Carrefour Ourense deberá aumentarlle a xornada a unha traballadora e indemnizala polo lucro cesante
O Xulgado do Social núm. 1 de Ourense condena a Centros Comerciales Carrefour, S. A., de Ourense a lle aumentar a xornada laboral a unha traballadora e a indemnizala economicamente polo lucro cesante. A empregada, con máis de 25 anos de antigüidade, tiña xornada a tempo parcial e solicitara ampliala para traballar a tempo completo, ao considerar que se reunían os requisitos fixados no convenio colectivo. Ler máis
CCOO denuncia a teimosía da dirección do Sabadell, que só reduce en 206 persoas o alcance do ERE
A sección sindical de CCOO no Banco Sabadell denuncia a «teimosía» da dirección da entidade bancaria, que unicamente reduciu en 206 persoas a afectación prevista para o despedimento colectivo. Agora serían 1730 os despedimentos previstos, cifra incompatible coas saídas voluntarias que defende o sindicato.
Ante a gran distancia das posturas, CCOO volveu saír hoxe ás rúas en distintas localidades do Estado. En Galicia houbo unha concentración diante da oficina da rúa Colón, seguida unha manifestación polas rúas próximas.
Desde a Federación de Servizos de CCOO tamén critican que aínda non haxa unha proposta por escrito para valorar se a última proposta da empresa ten encaixe no obxectivo do sindicato de que o ERE sexa de adscrición voluntaria.
A isto, desde o Sabadell comprometéronse a trasladar a proposta por escrito a vindeira semana.
CCOO inicia en Santiago de Compostela as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell
Comisións Obreiras (CCOO) iniciou este xoves as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell, convocando concentracións en diversas localidades do Estado. En Galicia, a protesta tivo lugar en Santiago de Compostela, entre as 11 e as 12 horas, na oficina que a entidade bancaria ten no número 33 da rúa do Hórreo.
Desde CCOO rexeitan a «inamovible» posición do Sabadell na mesa de negociación do ERE —que afecta a 1936 persoas— e defenden medidas alternativas. «Hai carga de traballo, non sobra persoal nin moito menos», sinala Arturo Cruzado, voceiro do sindicato. Ler máis.
O persoal de Universal Support mobilízase contra os traslados
O comité de empresa de Universal Support (grupo Konecta), que se dedica ao sector dos centros de chamadas, convocou esta semana dúas xornadas de mobilización, o luns día 20 e hoxe mesmo, xoves 23. O obxectivo, rexeitar o traslado de 81 traballadores e traballadoras da Coruña a Bergondo.Ler máis
A Xustiza dálle a razón a CCOO e rexeita os contratos temporais ligados a subcontratas
A Audiencia Nacional dálle a razón á Federación estatal de Servizos de CCOO e considera nulos os contratos temporais ligados a unha subcontrata no sector dos centros de chamadas. Isto significa que unhas 40.000 persoas en todo o Estado poderán pasar a ter un contrato indefinido. Ler máis
CCOO rexeita o ERE anunciado polo Banco Sabadell, que xa tiña previsto o peche de 31 oficinas en Galicia
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia rexeita o expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado polo Banco Sabadell. Malia que a entidade non comunicou polo momento o alcance desta regulación de emprego, o sindicato avanza que «non llo poremos fácil» e manterá unha «firme defensa do emprego», como nas outras reestruturacións que xa houbo no sector nos últimos meses
CCOO alerta do recorte de persoal na adxudicación do servizo de rastrexadores da Xunta
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncia que a adxudicación do servizo de rastrexadores da Xunta de Galicia a unha nova empresa vai provocar unha importante deterioración deste servizo público. Malia se producir a adxudicación o pasado 29 de xullo, a data de hoxe non se lle facilitou á representación sindical a información sobre a data e condicións do traspaso do servizo, nin tampouco sobre o persoal afectado.
Segundo a información de que dispón CCOO, no servizo de rastrexadores hai traballando unhas 650 persoas. Porén, co cambio de adxudicación preténdese comezar a campaña no mes de setembro cunhas 250 persoas, estando en risco a perda duns 400 postos de traballo. Todo isto, nunha situación actual onde o volume de casos de covid non deixa de aumentar.
A Federación de Servizos de CCOO solicita unha reunión urxente coa Xunta de Galicia para esixir o mantemento do número de rastrexadores, entendendo que non é este o momento de recortar persoal.
A mediadora de seguros Asnorte contrata falsos autónomos para reducir custos
En novembro do ano 2020 a Federación de Servizos de CCOO en Galicia iniciou unha campaña contra os falsos autónomos existentes na empresa Asnorte, axencia exclusiva de mediación de seguros de Santa Lucía.
CCOO interpuxo unha denuncia ante inspección de traballo nas catro provincias galegas, denunciando a práctica fraudulenta na subscrición de contratos mercantís con persoas que estaban baixo a potestade organizativa de Asnorte.
Esta campaña iniciouse tras contactar co sindicato máis dunha decena de persoas que consideraban que se atopaban baixo unha situación fraudulenta de contratación mercantil, que o que enmascaraba era unha relación laboral.
Tras as devanditas denuncias, Asnorte procedeu á finalización de numerosos contratos optando a maioría das persoas afectadas acudir aos xulgados para o recoñecemento da vinculación laboral.
Foron xa varias as sentenzas que a día de hoxe se resolveron favorables aos intereses das persoas traballadoras.
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia quere pór o foco na práctica habitual do sector onde se realizan contratacións fraudulentas vía a mercantilización das relacións laborais para evitar asumir os custos derivados dunha contratación directa.













