CCOO impulsamos un convenio galego para reducir desigualdades no sector do comercio
Hoxe trasladamos ao Consello Galego de Relacións Laborais unha solicitude formal para que convoque ás patronais galegas co obxectivo de iniciar a negociación dun convenio colectivo galego do sector do comercio.
Na actualidade, as condicións laborais das persoas traballadoras do comercio dependen en gran medida da provincia ou do convenio aplicado, mesmo cando o traballo desenvolvido é equivalente. Esta situación provoca desigualdades en salarios, xornadas e dereitos laborais que non teñen xustificación obxectiva.
A negociación dun convenio galego permitiría establecer condicións mínimas comúns para todo o sector en Galicia, evitar a competencia á baixa entre empresas e avanzar cara a unha maior igualdade entre as persoas traballadoras.
O Consello Galego de Relacións Laborais dispón das ferramentas necesarias para facilitar o diálogo entre as partes e contribuír á apertura deste proceso negociador.
Este paso supón o inicio dun camiño que consideramos imprescindible. Continuaremos informando puntualmente e defendendo os dereitos de todas as persoas traballadoras do comercio en Galicia.
Avanza a negociación do convenio do Comercio-Vario de Pontevedra
Reunión da mesa negociadora do 11 de decembro de 2025
Na última reunión do convenio do Comercio-Vario da provincia de Pontevedra, constatamos avances significativos na negociación. Houbo un achegamento entre os sindicatos e a patronal, e acordamos que os puntos pendentes se pecharán na próxima xuntanza co obxectivo de asinar o convenio en breve.
Acordo clave fóra do convenio
As tres centrais sindicais xunto coa patronal solicitamos a negociación dun Acordo Marco Galego de Comercio. Para nós, en CCOO, é fundamental:
-
Acabar coa dispersión dos convenios.
-
Garantir a igual traballo, igual salario, independentemente de onde se viva na provincia.
Proposta sindical conxunta
A proposta sindical conxunta presentou moitos puntos que xa foron aceptados pola patronal. Algúns aspectos deben matizarse e redactarse para garantir a súa correcta aplicación e a defensa dos dereitos laborais do sector.
Próximos pasos na negociación
A vindeira reunión terá lugar o 23 de decembro, coa participación de dúas persoas por sindicato e representantes da patronal. O obxectivo será pechar os matices pendentes e avanzar cara á firma definitiva do convenio.
Desde CCOO continuaremos informando sobre a evolución da negociación do convenio do Comercio-Vario de Pontevedra, para asegurar dereitos laborais, igualdade salarial e estabilidade no emprego en todo o sector.
CCOO rexeitamos por inasumible a proposta da patronal no convenio do Comercio do Metal de Pontevedra
Reunión da mesa negociadora do 11 de decembro de 2025
A reunión da mesa negociadora do convenio do Comercio do Metal da provincia de Pontevedra concluíu sen avances. A patronal presentou unha proposta que CCOO e o resto de sindicatos consideramos inasumible, ao non garantir salarios dignos nin o mantemento dos dereitos laborais actuais.
Un 2025 sen suba salarial real
A proposta empresarial establece que no ano 2025 o salario mínimo interprofesional (SMI) se utilice unicamente como referencia nas categorías máis baixas. Isto implica que non habería suba salarial real nin pagamento de atrasos, consolidando a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.
Incrementos salariais insuficientes e mal repartidos
Para o ano 2026, a patronal propón incrementos de entre o 4,37 % e o 9,27 %, cantidades que na práctica supoñen acumular dous anos de subas nun só exercicio. Para os anos 2027 e 2028, as subas previstas sitúanse entre o 3 % e o 3,5 % anual, claramente insuficientes para recuperar o salario real.
Recortes en incapacidade temporal e retrocesos en dereitos
A proposta inclúe un recorte na incapacidade temporal (IT), limitando o cobro do 100 % do salario unicamente aos casos de accidente laboral ou enfermidade profesional. Ademais, a patronal pretende non aplicar a compensación e absorción en 2026 e eliminar a promoción automática, medidas que supoñen un retroceso claro nas condicións laborais do sector.
Postura sindical: liñas vermellas claras
Desde CCOO, xunto co resto de sindicatos, a posición é firme:
-
Non aceptar un 2025 sen suba salarial.
-
Non permitir cambios na compensación e absorción.
-
Non aceptar a eliminación das promocións profesionais.
-
A incapacidade temporal só pode mellorarse, nunca recortarse.
Próximos pasos na negociación do convenio
A vindeira reunión da mesa negociadora terá lugar o 12 de xaneiro. Ante a falta de flexibilidade da patronal, as organizacións sindicais valoramos a convocatoria dunha asemblea do sector para informar ás persoas traballadoras e decidir os seguintes pasos.
CCOO continuaremos informando sobre a evolución da negociación do convenio do Comercio do Metal de Pontevedra, un acordo clave para garantir salarios xustos, estabilidade laboral e dereitos para o conxunto do persoal do sector.
O 75 % do persoal de Grandes Almacéns reclama que o traballo en domingos e festivos sexa voluntario e compensado.
Enquisa de clima laboral no sector de Grandes Almacéns
A sobrecarga laboral, a falta de conciliación e os baixos salarios están detrás do malestar xeneralizado das traballadoras e dos traballadores do sector de Grandes Almacéns en España, segundo reflicte a enquisa de clima laboral realizada pola Federación de Servizos de CCOO no marco da campaña Tempo para vivir.
A enquisa ten como obxectivo facer oír a voz do persoal e avalía aspectos clave do emprego, recollendo as principais demandas do sector.
Aumento da carga de traballo e redución do descanso
A práctica totalidade das persoas enquisadas coincide en sinalar un incremento da carga laboral e unha diminución do descanso (75,6 % totalmente de acordo; 15,4 % bastante de acordo; 7 % parcialmente de acordo).
Traballo en domingos e festivos: falta de conciliación
A sondaxe, realizada entre o 1 e o 8 de decembro, sitúa no centro unha das principais queixas derivadas da liberalización dos horarios comerciais: a falta de conciliación e a obriga de traballar domingos e festivos sen compensación.
Un 71 % identifica este aspecto como o peor do seu traballo, percepción compartida, en menor medida, por case outro 25 %. Non é casual que o 75,2 % reclame como prioridade a voluntariedade e a compensación retribuída do traballo en domingos e festivos.
Impacto en Galicia polas decisións da Xunta
En Galicia, o malestar incrementouse tras a decisión da Xunta de permitir a apertura os días 26 de xullo (domingo) e 15 de agosto (sábado), impedindo o descanso de dous fins de semana no verán en datas especialmente sinaladas.
CCOO convocará xornadas de folga neses dous días como protesta pola sobrecarga de traballo e pola imposibilidade de conciliación, fronte a unha decisión que prioriza as peticións da patronal ANGED e os beneficios económicos sobre a saúde e a vida persoal do persoal.
Baixos salarios e sistemas retributivos inxustos
Un 72,7 % das persoas enquisadas considera que o seu esforzo non está recoñecido cunha retribución xusta, o que evidencia os baixos salarios do sector.
O sistema de incentivos tamén recibe unha valoración maioritariamente negativa. Como consecuencia, o 48,6 % demanda que os sindicatos negocien sistemas retributivos máis xustos e salarios dignos.
Condicións laborais e impacto na saúde
O clima laboral reflicte cifras moi negativas no relativo á saúde: un 48,3 % está totalmente de acordo en que as condicións laborais afectaron negativamente á súa saúde, cun 22,3 % bastante de acordo e un 9,4 % parcialmente de acordo.
Principais demandas do persoal de Grandes Almacéns
A enquisa, na que participaron 24.227 persoas (máis do 10 % do persoal de dez grandes superficies), identifica como prioridades:
- Voluntariedade e compensación do traballo en domingos e festivos
- Melloras salariais
- Aumento dos días de descanso
- Maior dotación de persoal
- Redución de horarios ampliados, especialmente para maiores de 55 anos
- Respecto do calendario laboral e garantía de substitucións
Contexto xeral de precariedade laboral
Un estudo recente do CIS sinala que o traballo preocupa ao 34 % da poboación, principalmente por motivos económicos e de inestabilidade laboral. Os problemas de saúde física e mental aparecen como os máis frecuentes nun contexto no que o 16,4 % da poboación activa traballa nos sectores dos servizos e do comercio, caracterizados por elevada presión e precariedade.
Mobilizacións convocadas por CCOO Servizos
Desde CCOO Servizos denunciamos desde hai anos a falta de conciliación e as cargas de traballo no sector de Grandes Almacéns, especialmente en campañas como Nadal ou rebaixas. O traballo obrigatorio e non compensado en domingos e festivos, xunto coa perda de atractivo salarial, reforzan a necesidade de reclamar máis salario e máis tempo para vivir.
Por todo isto, convocamos concentracións o 18 de decembro para visibilizar a situación precaria do persoal.
Convocatoria de concentracións
18 de decembro · 12:00 h
Puntos de concentración en Galicia:
- Carrefour Ourense
- Alcampo A Coruña
Reunión con Inspección de Traballo: CCOO Servizos defendemos máis vixilancia e máis saúde laboral
Un encontro centrado en mellorar a protección laboral
A Federación de Servizos de CCOO Galicia, representada por Iván Cordeiro e acompañada pola secretaria de Organización do SN de CCOO Galiza, Maica Bouza, mantivo unha reunión coa Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia. A xuntanza estivo encabezada polo director territorial, Demetrio Ángel Fernández López.
No encontro, CCOO presentou as súas propostas para o Plan de Actuación da Inspección de Traballo de 2026, unhas liñas centradas en reforzar o control, a vixilancia e a protección da saúde laboral e dos dereitos das persoas traballadoras. Estas prioridades cobran especial relevancia nos sectores de servizos —hostalería, comercio, contact center, sector financeiro, mutuas e outros— onde aínda persisten problemas como a precariedade, as cargas de traballo excesivas e os incumprimentos en materia de prevención.
Prioridades expostas por CCOO Galicia
As propostas trasladadas puxeron o foco en dous eixos principais:
1. Máis prevención e saúde laboral
-
Reforzo das campañas de prevención de riscos.
-
Especial atención aos riscos psicosociais e aos trastornos musculoesqueléticos, especialmente en sectores moi feminizados e con tarefas repetitivas.
2. Control máis estrito da contratación
-
Seguimento máis rigoroso para combater o fraude laboral, o mal uso da parcialidade e outras prácticas irregulares.
-
Obxectivo: garantir contratos axeitados, reais e estables.
Compromiso da Inspección de Traballo
A Inspección comprometeuse a estudar en detalle todas as propostas e valorar cales se poden incorporar ao Plan de Actuación 2026, analizando o seu impacto e viabilidade.
Por que CCOO considera estas medidas imprescindibles
CCOO Servizos subliñamos que un plan de inspección forte é clave para asegurar:
-
Condicións de traballo seguras.
-
Emprego estable e digno.
-
Unha vixilancia efectiva contra a precariedade e o abuso empresarial.
Insistimos en reforzar estas liñas para que a Inspección de Traballo cumpra plenamente o seu papel como garante dos dereitos laborais e da saúde laboral das persoas traballadoras.
























