A Xunta volve poñerse de parte da patronal e manterá as aperturas en domingos e festivos no comercio galego
Conciliación laboral e familiar no comercio galego en risco
Desde hai anos, a Xunta de Galicia négase a garantir a conciliación laboral e familiar do persoal do sector do comercio, consolidando un modelo insostible que deteriora o pequeno comercio e empeora a calidade de vida das traballadoras e traballadores.
Apertura en domingos e festivos: impactos en 2025
A situación agrávase en 2025 coa inclusión do 26 de xullo e do 15 de agosto como días de apertura, impedindo que o persoal poida gozar de fins de semana libres en pleno verán. A Federación de Servizos de CCOO sinalamos que estes días deberían ser un dereito básico para o descanso e a vida familiar.
A postura de CCOO: apertura innecesaria
CCOO insistimos en que a apertura en domingos e festivos non é necesaria: os horarios semanais xa permiten facer compras sen ampliar a actividade nestas datas. Ademais, neste exercicio a Xunta nin sequera pediu valoración ao sindicato, ignorando a voz das persoas traballadoras do comercio.
Contexto de xornada laboral e horarios comerciais
Nun contexto de demanda de redución da xornada laboral e racionalización dos horarios comerciais, para evitar xornadas interminables que chegan máis alá das dez da noite, o Goberno do PP toma a decisión contraria: suprimir de golpe dous fins de semana libres, recortando descanso e favorecendo só os intereses empresariais.
Compromiso de CCOO
CCOO seguiremos denunciando esta política regresiva e defenderemos un modelo de comercio xusto, sostible e conciliable.
Noticias en prensa:
Galicia Press: Críticas a la Xunta por permitir a los comercios abrir domingos y festivos: "Consumismo por delante de derechos"
Galicia Confidencial: CC.OO. reprocha á Xunta que manteña a apertura dos comercios os domingos e festivos: "Castiga aos traballadores"
CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turÃstica e criticamos a exclusión sindical
Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.
Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.
Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:
-
Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.
-
Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.
-
Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.
-
Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.
En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.
CCOO Servizos non asinamos o Plan de Igualdade de Mercatabria (GADIS) por insuficiente e discriminatorio
Por que CCOO non asinamos o II Plan de Igualdade de Mercartabria nin o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo?
Non a un Plan de Igualdade de mínimos
En CCOO dicimos NON a este Plan de Igualdade porque:
-
É un plan feito á medida da empresa, que ignora moitas das nosas propostas.
-
As medidas son escasas e cun investimento ridículo para unha compañía que obtén grandes beneficios.
-
Négase a entrar de cheo na loita contra a discriminación e a desigualdade nun cadro de persoal altamente feminizado.
Foron rexeitadas as nosas propostas de:
-
Garantir a transparencia retributiva.
-
Mellorar a conciliación e a corresponsabilidade.
-
Impulsar a promoción interna.
Un protocolo que non protexe
Tampouco asinamos o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo porque:
-
Mestura este protocolo co de acoso laboral, o que dilúe a súa especificidade e dificulta a protección das vítimas.
-
Non garante unha protección real, xa que introduce un “procedemento previo” que atrasa e bloquea a apertura dun protocolo efectivo, restando garantías á representación legal das persoas traballadoras.
UGT e USO decidiron asinar este plan de igualdade, a pesar de que non garante nin sequera un mínimo de avances reais en materia de igualdade e supón un retroceso nos dereitos do persoal, poñéndose do lado da empresa e non das traballadoras e traballadores.
En CCOO non imos avalar documentos que non protexen, que maquillan a realidade e que deixan en segundo plano os dereitos do persoal. Queremos medidas reais, investimento suficiente e compromiso firme contra a discriminación e o acoso.
Asinado o convenio do comercio alimentación de Ourense
Tras a ratificación en asemblea por parte das traballadoras e dos traballadores, anunciamos a sinatura definitiva do convenio colectivo do sector da alimentación da provincia de Ourense, acadado no proceso de mediación.
Este logro é froito directo do apoio masivo das persoas traballadoras ás mobilizacións, concentracións e xornadas de folga. A loita sostida foi decisiva, e desde CCOO Servizos Galicia queremos recoñecer o papel fundamental do sindicalismo organizado para acadar este acordo.
Melloras salariais principais
O convenio terá unha vixencia de catro anos, cun incremento salarial acumulado de máis do 26%, distribuído así:
-
2025: incremento do 11,74% sobre as táboas de 2024 (agás o Grupo IV, que sobe un 12,38%)
-
2026: incremento do 6,35%
-
2027: incremento do 3%
-
2028: incremento do 3%
Ademais, se a suma do IPC real supera o 3% nos anos 2027 e 2028, aplicarase unha actualización anual pola diferenza, ata un máximo do 2,5% adicional.
Outras melloras sociais
-
1 día máis de vacacións (ata 32 anuais)
-
3 fins de semana de calidade garantidos
-
Axuda escolar: 80 € por fillo/a
-
Plus de nocturnidade: 20%
Este acordo achega as condicións laborais de Ourense ás do resto de provincias galegas e rompe unha fenda histórica de discriminación territorial.
Desde CCOO Servizos Galicia traballamos cunha visión estratéxica para acadar un convenio galego do sector da alimentación que garanta: a igual traballo, igual retribución en todo o territorio.
Para conseguir este obxectivo é imprescindible reforzar a representatividade de CCOO, que cun traballo serio, responsable e eficaz na mesa de negociación demostrou ser unha ferramenta fundamental na consecución do acordo.
A organización e o apoio sindical marcan a diferenza.
Este convenio é un avance histórico, posible grazas á firmeza das traballadoras e dos traballadores e ao labor constante de CCOO.
Seguimos demostrando que loitar serve










