Toca mobilizarse no convenio do comercio-metal de Pontevedra
A día de hoxe, a negociación do convenio de Comercio Metal da provincia de Pontevedra atópase nunha situación de bloqueo total.
As propostas da patronal son inadmisibles. De seren aceptadas, suporían un retroceso histórico nos nosos dereitos. Que pretenden?
- Eliminar o complemento de IT (Incapacidade Temporal/Baixa).
- Permitir a compensación e absorción das melloras voluntarias que xa conceden as empresas.
Estas medidas implicarían unha perda directa de salario para moitas persoas traballadoras do sector. A parte empresarial insistiu nestes recortes na reunión do pasado 12 de xaneiro, reiterando a súa postura inmobilista.
Ademais, pretenden que non se cobren os atrasos do ano 2025 (lembremos que o convenio rematou o 31 de decembro de 2024).
É hora de mobilizarse
Ante este ataque, as tres centrais sindicais presentes na mesa, tras asemblea cos delegados e delegadas do sector, decidimos que é o momento de iniciar mobilizacións para obrigar á patronal a mudar as súas pretensións.
Nos vindeiros días valoraremos cales son as accións máis efectivas e trasladaremos ao conxunto do persoal das empresas a necesidade dunha participación masiva.
Seguiremos informando
CCOO aclara a realidade do conflito no sector téxtil e denuncia o uso da folga para crear expectativas irreais
Ante a avalancha de informacións interesadas difundidas nas últimas semanas sobre as mobilizacións e folgas no sector do comercio téxtil na Coruña —e non no conxunto de Galicia—, así como tras a publicación de noticias deturpadas sobre unha suposta mediación do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), a Federación de Servizos de CCOO aclara publicamente a realidade do conflito e do proceso negociador fronte á desinformación xerada deliberadamente.
CCOO non cuestiona o dereito de folga nin a lexitimidade de quen decide exercelo. O que denuncia é o uso da folga como coartada para construír relatos interesados, crear expectativas irreais e manipular as persoas traballadoras.
Desde hai semanas difúndense mensaxes que non se corresponden coa realidade da negociación do convenio estatal promovido pola patronal ARTE. Determinadas organizacións trasladan ás persoas traballadoras informacións conscientemente distorcidas, creando unha ficción de avances inexistentes e dun acordo inminente que é falso.
A negociación do convenio de ARTE, que só afecta ás grandes empresas do sector téxtil e non ao comercio en xeral nin ao pequeno comercio, non está avanzada nin madura, nin próxima a pecharse. Atópase nunha fase inicial. Afirmar o contrario non é un erro: é unha estratexia de intoxicación do conflito e de desinformación sindical.
Prevalencia autonómica
É grave facer crer que a patronal estatal estaría disposta a «recoñecer» os marcos autonómicos ou provinciais como consecuencia das folgas. A prevalencia dos convenios non depende da vontade patronal: o Estatuto das Persoas Traballadoras, no artigo 84 —modificado hai dous anos—, regula a prevalencia autonómica e as condicións para a provincial. Non é concesión, nin novidade, nin vitoria derivada de mobilizacións. Presentar unha previsión legal como un logro é faltar á verdade e enganar deliberadamente as persoas traballadoras.
CCOO non participa porque non existe un escenario real de bloqueo. Só se celebraron dúas reunións do convenio estatal de ARTE tras o desbloqueo da mesa: unha inicial coa exposición da patronal e outra na que CCOO foi o único sindicato que deixou claro que as posicións están moi afastadas e que velará pola mellora das condicións do conxunto do sector.
Falar de acordo próximo, de negociación avanzada ou de conquistas logradas é falso. Ademais, na Coruña deféndese agora un Convenio de Comercio Vario que foi rexeitado no seu día pola CIG por insuficiente. A memoria selectiva non cambia a realidade.
A reunión co CGRL: nin froito das folgas nin mérito alleo
CCOO desminte que a reunión co CGRL sexa consecuencia das folgas. É resultado dun traballo sostido durante os últimos anos e, en concreto, de dous escritos recentes: un de CCOO reclamando un Convenio Galego de Comercio e outro da CIG sobre un acordo marco no mesmo ámbito pero limitado e insuficiente.
Galicia presenta un mapa desigual: A Coruña ten convenio a renovar en 2026; Lugo acumula baleiro desde 2015; Ourense desde 2024; Pontevedra segue en negociación. Levamos anos defendendo a necesidade dun convenio autonómico que poña fin ao caos actual no sector do comercio galego. Este é o problema real.
CCOO non pode apoiar mobilizacións limitadas á Coruña que ignoran a situación do resto do país e consolidan un modelo desigual e precario. CCOO sempre estará para loitar por un convenio autonómico que garanta as mesmas condicións laborais para todas as persoas traballadoras do comercio en Galicia.
CCOO defenderá os dereitos desde o rigor e a verdade. O obxectivo é unificar o sector, acabar coa atomización, garantir igualdade de condicións e dignificar o comercio en Galicia mediante negociación colectiva real, honesta e xuridicamente sólida.











