CCOO Servizos rexeitamos as peticións de apertura en festivos solicitadas por Alcampo e Mercadona en Ferrol
CCOO Servizos vimos de emitir un comunicado ao Concello de Ferrol en resposta ás solicitudes das empresas Alcampo e Mercadona para modificar os festivos de apertura comercial autorizada. No escrito, mantemos a nosa firme oposición á apertura de establecementos comerciais en domingos e festivos.
As solicitudes en cuestión propoñen o seguinte:
-
Mercadona solicita que se permita a apertura o 1 de novembro (festividade de Todos os Santos) en troques do 8 de decembro (Día da Inmaculada Concepción).
-
Alcampo solicita a apertura o 7 de xaneiro e o 21 de abril, festividades locais no Concello de Ferrol, sen especificar a cambio de que días festivos.
Dende CCOO Servizos, subliñamos que, a día de hoxe, nada substancial mudou no sector comercial en relación co impacto que teñen as aperturas en domingos e festivos sobre as condicións de traballo das persoas traballadoras. Esta práctica, lonxe de mellorar o funcionamento do comercio, provoca unha precarización crecente das condicións laborais, con prolongacións de xornadas e incrementos de xornadas irregulares, o que dificulta gravemente a conciliación da vida laboral e familiar.
Por estas razóns, reiteramos a nosa firme oposición a calquera ampliación dos horarios de apertura en festivos. Entendemos que o horario comercial actual xa atende adecuadamente as necesidades do público, sen necesidade de sacrificar os dereitos dos traballadores e traballadoras. A ampliación destes horarios só serviría para agravar os problemas existentes no sector e suporía un prexuízo directo para os empregados e empregadas do comercio, que verían máis limitadas as súas opcións de descanso e conciliación familiar.
Dende CCOO Servizos, facemos un chamamento ao Concello de Ferrol e á Consellería de Economía, Industria e Innovación para que desestimen estas solicitudes, priorizando o benestar das persoas traballadoras e o equilibrio entre a actividade comercial e conciliación.
A defensa das condicións dignas de traballo e a conciliación da vida laboral e familiar seguen a ser para nós unha prioridade innegociable.

CCOO Servizos avanzamos con forza nas eleccións sindicais de Eroski Vegalsa Sigüeiro -plataforma-
No día de onte celebráronse as eleccións sindicais no centro de traballo de Eroski (Vegalsa) Sigüeiro, destacando un avance significativo de CCOO Servizos, que aumentamos a nosa representación en comparación cos anteriores comicios.
Cun apoio cada vez maior das e dos traballadores, CCOO logramos pasar de 5 delegadas e delegados na última convocatoria a un total de 7 na presente, converténdonos nunha forza sindical de referencia. Este crecemento evidencia o recoñecemento do labor e o compromiso de CCOO na defensa dos dereitos laborais, así como a capacidade para conectar coas necesidades reais do persoal.
Pola súa banda, Fetico obtivo 7 delegadas e delegados, con 1 técnico adicional. UGT mantén a súa representación con 2 delegados.
Con estes resultados, o avance de CCOO é un claro sinal de que os traballadores e traballadoras confían cada vez máis no noso proxecto. Desde CCOO comprometémonos a seguir traballando para mellorar as condicións laborais e dar resposta ás demandas que nos expoña o persoal.
Estes resultados son froito do esforzo colectivo e unha mostra de que o diálogo, a loita e a constancia seguen sendo ferramentas efectivas para acadar melloras no ámbito laboral.
Moitas grazas a todas e todos os que confiastes en nós. Seguimos avanzando!
O persoal de LIDL Pontevedra elixe a CCOO Servizos como a forza maioritaria do comité
CCOO Servizos logramos un importante avance nas eleccións sindicais celebradas en LIDL Pontevedra, establecéndonos como a forza sindical maioritaria. Os resultados mostran un claro respaldo do persoal á nosa organización, que obtivo un total de 6 representantes no comité de empresa.
Resultados por colexios electorais
No colexio de técnicos e responsables, CCOO obtivemos 1 representante con 30 votos, seguido por UGT con 1 representante e 20 votos, e CIG con 1 representante e 16 votos.
No colexio de especialistas e caixeiros/as, CCOO logramos unha ampla maioría con 5 representantes e 91 votos. CIG e UGT obtiveron 2 representantes cada un, con 37 e 36 votos respectivamente. Valorian conseguiu 1 representante con 25 votos.
Comparativa cos resultados anteriores
Os resultados destas eleccións supoñen unha mellora significativa para CCOO respecto ás anteriores, onde obtivemos 5 representantes. Agora, cun total de 6 representantes, CCOO consolidámonos como a forza maioritaria no comité de empresa.
|
Sindicato |
Resultados actuais |
Resultados anteriores |
|---|---|---|
|
CCOO |
6 |
5 |
|
CIG |
3 |
5 |
|
UGT |
3 |
0 |
|
Valorian |
1 |
2 |
|
Fetico |
0 |
1 |
Agradecemento ao persoal
Desde CCOO queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todo o persoal de LIDL Pontevedra, que depositou a súa confianza en nós. Este apoio reafirma o noso compromiso de seguir traballando incansablemente para defender os dereitos e intereses de todas as persoas traballadoras da empresa.
Este resultado é un claro reflexo do recoñecemento á nosa labor sindical e un estímulo para continuar mellorando as condicións laborais en LIDL Pontevedra. Comprometémonos a exercer esta responsabilidade con dedicación e transparencia, buscando sempre o beneficio colectivo de todo o persoal.
A Xustiza condena a Froiz Supermercados por sancionar sen motivo unha delegada de CCOO
O Xulgado do Social n.º 1 de Lugo acaba de condenar a empresa Froiz Supermercados por sancionar indebidamente unha traballadora que ten a condición de delegada por CCOO e presidenta do comité de empresa en Lugo.
A sentenza condena e obriga a empresa a anular a sanción, a lle aboar os salarios non percibidos e a indemnizar por danos morais a delegada de CCOO, pois quedou probado en sede xudicial que a sanción obedecía a unha represalia polas funcións sindicais exercidas pola traballadora.
Amais desta traballadora delegada de CCOO, outra compañeira, tamén delegada de CCOO, foi sancionada. A Federación de Servizos de CCOO en Galicia impugnou tamén esta sanción e confían en que a empresa sexa novamente condenada pola mesma práctica antisindical demostrada no primeiro xuízo.
A Federación de Servizos de CCOO en Galicia lamenta que nunha empresa da envergadura de Froiz Supermercados se sigan utilizando nestes tempos prácticas antisindicais polo feito de actuar en defensa dos dereitos e intereses do persoal.










