Pesar polo falecemento dunha traballadora no Hotel Balneario de Mondariz
CCOO Servizos trasladamos as nosas condolencias aos familiares, compañeiros/as e amizades da traballadora, que perdeu a vida nun accidente laboral nas instalacións do Hotel.
A Federación de Servizos de CCOO de Galicia sinalamos que a protección da seguridade das persoas e traballadoras é «unha das prioridades» nas relacións laborais nun estado de dereito. Por esta razón, «queremos lembrar a importancia e necesidade de reforzar nestas datas todas as medidas de Prevención de Riscos que permitan evitar situacións de tensión térmica que poidan derivar en situacións fatídicas».
Á espera de confirmar oficialmente as causas do falecemento da traballadora, CCOO alerta do incremento «xeneralizado» da sinistralidade laboral no noso país, razón pola cal o sindicato reivindica políticas públicas en saúde laboral e un maior control por parte da Administración sobre a aplicación das ferramentas de prevención de riscos laborais en todas as empresas. Insistimos na necesidade de colaboración entre os diferentes axentes involucrados na prevención para evitar que traballadores e traballadoras sigan perdendo a vida a causa de accidentes laborais e esiximos a pronta e exhaustiva investigación do falecemento e a depuración de responsabilidades se as houbese.
Onda de calor e traballo
CCOO Servizos volvemos reclamar, como o levamos facendo desde hai moitos anos, que se actúe ante as temperaturas extremas no entorno laboral, pois as persoas traballadoras son un colectivo vulnerable. Debe actuarse, non só cando hai ondas de calor, senón que hai que previlas e estar preparado todo o ano. Co cambio climático estes episodios son cada vez máis numerosos e frecuentes, mesmo fóra dos períodos estivais. De feito, no mes de abril de 2024 soportamos as primeiras temperaturas anormalmente elevadas, sen chegar a ser cualificadas como onda de calor.
Evitar a tensión térmica é unha obrigación para todas as empresas desde que existe a Lei de Prevención de Riscos Laborais. O Real Decreto de seguridade e saúde nos lugares de traballo, modificado o ano pasado, permite paralizar a actividade laboral ante unha alerta vermella ou laranxa para calquera risco relacionado con fenómenos meteorolóxicos adversos, incluídas as temperaturas extremas. Ampara a calquera persoa traballadora, especialmente ás que desenvolven a súa tarefa ao aire libre ou en lugares de traballo pechados non climatizados, se a aplicación de medidas preventivas non é suficiente para poder garantir a súa saúde.
Este ano existe unha novidade importante no Plan nacional de actuacións preventivas dos efectos do exceso de temperaturas sobre a saúde (Ano 2024), que desenvolve o Ministerio de Sanidade para evitar os danos á saúde de toda a poboación. Nel inclúense como zonas isoclimáticas as que marca a AEMET, posto que non todas as rexións teñen o mesmo limiar de temperatura máxima para dar os seus avisos por calor (non afectan da mesma maneira 35 graos en Madrid que en Mondariz).
*Mapa de niveis de risco para a saúde: https://www.sanidad.gob.es/excesoTemperaturas2024/meteosalud.do
Desde o punto de vista da protección da saúde, tamén para a poboación traballadora, é necesario incluír estas alertas epidemiolóxicas, que se incluíron na páxina de AEMET como alertas METEOSALUD, nos plans fronte á calor das empresas, posto que se demostrou que os danos á saúde comezan moitas veces antes de que se disparen as alertas meteorolóxicas por ondas de calor.
Continuaremos a loita polos dereitos das persoas traballadoras de Paradores
En reunión da Sección Sindical de CCOO de Paradores de Galicia, analizamos o estado da situación despois da concentración do pasado 29 de maio en Madrid e as posibles actuacións futuras.
A valoración que facemos desta concentración en Madrid é totalmente positiva. CCOO conseguiu reunir a un número importante de persoas traballadoras de Paradores (a pesar da dificultade pola dispersión dos centros de traballo), todas gritando ao unísono que queremos "negociación seria e efectiva, mellora das condicións de traballo nos paradores e cumprimento do convenio e da lexislación nos centros de traballo".
O único que botamos en falta é a participación das outras centrais sindicais presentes na negociación do convenio. Pero esperamos que poidamos contar con elas nas seguintes mobilizacións que se leven a cabo mentres non mellore a situación.
Como cuestión principal, entendemos que isto non se pode quedar aquí, que temos o deber de continuar expresando o noso malestar pola situación que se vive nos paradores e esixindo un cambio substancial na dinámica da negociación do convenio.
Non é de recibo que levemos tantos anos sen poder acadar un acordo cando os resultados económicos son cada día mellores. Entendemos que os que a dirección chama continuamente o "principal activo de Paradores" seguimos sen recibir o que nos pertence polo esforzo realizado para conseguir eses resultados e para que esta empresa pública siga mellorando en todos os sentidos. Por iso debemos seguir esixindo unha negociación real e efectiva na que se nos dea o que nos pertence.
Non é de recibo que haxa Paradores nos que non se cumpre o convenio en horarios, calendarios laborais, dereito ás licenzas retribuídas, dereito a unha conciliación efectiva, dereito á desconexión dixital, dereito a unha saúde laboral efectiva incluíndo uns ritmos de traballo razoables que non danen a nosa saúde, etc. Por iso debemos esixir en todos os centros de traballo os mínimos dereitos que temos, utilizando os medios ao noso alcance e sen ceder no máis mínimo.
Por todo isto, entendemos que temos a obriga, tanto a representación sindical como as persoas traballadoras desta empresa, de seguir reivindicándonos cada vez con máis forza ata que nos fagan caso. Non debemos permitir que isto se quede nunha concentración diante da sede da empresa e nada máis; a reivindicación ten que continuar.
Paradores: Concentrámonos polo desbloqueo da negociación do convenio
Despois de 4 anos de negociacións infrutuosas do Convenio e de non recoñecer o fondo existente de 1.700.000 € para a constitución do Plan de Pensións, o 29 de maio CCOO concentrámonos na sede de Paradores en Madrid para reivindicar un cambio de actitude por parte da Hoteleira Pública. Ler máis
CCOO Servizos asinamos as novas táboas salariais da hostalaría de Lugo, con importantes subas e pagamento de atrasos
Acabamos de asinar coa patronal do sector as novas táboas salariais do convenio provincial de hostalaría de Lugo, que recolle importantes subas económicas e o pagamento duns atrasos que se poden remontar ao 1 de xaneiro deste ano. Destacamos, ademais, que o incremento económico é superior ao que recollía o convenio colectivo para evitar distorsións derivadas do novo salario mínimo (SMI).
No 2023 foi preciso incrementar moitos dos salarios deste convenio para adecuarse á suba do salario mínimo interprofesional, para evitar que quedasen por baixo do fixado legalmente.
Adiantámonos á situación que se produciría nos anos seguintes co incremento do SMI, polo que propuxemos que os soldos se actualizasen en primeiro termo conforme ao salario mínimo e, despois, se aplicase a o incremento salarial pactado no convenio.
Deste xeito, as categorías máis baixas, ao equipararse ao SMI, igualaron as que estaban por riba. Polo tanto, e de acordo con todas as partes asinantes, aprobáronse subas superiores ao establecido no convenio para poder manter a diferenza salarial entre as categorías inferiores e as superiores. Deste xeito, as táboas asinadas por CCOO supoñen para 2024 entre un 3% e un 5,66% máis ca o ano pasado, en función de cada categoría profesional.
Por último, sinalamos que unha vez se publiquen as novas táboas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, serán de aplicación obrigatoria. Así mesmo, as empresas que non o fixesen xa voluntariamente, deberán pagar os atrasos con efectos desde o 1 de xaneiro do 2024.
Acordo salarial convenio hostalaría Pontevedra
Co obxectivo de evitar atrasos derivados das dilacións nas negociacións, CCOO Servizos xunto con outras organizacións sindicais formalizamos esta mañá coa patronal un acordo exclusivamente centrado nos salarios para os anos 2022 e 2023. Comprometémonos a continuar as negociacións referentes ao texto do acordo e aos demais incrementos no mes de xaneiro de 2024.
O acordo contempla un incremento en táboas do 8% para os anos 2022 e 2023, ademais dunha paga lineal de 1.250€ proporcional a xornada e tempo traballado. Se a suma dos IPCs 2022-2023 é superior ao 8% de incrementos acordados, a diferenza terase en conta para a negociación de salarios de 2024.

CCOO Servizos esiximos á patronal axilidade para renovar o convenio da hostalaría de Pontevedra
CCOO-Servizos denunciamos a falta de interese da patronal de hostalaría da provincia de Pontevedra, que mantén o convenio caducado desde o 31 de decembro do 2021, hai xa case dous anos. Nnon podemos pasar outro Nadal sen regular as condicións de traballo no sector, especialmente nun momento en que os datos de ocupación están en máximos históricos.
Nunha conferencia de prensa que tivo lugar este luns en Vigo, os voceiros de CCOO, Jorge Carneiro e José Mirás, sinalaron que as patronais se queixan acotío da falta de persoal, cando ao mesmo tempo sorprenden «con declaracións ilegais e polémicas realizadas desde a patronal estatal, que defende xornadas escravistas de 12 horas diarias».
CCOO coida que cómpre «regular decontado» nun novo convenio as condicións de traballo, para o que lle reclama «axilidade» á patronal. O novo texto deberá incluír medidas para garantir a conciliación da vida persoal e a familiar, así como a mellora da cualificación profesional e dos salarios, para facer atractivas as condicións laborais do sector.
Precisamente, os baixos salarios, así como os incumprimentos en materia de xornada, os horarios que impiden a conciliación ou a falta de regulación das condicións dos fixos-descontinuos son algúns dos principais problemas.
CCOO esiximos mellores condicións laborais e unha aposta pola profesionalización para paliar a falta de man de obra na hostalaría
A falta de man de obra na hostalaría é unha queixa recorrente nas empresas e patronais do sector, especialmente nos períodos de maior demanda por mor do turismo. Fronte a isto, a Federación de Servizos de CCOO esiximos mellores condicións laborais, pois entendemos que é a razón de fondo que explica esta dificultade para contratar persoal cualificado. Así o expresou o sindicato nunha conferencia de prensa en que interviron Lucía Trenor, secretaria xeral de CCOO-Servizos; Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos; José Mirás, responsable de hostalaría de CCOO-Servizos.
Catro son os factores principais que cómpre corrixir: política de contratacións, conciliación da vida persoal e laboral, salarios e competencia desleal.
Contratación
A reforma laboral contribuíu a unha «leve mellora» na temporalidade dos contratos de traballo no sector, explica CCOO, cunha taxa do 6 % no subsector dos servizos de aloxamento, pero con cifras do 20 % no resto da hostalaría e restauración. Ao tempo, aumentan os contratos a xornada parcial, con cifras dun 24 % no sector do servizo de aloxamento, «moi por riba da estatal, dun 10,3 %», chegando ao 36 % na restauración.
Conciliación
Os excesos nas xornadas intensivas de traballo, o continuo cambio de quendas horarias e calendarios e o incumprimento dos descansos legais «xeran un grave problema de conciliación» da vida laboral e persoal. De feito, é un dos principais motivos de consultas e reclamacións que canaliza CCOO-Servizos no sector.
Remuneracións
En Galicia hai catro convenios provinciais con condicións moi dispares, tamén no que respecta aos salarios. Por exemplo, as retribucións recollidas no convenio provincial de Lugo para o posto de recepcionista son case 126 euros menores á mesma categoría na Coruña, diferenza que chega aos 136 entre unha camareira de piso de Pontevedra respecto dunha coruñesa.
Actualmente, o convenio de Pontevedra está en plena negociación, mentres que en Lugo «os salarios non son atractivos para quen poida estar interesado en traballar no sector».
Competencia desleal e masificación
Doutra banda, CCOO salienta os problemas derivados da afluencia masiva de turistas e a «competencia desleal e negativa» dos pisos de alugamento turístico, que no último ano aumentaron en Galicia case un 16 %, máis do dobre ca a media estatal (7 %). En concreto, pasouse de 12.695 a 14.775 na comunidade autónoma, mentres no Estado o aumento foi de 285.868 a 305.136.
CCOO desmente que en España falte persoal para traballar na Hostalaría, o que faltan son condicións de traballo dignas e mellores salarios
Para CCOO Servizos, en España hai suficiente e cualificada man de obra no sector de Hostalaría, as dificultades esgrimidas polas patronais son debidas á precariedade, os baixos salarios e as deficientes condicións laborais (quendas partidas, dificultade conciliación vida laboral e familiar, nin tan sequera un fin de semana de descanso ao mes).
Hai moitas persoas que abandonan a profesión e optan por traballar noutros sectores. Ler máis













