Folga do persoal de Tragsatec para rexeitar o ERE no Grupo Tragsa - #StopEreTragsa
O persoal de Tragsatec irá á folga mañá martes, 12 de xaneiro, para amosar o seu rexeitamento ao ERE no Grupo Tragsa. CCOO denuncia que a execución do ERE comezou en pleno Nadal, cando, tras recibir o aval do Tribunal Supremo, foron notificados os primeiros despedimentos.
Mediante este despedimento colectivo, Tragsa prevé prescindir de 1.336 traballadores e traballadoras, 117 en Galicia. Isto, malia que a empresa pública ten reservas voluntarias por valor de 261 millóns de euros, critica Comisións, que concitou a unanimidade da oposición política en Galicia contra o ERE.
CCOO denuncia que mentres isto acontece, a empresa segue aboándolles aos seus directivos e mandos intermedios unha paga por obxectivos denominada «dirección por obxectivos». Ademais, nos últimos meses seguiuse contratando persoal eventual en todas as oficinas da empresa no estado, o que para o sindicato é a proba de que aumentou a carteira de pedidos da compañía.
Por último, o sindicato lembra a «millonaria» débeda das Administracións públicas co grupo Tragsa, que superaba os 460 millóns o pasado mes de novembro. Débeda, ademais, sete veces superior á previsión de perdas acumuladas entre 2014 e 2019.
+ Para máis información:
Claudio Landeira, delegado de CCOO en Tragsatec: 649 684 220
Un ERTE pechará o Gran Hotel da Toxa durante seis meses
Os membros do comité de empresa do Gran Hotel da Toxa recibiron a semana pasada a documentación que acredita a intención da dirección de impulsar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que afecta a 75 membros da plantilla, e que pechará o único hotel-balneario de cinco estrelas de Galicia entre o 1 de febreiro e o 15 de maio; e, de novo, despois do verán, do 15 de outubro ata o remate de decembro.
Baseándose nunhas previsións económicas que estiman perdas para eses seis meses, os representantes de Hotusa anuncian a súa intención de xestionar o establecemento como un hotel estacional durante este ano 2016. Está previsto que o peche se comunique de maneira oficial ao conxunto dos traballadores o luns.











