Consideran que se trata dunha represalia da compañía multiservizos contra unha persoa que se significou na mellora das condicións laborais

Adecco Outsourcing despide o presidente do comité de empresa de Pontevedra, xesto que CCOO tacha de represión


Conflito Adecco
A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Servizos) denuncia o despedimento do presidente do comité de empresa de Adecco Outsourcing en Pontevedra. O afectado, Rafael López, encabezara un proceso de eleccións sindicais que a compañía demorou un ano. So o pretexto da «estraña» (segundo o sindicato) desaparición do servizo en que López traballaba, a empresa «manobrou» para o despedir «por causas obxectivas».


Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,
Desde CCOO-Servizos consideran que se trata dunha «represalia» por parte de Adecco, que se «libra» así dunha persoa que se significou na loita por dignificar o traballo na empresa. Os devanditos acordos permitiron «mellorar sensiblemente as condicións laborais», o que representou un «feito inédito no tenebroso panorama estatal do sector multiservizos», aseguran fontes sindicais.

O sindicato acusa a Adecco de «agocharse tras das reformas laborais» para, deste xeito, danar a negociación colectiva. Faino, ademais, «con premeditación, actuando contra un representante legal do persoal».

CCOO-Servizos, amais de «rexeitar publicamente este despedimento», considera que se trata dun «atropelo» contra o afectado e contra as persoas que o elixiron como o seu representante. O sindicato está a traballar en distintas liñas para procurar unha solución.