A sentenza é demoledora tanto no relativo aos feitos probados, como aos fundamentos de dereito, nos que o tribunal fala de presións á hora de dirixir o voto contra CCOO, da manipulación por parte do xerente para tentar conseguir un convenio de empresa que empeore as condicións laborais do persoal e a represión interna tanto cara á afiliación de CCOO e a todas as persoas que discrepan coa actitude autoritaria e caciquil que se vive nos centros.
A sentenza do TSXG Condena á Fundación monte Do Gozo-Proxecto Home Galicia ao cesamento inmediato de tal comportamento antisindical así como a abonar ao Sindicato demandante unha indemnización de 15.000 euros polos danos morais provocados e pola súa conduta antisindical.
Esta indemnización, súmase ás importantes cantidades que A Fundación tivo que pagar en concepto de sancións á Inspección de Traballo e indemnizacións a traballadoras despedidas de forma improcedente tal e como recoñecen diferentes sentenzas xudiciais.
CCOO xa ten manifestado en roldas de prensa a xestión irresponsable da Fundación monte Do Gozo-Proxecto Home Galicia: non ten o máis mínimo escrúpulo en destinar miles de euros do diñeiro procedente de subvencións e doazóns, ao pago de sancións e indemnizacións, mentres mantén unha
situación de precariedade no seu persoal que afecta gravemente á atención dos usuarios e usuarias dos seus centros, sen que a administración ou o padroado, coñecedores destes feitos, tomen ningún tipo de medida respecto diso.