persoas traballadoras, falta de comunicación cos representantes legais dos/as traballadores/as e a redución continua de postos de traballo debido á deslocalización de servizos e aos ERE’s aplicados pola empresa:
Non fai moito, a delegación de Coruña ocupaba a case 1.000 persoas traballadoras. Cando en outubro do ano pasado a empresa levou adiante un ERE nas campañas de Vodafone e Netflix o ERE afectou a 42 persoas na Coruña e o volume de persoal era dunhas 520 persoas.
Pasados 5 meses do ERE, na Coruña somos 450 persoas traballadoras, 70 persoas menos, non 42. E desde fai uns anos, máis de 500 persoas menos.
O Comité de Empresa destaca que estas accións crean un ambiente de medo constante entre os traballadores, prexudicando o clima laboral.
O obxectivo desta folga e concentración é manifestar publicamente o descontento dos traballadores de Teleperformance A Coruña e esixir un cambio nas políticas da empresa en relación co seu persoal: Abonda de presións constantes e temor continuo a despedimentos.

















